Tres anos de Feijóo: inercias dunha 'estrela' que xa non brilla tanto

Feijóo asina o seu 'Contrato con Galicia', o 11 de febreiro de 2009 © PP

"14. Rexeneración democrática. Gobernar para todos, independentemente das súas preferencias políticas, eliminar prácticas clientelares e aplicar con capacidade de reacción a asunción de responsabilidades nos supostos que correspondan."

"3. Eliminar e reducir drasticamente os gastos superfluos en publicidade, altos cargos, asesores, automóbiles ou obras nas dependencias do goberno.”

Once de febreiro de 2009. Faltan dúas semanas para as eleccións ao Parlamento de Galicia e o candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, convoca os medios de comunicación na Terraza da Lonxa do Hostal dos Reis Católicos, no Obradoiro compostelán. Sitúase diante dunha cristaleira que converte en fondo escénico da súa comparecencia a mesmísima residencia oficial de Monte Pío. Ao seu carón, a bandeira galega por duplicado. Restaban vinte e catro horas para o inicio da campaña electoral e o líder da dereita galega que xa superara o reto de ser alguén máis que "o que está no sitio de Fraga" queríase presentar ante os galegos como presidente. As navalladas electorais quedarían para outros, incluso para o propio Mariano Rajoy, que xa percorría as corredoiras galegas consciente de que el tamén xogaba moito nos comicios galegos. En ton solemne, Feijóo amosaba un sobrio cartafol con dous folios sepia dentro. Neles plasmábanse catorce puntos que, aseguraba, suporían todo un compromiso "político, persoal e moral" no caso de chegar ao Goberno. Era o Contrato con Galicia, un compromiso medible que o candidato aspiraba a superar cunha nota "non inferior a sobresaliente".

Feijóo aspiraba a superar o compromiso do contrato cunha nota "non inferior a sobresaliente"

Chegou o 1 de marzo e as urnas dixeron que o Contrato ía entrar en vigor avalado por unha maioría absoluta e dirixido polo que xa era o barón autonómico por excelencia no PP, a estrela máis brillante dun firmamento deprimido por dúas derrotas fronte a Zapatero e asediado por incómodas circunstancias como o caso Gürtel. Rajoy fotografábase sempre que podía con quen quería converter o bipartito nunha transitoria mala brincadeira da historia, o mesmo ao que se lle atribúe a frase "agora son eu o que está preocupado" cando confirmou que lle tocaría presidir a Xunta.

De todo aquilo pasaron xa tres anos. O PP atesoura máis poder ca nunca no conxunto do Estado e a estrela Feijóo xa non brilla tanto. Hai quen o adiantou no campionato da austeridade e nas altas esferas do seu partido, dominadas omnipotentemente por Dolores de Cospedal, xa non son todo sorrisos. Descartado, polo tanto, un salto a Madrid para o que hai overbooking, toca ollar máis aquén Padornelo ca nunca e facer balance do Contrato comezando, por exemplo, pola que fora bandeira electoral do presidente: a "rexeneración democrática", "comprometerse" para "devolver a credibilidade á clase política", dicía en 2009. Desterraríase o "amiguismo", o "clientelismo", o "enchufismo" e, ademais, a "austeridade" deixaría polo camiño calquera gasto "improdutivo".

Máis de mil días despois, a crise galopante trouxo consigo, si ou si, a contención do gasto e tamén unha acción de Goberno no que o control do déficit o é todo. O Goberno "para todos" sufriu a erosión das acusacións de, por exemplo, "desigualdade" no reparto de fondos públicos en función da cor política dos concellos ou mesmo de "persecución" política. A fin da propaganda oficial "inútil" segue a agardar por unha Lei de Publicidade institucional que non remata de chegar. Mentres, as campañas institucionais de dubidosa utilidade séguense a contratar. Hai menos altos cargos, pero algúns seguen a cobrar máis ca o propio presidente e, entre as obras de cuestionada rendibilidade social, segue a destacar a Cidade da Cultura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.