O PP equipara as críticas do PSOE a Feijoó con ataques a Galicia

Feijóo, entre Prado e Rueda, no congreso do PPdeG que designou o actual presidente da Xunta líder do partido en Galicia CC-BY-SA PPdeG

Hai anos que o Executivo galego do PP adoita presentar as súas medidas e posicións políticas utilizando "Galicia" como suxeito, como sinónimo de "Goberno" ou "Xunta". O mesmo adoita facer dende 2018 cando expresa en público a súa contrariedade ou oposición a medidas do Goberno de España, primeiro do PSOE e despois dos socialistas con Unidas Podemos.

Esta aposta á hora de trazar os marcos do seus discurso foi desenvolvida no tempo en que Alberto Núñez Feijóo foi presidente. Máis de trece anos no poder apoiado en catro maiorías absolutas consecutivas nas que o agora líder estatal da formación conservadora aseguraba non concorrer aos comicios por un partido, senón pola Xunta. Por "Galicia".

Feijóo, a principios de 2020 nun acto do PP coa verba 'Galicia' en primeiro plano e comparecendo tras un Consello coa marca 'Galicia' da Xunta ás súas costas CC-BY-SA PPdeG | Xunta

Durante a presidencia de Feijóo, o PP tendeu a identificar o agora ex-presidente con "Galicia" e a usar o nome do país como sinónimo de "Xunta"

Esta estratexia segue moi presente na dialéctica do PP galego, agora presidido por Alfonso Rueda, igual que a Xunta, identificando agora as críticas do PSOE a Feijóo con ataques a Galicia. Así vén de quedar acreditado nas últimas semanas, moi especialmente dende que a pasada semana o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, dedicou boa parte da súa réplica á quenda de Feijóo no debate sobre política enerxética para preguntarse se algúns dos seus erros sobre diversas cuestións responden á "insolvencia" ou á "mala fe", mais tamén para criticar aspectos concretos da súa xestión na Xunta.

Tras as críticas do ministro Bolaños na Coruña contra o agora líder do PP, na liña iniciada por Pedro Sánchez no Senado, os populares instan o PSOE a "sacar as súas sucias mans da xestión dos gobernos de Feijóo" e acúsanos de "burlarse" da "intelixencia dos galegos", que "non son parvos"

O equipo de Sánchez coida que o debate no Senado foi "revelador" e por iso apostan por seguir desmontando a Feijóo dende o Goberno e dende o partido. Nesa liña encádrase, por exemplo, a visita do ministro de Presidencia, Félix Bolaños, o pasado domingo na Coruña. Bolaños cargou contra Feijóo como un dirixente "falto de rigor, de propostas, de vontade de acordos, de equipo e de verdade" nun contexto no que "estamos empezando a coñecelo mellor" na escena estatal "grazas ás semanas horribilis que leva", ironizou para considerar evidente que é "un líder sen solvencia nin rigor" cuxas propostas son "un taco de folios en branco". No mesmo acto, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formosou, afeou a Feijóo recortes en materia sanitaria e educativa.

As palabras do ministro eran retrucadas dende o PPdeG por parte da súa número dous, a secretaria xeral, Paula Prado, quen instou os "ministros de Pedro Sánchez" a que "saquen as súas sucias mans da xestión dos gobernos" de Feijóo en Galicia. "Teñen que lavar a boca con lixivia para falar diso" porque "os galegos non son parvos". "Deixen de mancillar a Galicia", esixiu aos "señores de la PSOE".

O ministro Félix Bolaños, flanqueado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, o pasado domingo na praza coruñesa de María Pita CC-BY-NC-SA PSdeG

Na mesma liña, o antecesor de Prado na secretaría xeral do PPdeG e actual vicesecretario estatal de organización do partido, Miguel Tellado, consideru as verbas do ministro Bolaños como "unha burla á intelixencia dos galegos" porque "lle deron catro maiorías absolutas consecutivas" ao seu xefe de filas. Este luns o voceiro parlamentario da formación, Pedro Puy, considerou que "chama a atención" que Bolaños utilizase na súa visita a Galicia "argumentos ad hominem" e "ataques persoais" contra Feijóo, tamén senador por designación do Parlamento, que "non desempeña nestes momentos en Galicia funcións políticas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.