"Chegou Feijóo e mandou parar". En xaneiro de 2007 a comisión para a reforma do Estatuto levaba algo menos dun ano traballando. Era un grupo de 15 deputadas e deputados que reproducía a composición do Parlamento: 7 membros do PP, 5 do PSdeG e 3 do BNG e incluía unha subcomisión paritaria con tres membros de cada grupo. Os traballos avanzaran moito e apenas ficaban uns cantos "flocos" en dúas cuestións: a referencia á condición nacional de Galicia no preámbulo e o rango legal da lingua galega, no articulado.
En 2007 "houbo mesmo un acordo técnico e informal" sobre o Estatuto, "pero chegou Feijóo e mandou parar", resumiu un dos participantes nunha negociación que ecoa agora no bloqueo do Poder Xudicial polo ex-presidente, agora líder do PP
Socialistas, nacionalistas e populares acordaron que eses puntos finais fosen abordados directamente polos seus xefes de filas: Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana, líderes orgánicos de PSdeG e BNG e tamén presidente e vicepresidente da Xunta, e mais Alberto Núñez Feijóo, presidente do PPdeG dende principios de 2006. O encontro fixouse para o 17 de xaneiro daquel 2007 en nas vésperas, os "negociadores principais" da comisión aproximaron aínda máis as posturas. "Houbo mesmo un acordo técnico e informal, pero chegou Feijóo e mandou parar", lembraba en 2012 un dos participantes nas conversas, o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, en declaracións a Praza.gal.
O volantazo final do daquela substituto de Fraga á fronte do PP galego ecoa nos últimos días. Cronistas que naquela chuviosa tarde de xaneiro de 2007 agardaban polo resultado da xuntanza de Monte Pío vírono reflectido no serán do pasado 27 de outubro deste 2022, cando a dirección estatal dos populares anunciaba, a través dun comunicado, que o propio Feijóo viña de comunicar ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, a ruptura das negociacións para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial, poder do Estado co mandato caducado dende hai catro anos e en cuxa recomposición é imprescindible o voto a prol do PP.
Para vetar o novo Estatuto Feijóo esgrimiu que a definición da identidade nacional galega ía contra a Constitución. Para frear a renovación do Poder Xudicial argumenta que Pedro Sánchez foxe da posición "constitucionalista" no tipo penal da sedición
Para constatar a fin da reforma estatutaria, Feijóo xustificara que a definición da identidade nacional galega que avalaban Touriño e Quintana ía contra a Constitución nun contexto marcado polo daquela novo Estatuto catalán. Agora esgrime que as "conversas quedan suspendidas" porque Pedro Sánchez prevé seguir adiante coa reforma da tipificación do delito de sedición no Código Penal e o PSOE debe "decidir" se "quere avanzar cun partido constitucionalista" ou "da man de partidos que buscan debilitar o Estado de dereito". Horas antes, segundo publicou o xornal El Mundo, a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, incrementara a presión sobre Feijóo para evitar o acordo.
Ruptura do consenso lingüístico
Apenas un mes despois do fracaso da reforma estatutaria, en febreiro daquel mesmo 2007, o PPdeG deu en participar na recta final doutra negociación. Tratábase do decreto do uso do galego no ensino que o Executivo de socialistas e nacionalistas decidira elaborar en colaboración cos grupos parlamentarios, incluído o da oposición. Aquel día, a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón (PSdeG), compareceu ante a prensa xunto con todas as partes da negociación para anunciar que había pacto.
A delegación do PP encabezábaa Manuela López Besteiro, que fora conselleira con Fraga, e congratulouse polo texto pechado: combinaba "galeguismo" e "equilibrio entre as dúas linguas oficiais" sobre o a base do Plan Xeral de Normalización, o "instrumento esencial" avalado por unanimidade parlamentaria en 2004. Entre os preceptos daquel Plan de 2004 e do novo decreto figuraba a impartición dun "mínimo" do 50% das materias escolares en lingua galega e apostaba por que algunhas das materias en galego fosen matemáticas ou outras áreas técnicas, tal como indicaba o documento aprobado aínda con Fraga na Xunta.
Tras frear o Estatuto, o PP chegou a comparecer en público con PSdeG e BNG para anunciar o pacto sobre o decreto do galego. Escasos meses despois, o presentado como unha mostra de "galeguismo" e "equilibriou" pasou a ser denunciado pola dirección de Feijóo como un exercicio de "imposición"
Pero neste eido tamén houbo volantazo. En apenas catro meses meses, a dirección do PP de Feijóo pasou a sinalar o novo decreto como unha ruptura do "consenso" que non garantía os "dereitos lingüísticos" e "abría a porta a un modelo monolingüístico". Os populares aseguraran que non recuaran, senón que o Goberno da esquerda mudara o texto ás súas costas, e negaran presión ningunha da dirección central do partido.
Entre a foto coa conselleira e a ruptura celebráranse unhas eleccións municipais nas que os populares perderan as tres alcaldías urbanas que lles quedaban (Vigo, Ourense e Ferrol) e mais a Deputación de Lugo. Mentres, medraba o ruído e a cobertura mediática dun colectivo denominado Galicia Bilingüe nacido ao abeiro dun manifesto divulgado a través de internet baixo o título Tan gallego como el gallego no que se alertaba dunha suposta imposición do galego en Galicia. Tamén medraba no PPdeG o temor á que a daquela emerxente UPyD de Rosa Díez puidese pescar nos seus caladoiros de votos urbanos menos dados ao galeguismo.
Menos de dous anos despois, o PPdeG compartiu pancarta de Galicia Bilingüe con Díez para manifestarse contra a Xunta e en 2009, tras chegar por primeira vez a presidencia da Xunta, Feijóo iniciou a derrogación daquel decreto de 2007. En 2018, cando a oposición lle lembrou no Parlamento aqueles feitos, o ex-presidente da Xunta afirmou que "nunca promovín nin promoverei conflitos" sobre o idioma e quen dixese o contrario estaba instalados na "posverdade".