Todo é gravísimo (agás algunha cousa)

Francis Urquhart (Ian Richardson), protagonista de House of Cards (BBC, 1990) © BBC

Se viron vostedes House of Cards, a produción da BBC británica de 1990 baseada na novela homónima de Michael Dobbs (1989) e despois viron House of Cards, o 'remake' estadounidense que principiou en 2013 protagonizado por Kevin Spacey e popularizado en plataformas como Netflix, é posible que apreciasen múltiples paralelismos entrambas historias de paixóns, loitas de poder e miserias políticas. Moi especialmente na primeira temporada, diversas tramas e escenas da adaptación americana remiten con claridade á orixinal británica, máis alá de que onde había un primeiro ministro haxa un presidente ou con independencia de que algunhas escuras operacións transcorran, por exemplo, no Metro de Washington e non nunha azotea de Londres.

Quen seguise de preto a política galega e a traxectoria de Feijóo nela apreciará no seu papel de líder do PP tramas e escenas xa vividas en Galicia

Unha sensación semellante é a que senten -sentimos- dende hai algo máis de medio ano quen, por traballo, interese ou afección seguimos de preto a política galega en xeral e, en particular, a traxectoria nela de Alberto Núñez Feijóo. O acceso do ex-presidente ao liderado estatal do PP en substitución de Pablo Casado está dando lugar, como a serie americana que sucedeu á británica, a tramas e escenas xa vividas en Galicia dende os seus tempos de oposición ao Executivo de PSdeG e BNG, con independencia de que onde estaba o Pazo do Hórreo agora estea o Senado ou, poñamos por caso, onde antes estaba o ourensán José Manuel Baltar agora figure a madrileña Isabel Díaz Ayuso.

Alberto Núñez Feijóo, nunha comparecencia ante a prensa na súa etapa de oposición en Galicia e nun acto de partido en Albacete o pasado 1 de decembro de 2022 CC-BY-SA PPdeG | © David Mudarra / PP

É sabido que Feijóo non marchou só a Madrid. Con el foi o seu equipo de asesoría máis próximo, o núcleo duro encabezado por Mar Sánchez Sierra que durante a última década foi cúpula directiva da Xunta e do PPdeG. De boa parte dese equipo -e do agora presidente Alfonso Rueda- dependera a execución do manual de asedio político estreado fronte á coalición de esquerda na Xunta ata 2009 e reproducido agora en Madrid, con clásicos básicos como acusar o Goberno da esquerda de amante do luxo a conta dos fondos públicos ou esixir ao presidente dese gabinete (antes Emilio Pérez Touriño, agora Pedro Sánchez) cesamentos de representantes da forza política minoritaria dun Executivo (antes Anxo Quintana, agora Irene Montero) sinalado como un permanente enfrontamento interno.

O 'remake' madrileño implica sinalar a situación como máxima emerxencia. Onde antes había imposición do galego ou desbalde irreparable agora advírtese da "maior crise institucional da historia democrática", un "aquelarre" dun "Goberno en chamas" sometido a "populismo e independentismo"

O remake madrileño dese manual implica tamén sinalar a situación política e social do territorio que se aspira a gobernar (antes Galicia, agora España) como máxima emerxencia. Unha excepcionalidade que require dun xiro inmediato ante un escenario insostible. 

Onde antes se alertaba dunha suposta imposición do galego en Galicia, dun desbalde irreparable ou de inconfesables tramas político-empresariais en sectores como o eólico agora advírtese da "maior crise institucional da historia democrática". O Goberno do PSOE e UP "pon en risco as bases constitucionais" coas súas "cesións" ao "populismo e independentismo de extrema esquerda" e o "problema obsesivo" de Pedro Sánchez co "control" no medio do "aquelarre de acontecementos dun Goberno en chamas", segundo declarou Feijóo nas últimas semanas.

Ao tempo, o ex-presidente esixía á ministra de Igualdade que "recolla o despacho" tras acusar o PP de fomentar a "cultura da violación" con campañas como a da Xunta polo 25N. Por esas palabras os populares organizaron, ademais, unha manifestación ás portas do Congreso que tamén tivo un aquel de remake malia non acudir Feijóo.

Feijóo, presentando a Alfonso Rueda nun almorzo informativo organizado pola axencia Europa Press en Madrid o pasado 22 de novembro CC-BY-SA Xunta

Estas advertencias xenéricas sobre unha suposta extrema gravidade da situación apóianse nalgúns elementos reais, caso das reducións de condenas ratificadas por algúns tribunais en aplicación da nova lei de liberdade sexual ou da incerteza económica global. Pero deixan de lado outros cando a realidade non acompaña as alertas sobre unha crítica excepcionalidade da situación. 

Mentres a hipérbole se desboca no inicio dun intensísimo ciclo electoral, en Galicia continúa un proceso xudicial que nos remite a feitos, estes si, obxectivamente de máxima gravidade

Así, por exemplo, a cuestión económica perdeu espazo nas intervencións do ex-presidente na semana en que Eurostat avanzou que o incremento de prezos no Estado español é xa o menos intenso da zona euro e o seu equipo descualificou como "maquillados" os datos do paro rexistrado que acreditan que o emprego se sostén e mesmo medrou levemente en novembro, mes que adoita traer consigo destrucións de postos de traballo. Non é tampouco a primeira vez que o propio Feijóo resta credibilidade a indicadores públicos do mercado de traballo, pois xa o fixera como presidente da Xunta e tamén como líder da oposición en Galicia.

Mentres a hipérbole se desboca no inicio dun intensísimo ciclo electoral, en Galicia continúa un proceso xudicial que nos remite a feitos, estes si, obxectivamente de máxima gravidade, os acontecidos na curva de Angrois o 24 de xullo de 2013, cando o accidente dun tren Alvia deixou tras de si 80 mortes e 144 persoas feridas. O xuízo deixou esta semana relevantísimas declaracións como a de Christopher Carr, experto en seguridade ferroviaria da UE que dende a Axencia Ferroviaria Europea foi clave na investigación do accidente e que esta semana volveu afirmar con rotunidade que Adif e Renfe tiñan a "obriga compartida" de controlar o exceso de velocidade en Angrois

Christopher Carr, experto en seguridade ferroviaria da UE, entrando ao xuízo polo accidente de Angrois o pasado 1 de decembro CC-BY-SA Praza Pública

As palabras de Carr -agás excepcións puntuais e mesmo individuais- pasaron practicamente desapercibidas no ámbito político. Tamén para as voces que advirten de estarmos vivindo nunha situación de máxima gravidade e que naquel infausto xullo de 2013 chamaban a non cuestionar o acontecido alén do evidente despiste do maquinista, a non ser que se quixese "desacreditar a alta velocidade española" por "intereses económicos". Tomándonos a licenza de readaptar a célebre afirmación sobre os papeis de Bárcenas pronunciada en 2013 por Mariano Rajoy -agora cronista futbolístico con gran predicamento nas redes sociais, outro dos acontecementos das últimas semanas-, todo é gravísimo agás algunha cousa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.