O maquinista do tren, xa en comisaría, imputado por homicidio por imprudencia

Autoridades no lugar do accidente © Goberno de España

O condutor do tren accidentado en Compostela o pasado mércores, Francisco José Garzón, foi trasladado xa a comisaría logo de recibir a alta médica no Hospital Clínico de Santiago, segundo vén de informar o ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz. "Está en situación xurídica de detido pola Policía pola imputación dun presunto delito de homicidio por imprudencia", destacou do condutor do tren, que está á espera de declarar ante o xuíz, aínda que o TSXG aclara que o paso a disposición xudicial sexa a partir do vindeiro luns.

"Está imputado por un presunto delito de homicidio por imprudencia", destaca o ministro do Interior

Precisamente, o xuíz Luis Aláez xa ordenara que se lle tomase declaración no mesmo centro hospitalario, algo que levou a cabo o venres a Policía, que non conseguiu resposta ningunha. Tal e como era previsto, Garzón acolleuse ao seu dereito a non declarar, presuntamente polo consello dos seus avogados, e non revelará os detalles do sinistro até que sexa reclamado polo maxistrado. A conversa telefónica na que recoñecía a elevada velocidade é clave, pero aínda máis o será a caixa negra do Alvia descarrilado. Segundo diversas fontes, a hipótese que manexa a Policía é a dun erro humano provocado por un despiste.

O Goberno, Renfe e Adif insisten en centrar no maquinista a responsabilidade. O propio ministro de Interior falaba xa a primeiras horas do sábado de "indicios razonábeis de que pode ter responsabilidade no sucedido". O responsable de Adif asegurara o pasado venres que o maquinista tería que ter freado catro quilómetros antes e logo de insistir en que era "función" del "controlar a velocidade" porque, senón, "sería un pasaxeiro". O máximo responsable de Renfe lembrou que o maquinista coñecía perfectamente o percorrido e sabía que non podía superar os 80 quilómetros por hora na fatídica curva da Grandeira.

Ana Pastor asegura que "quen opera o ferrocarril" debe cumprir as normas de seguridade

“Os sistemas de seguridade en Europa e España están axeitados en cada momento aos tipos de trens e á velocidade permitida, e hai uns protocolos que definen os técnicos. E a esa definicion e eses protocolos son aos que se teñen que ater as persoas que teñen responsabilidade de estar á fronte dun tren", engadiu a ministra de Fomento, Ana Pastor, con moita menos contundencia. Máis tarde, asegurou que "quen opera o ferrocarril" debe cumprir as normas de seguridade, aínda que sen citar en momento ningún o maquinista. Ademais, asegurou que en momento ningún se fixeron recortes que afectasen a seguridade.

Pero ninguén dá aclarado o motivo exacto do feito de que o sistema máis avanzado de freado non estivese instalado na zona de sinistro. Porque crece a polémica sobre a razón de que os últimos quilómetros deste percorrido non contasen co sistema ERTMS, que impide que un tren supere a velocidade máxima establecida, e que se comezou a implantar nas liñas de alta velocidade hai uns anos. Adif asegura que o sistema existente na zona -o ASFA- é suficiente, cun tráfico a velocidade normal, para xestionar a circulación, pois éntrase nunha zona urbana e coa estación a poucos quilómetros.

    Algúns maquinistas critican o trazado de entrada en Compostela por haber "un cambio moi brusco de velocidade"

Os sindicatos saíron na defensa do maquinista ou, cando menos, achegaron argumentos que diminuirían a súa responsabilidades. Ademais, un grupo de maquinistas criticou o trazado da vía férrea nos seus accesos a Compostela por haber "un cambio moi brusco de velocidade, de 200 quilómetros por hora a 80, 120 de diferenza en moi poco tempo". Ademais, o sindicato de maquinistas (Semaf) amosou a súa "sorpresa" pola "rápida detención e imputación" do condutor do tren.

 

O número oficial de falecidos é de 78

Por outra banda, tanto o TSXG como a Policía Científica anunciaron na tarde do sábado que xa foron identificadas oficialmente todas as vítimas mortais do accidente, logo de que se identificasen os tres corpos que quedaban, un deles dun varón francés. "Nestes momentos non queda ningunha familia esperando a que lle sexa notificada a identificación", asegurou o Tribunal.

"Cabe a posibilidade, tendo en conta o avanzado polos forenses nas últimas horas, e sempre á espera dos resultados do ADN, que os tres restos que recibiron un número independente no proceso de levantamento de cadáveres correspondan a vítimas xa contabilizadas. Deste xeito, e sempre á espera da evolución dos pacientes hospitalizados, o número de falecidos no accidente sería de 78", asegura o TSXG.

Rajoy e Feijóo, no lugar do accidente © Goberno de España

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.