Retrocorenta 6: Saímos á noite

CC-BY-NC-SA Deseño Retrocorenta: Isabel Vila | Montaxe: Praza Pública
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-sxpl-92f1fd3.jpeg

Neste Retrocorenta imos da verbena á discoteca con Pili Pampín e co novo dono da sala Hermo en Muimenta, Plenario Veiga. Lembramos o Yguazú en Lugo e saímos por Ordes con Matías Tarrío

Volverán as noites nas que as máscaras, as probas de antíxenos e o xel hidroalcohólico non entren na ecuación para ir de festa. Mentres, como o verán é sinónimo de ocio para moitas e moitos, dedicamos este episodio do podcast Retrocorenta ás verbenas, aos míticos pubs e discotecas e a todas esas rutinas moi dos noventa que xa quedan para a Historia pop(ular). 

No Retrocorenta 6: Saímos á noite contamos coa polifacética artista Pili Pampín, imos ata Muimenta para falar con Plenario Veiga sobre o rexurdimento dun dos locais míticos do país: a sala Hermo e quedamos co compañeiro de Vinte Matías Tarrío que nos achega a como era ir de festa na vila de Ordes.

"A esencia de cando ía eu a Hermo aínda a hai", asegura Plenario Veiga sobre a sala de festas de Muimenta

Moito nos gusta recrearnos en cousas míticas neste podcast que repasa os últimos corenta anos de memoria colectiva dende que se aprobou o Estatuto de Autonomía de Galicia, pero é que neste caso empregamos o adxectivo con todo senso porque se hai unha sala de festas mítica esa é a discoteca Hermo, fundada polos irmáns Morán en 1975 en plena Terra Chá, e que reabriu pouco antes da pandemia da COVID-19 da man de Plenario Veiga, propietario do Tibor en Meira. 

"Moita sorte non tiven porque apenas traballamos catro meses e apareceu isto... Pero co mítica que é a sala Hermo ano e medio non vai ser o que nos poña o freo", cóntanos Veiga, que ía todos os venres ata Muimenta cos amigos, houbese ou non actuación. "A esencia de cando ía eu aínda a hai. A forma de saír da xente hoxe en día algo cambiou pero quedan veteranos aos que lles gusta ir por alí". 

"Como bo adolescente ao principio ía a toda esa festa a eito", conta Matías Tarrío sobre os sábados dos 90 en Ordes

Outro punto de peregrinación da noite galega foi Ordes e a súa ampla oferta de ocio nocturno liderada pola discoteca LP45. "É difícil de asimilar e entender todo o que alí sucedía cada sábado pola noite", asegura Matías Tarrío, quen chegou a tempo para vivir "a hora das lentas" en primeira persoa. Xente da comarca e das cidades máis próximas –Santiago, A Coruña e Ferrol– chegaba en autobús ao campo da feira para saír en Ordes.

"Como bo adolescente ao principio ía a toda esa festa a eito, pero despois como que xa renegabas de todo iso e xa che gustaba máis ir ao Badulaque a escoitar rock and roll ou ao Arcos. A primeira vez que eu escoitei nun pub a The Offspring foi no Papaluz de Ordes", lembra Tarrío, quen nos confesa que aínda vai de festa pola vila, a última vez xusto antes da chegada da COVID.

"Hai un tipo de ocio nocturno que, como tal, non volverá", sinala Tarrío, que tamén nos leva con el ata a Rúa Nova de Abaixo de Compostela, onde se daban citan as e os universitarios (e os que xa superaran esa etapa) nunha concentración de bares que facía case imposible atravesar por alí nas boas noites. "Eran outras formas de relacionarse. Estaba todo moi baseado no alcohol, a xente bebía moitísimo... Era outra maneira, todos alí a mogollón metidos nun pub".

En Galicia somos moi de verbenas e en Lugo as verbenas eran baixo teito na sala de festas Yguazú. José Luis Lombao, que traballou alí con vinte anos, comparte connosco as súas lembranzas dunha das últimas actuacións de Pucho Boedo e Los Tamara: "Non defraudaba nunca".

"Podemos sentirnos orgullosos de que a xuventude vaia máis de verbena", salienta Pili Pampín

Poucas persoas coñecerán tantas verbernas galegas como Pili Pampín, coa que pechamos este programa por todo o alto. "Antes unha verbena era máis para matrimonios, para parellas que ían bailar o pasobre, e agora organizáronse máis as orquestras con grandes luceríos e iso chama moitísimo máis á xuventude. Podemos sentirnos orgullosos de que vaian máis de verbena", salienta Pampín. 

Os comezos non foron doados, como tampouco o está a ser este parón obrigado por mor da situación sanitaria polo coronavirus, pero aí segue a incombustible Pili Pampín: "As verbenas son unha apredizaxe espectacular, son un reto. Hoxe estás aquí e mañá noutro lado, non sabes como che vai recibir o público".

A gana de festa non falta así que poñede o podcast para escoitar isto e moito máis no programa conducido por David Lombao e Ana G. Liste. Haberá que ter paciencia, que xa nos di Pili Pampín que as nosas verbenas volverán como se nunca tiveran marchado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.