O desembarco de Alberto Núñez Feijóo en Madrid como remuda do defenestrado Pablo Casado á fronte do Partido Popular provocou que os focos mediáticos dalgúns medios editados na capital de España virasen, máis dunha década despois, cara ao dito e feito polo ex-presidente nos seus anos á fronte da Xunta e tamén no tempo en que encabezou a oposición ao Goberno de PSdeG e BNG. Mesmo o actual Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos bota agora man dalgúns puntos escuros da Xunta de Feijóo para procurar facer ver que non é un líder moderado e xestor no que confiar para rexer o Estado.
A do Poder Xudicial non é a primeira negociación de Feijóo para nomeamentos institucionais. En Galicia, as máis das veces os acordos acabaron volvéndose contra quen sentaba da outra banda da mesa
Nos últimos días, Feijóo foi chamado á Moncloa polo presidente Pedro Sánchez para abordaren unha das principais contas pendentes do principal partido da dereita, o desbloqueo da renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, un poder do Estado embarrancado dende hai case catro anos cuxa parálise vén de agravarse tras a dimisión de Carlos Lesmes como presidente. Tras o encontro, o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, deu en asegurar que a negociación do Executivo e do PSOE co PP agora vai ser en "serio" para, desta volta si, cumprir o estipulado na Constitución.
Non é, nin de lonxe, a primeira vez na que Feijóo e o equipo asesor de confianza que o acompaña dende os seus tempos como alto cargo do Goberno de Aznar, conselleiro de Fraga ou líder da oposición galega -agora, con engádegas para a dirección central do PP- ten que pactar nomeamentos ou posicións institucionais con outras formacións políticas, nomeadamente cos socialistas. Foron varias as ocasións nas que isto sucedeu en Galicia e tamén varias nas que o resultado deses acordos acabou volvéndose contra quen sentaba da outra banda da mesa, as máis das veces o PSdeG.
O PP de Feijóo logrou por dúas veces situar na Valedoría do Pobo nomes da súa preferencia en acordos co PSdeG que implicaban outros nomeamentos. En ambos casos, as persoas elixidas tiveran que acabar dimitindo tras un ronsel de polémicas
Un deses nomeamentos que, no ámbito galego, require de maioría reforzada do Parlamento -non abonda con que o decida a primeira forza da Cámara aínda que conte con maioría absoluta- é o da Valedoría do Pobo. Esa foi unha das primeiras negociacións que Feijóo abordou dende a oposición á coalición PSdeG e BNG. Tras un ano coa institución en situación interina, as conversas frutificaron en 2007, uns poucos meses despois de que o propio Feijóo fixese descarrilar de vez outra negociación política ao máis alto nivel, a da reforma do Estatuto de Autonomía.
Nos meses previos ao acordo, Feijóo rexeitara as opcións para o posto que formulara o Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño, tamén interesado en desbloquear outros nomeamentos pendentes, os de tres membros do Consello de Contas -entre eles, o conselleiro maior-. Para ambas cuestións o substituto de Fraga impoñía unha condición adicional, que o director xeral da CRTVG fose elixido polo Parlamento aínda que a lei vixente daquela marcaba que o seleccionaba a Xunta.
Finalmente, houbo pacto. A CRTVG desapareceu da mesa de negociación e o elixido como Valedor foi Benigno López, un maxistrado considerado de perfil conservador e do agrado de Feijóo, que a cambio accedera a que o conselleiro maior de Contas fose o profesor Antonio López, o actual reitor da Universidade de Santiago, na altura considerado como da contorna da Fundación Iniciativas 21, laboratorio de ideas do PSdeG neses anos.
Benigno López deixou de ser Valedor tras as súas controvertidas declaracións a prol dunha suspensión da lei de dependencia en plena xeira de recortes sociais. Milagros Otero deu en dimitir meses despois dunha sentenza do TSXG segundo a cal manobrara para dar con "arbitrariedade" un posto na institución a unha familiar de Fraga
Tanto socialistas como nacionalistas acabarían lamentando aquel acordo con Feijóo anos despois, en 2012, cando en plena crise económica e financeira internacional o daquela Valedor suxeriu no Parlamento a posibilidade de "suspender" a aplicación da lei de dependencia e adxectivou como "imprescindibles, xustos e necesarios" os recortes sociais do Goberno de España do PP de Mariano Rajoy. A enorme controversia política creada por aquelas palabras acabaría precipitando a dimisión de López, que regresou á súa carreira como maxistrado no Tribunal Superior de Xustiza, dende onde nos últimos anos ditou varias sentenzas notablemente críticas coa xestión da actual Xunta.
Pero aínda habería unha segunda negociación para a Valedoría do Pobo con resultado falido. Tras un trienio de interinidade na institución, cuberta polo daquela vicevaledor José Julio Fernández, en 2015 o PP volveu pechar un pacto co PSdeG, pero desta volta cos populares no Goberno e os socialistas na oposición. Outra volta, a negociación foi a varias bandas e levou no mesmo lote outros nomeamentos, naquel caso de tres postos no Consello de Contas e a renovación do Consello de Administración da CRTVG -sen o director xeral- por primeira vez conforme á nova lei de 2011. Tamén a designación como senador do daquela líder socialista, José Ramón Gómez Besteiro, aspecto do acordo que o PP incumpriu.
A elixida para o posto fora Milagros Otero, catedrática de Filosofía do Dereito na Universidade de Santiago, de coñecida afinidade co PP. Do acordo desmarcárase o resto da oposición, na altura conformada por AGE e BNG, e mesmo algunhas voces socialistas. Otero levaba apenas un ano no posto cando comezou a protagonizar abondosas polémicas, caso dos seus recorrentes reproches reproches contra o Concello de Santiago (neses anos con goberno de Compostela Aberta) a respecto da problemática das persoas sen fogar, chegando a revelar revelar na propia Cámara datos persoais privados de tres delas. Ante as críticas no eido político e fóra del, Otero presentárase como vítima de "ataques deslexitimadores".
Tras dimitir, Otero regresou como colaboradora de opinión a espazos da CRTVG, cuxa dirección xeral tamén require, segundo a lei, ser elixida cunha maioría reforzada que ata agora o PP nunca accedeu a tecer
O que era un malestar político crecente virou noutra situación politicamente explosiva. Sucedeu en 2018, cando o Tribunal Superior de Xustiza sentenciou que a propia Otero manobrara nun proceso "á medida" para dar con "arbitrariedade" un posto de xefa de servizo na institución a María Puy Fraga, irmá do voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, sobriña do falecido ex-presidente Manuel Fraga e, polo tanto, filla de Francisco Puy, de quen a daquela Valedora fora "discípula" na USC.
Como sucedera con López, a oposición de esquerda reclamou de inmediato a dimisión de Milagros Otero, que acabaría dimitindo en xullo de 2019, tres meses despois de simular que xa o fixera, entre eloxios do PP. Pouco despois, regresaría como colaboradora de opinión a espazos da CRTVG, cuxa dirección xeral tamén require, segundo a lei, dunha maioría parlamentaria reforzada que os populares nunca accederon a tecer. A súa substituta, Dolores Fernández Galiño, tamén foi nomeada por un pacto entre o PP e o PSdeG hai algo máis de tres anos sen que ata agora protagonizase controversia ningunha.