Persoal, sindicatos, partidos da oposición e todo tipo de asociacións critican que nada se corrixa nos medios públicos galegos malia as sentenzas que constatan a precariedade laboral e represalias
En setembro de 2018 persoal dos medios públicos galegos, co apoio dos principais sindicatos e partidos da oposición, reclamaron nas rúas de Compostela independencia informativa e a elección dun novo director xeral da CRTVG pola maioría cualificada do Parlamento que esixe a lei galega desde hai unha década. Daquela ían 16 venres negros, as mobilizacións semanais que vén protagonizando o persoal dos medios públicos englobado en Defende a Galega.
Catro anos despois, cando os venres negros xa van polo seu número 233, Santiago volveu acoller unha marcha similar sen que nada cambiase nese tempo e mesmo empeorase no que ten que ver co trato da CRTVG ao seu persoal, segundo certifican sucesivas sentenzas xudiciais tanto por cuestións laborais como por represalias en resposta ás súas protestas.
A manifestación deste domingo, “por unha CRTVG ao servizo do pobo”, convocada polo comité intercentros do ente público, contou co apoio do Colexio de Xornalistas, BNG e PSdeG, os principais sindicatos e asociacións e colectivos sociais de todo tipo, que se sumaron á reclamación do persoal dun “rescate” dos medios públicos galegos, “secuestrados” pola Xunta, para poñelos ao servizo da cidadanía.
As críticas que o persoal da CRTVG vén lanzando desde hai anos contra a “manipulación” e “control político” dos medios públicos víronse avaladas nos últimos tempos mesmo pola xustiza. Se a manifestación de hai catro anos chegaba despois da dimisión de dous destacados presentadores do Telexornal en protesta polo seu control informativo, a deste domingo chega tras unha sentenza xa firme que confirma que a dirección do ente público represaliou un traballador polas súas críticas no marco dos venres negros. Outras moitas sentenzas veñen constatando a precariedade laboral instalada no ente público.
Mentres, Alfonso Sánchez Izquierdo segue á fronte da dirección xeral da compañía, onde o puxo Alberto Núñez Feijóo hai máis dunha década malia que a lei dos medios públicos de 2011 sinala que o posto debe ser elixido por maioría reforzada. Porén, en 2015 o PP inseriu unha emenda que lle permite seguir no cargo por tempo indefinido se os partidos con representación parlamentaria non acordan unha substitución, paso que os populares non teñen interese en dar.
Ao tempo, a resposta habitual da dirección da CRTVG cando ten que comparecer no Parlamento para dar explicacións da súa xestión é que as críticas da oposición son intentos de censurar a liberdade de expresión que ao seu ver hai na compañía.
As reclamacións van máis alá da liberdade de expresión e a xestión da compañía e demandan que a programación preste maior atención á infancia, á cultura e lingua propias e á produción audiovisual independente
Pero os convocantes da marcha deste domingo van máis alá das cuestións directamente relacionadas coa liberdade de expresión e a xestión da compañía. Reclaman tamén unha programación que "preste especial atención á infancia e á mocidade, que promova e defenda a identidade, a cultura e lingua propias de Galicia, que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente e que erradique dunha vez por todas a manipulación e cancelación de contidos e profesionais".