"Por unha CRTVG ao servizo do pobo". Ese é o lema baixo o que o comité intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galicia e máis de 30 organizacións sociais, políticas ou sindicais convocan unha manifestación o vindeiro domingo 6 de novembro en Santiago e chaman á cidadanía a "tomar as rúas para rescatar a TVG e a Radio Galega do secuestro do Executivo galego".
O comité e máis de 30 organizacións sindicais, sociais e políticas convocan unha manifestación "por unha CRTVG ao servizo do pobo"
Os partidos da oposición parlamentaria (BNG e PSdeG), Anova, todos os principais sindicatos de Galicia (CIG, CCOO, UGT, CUT, CGT e CNG), a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), SOS Sanidade Pública, o SLG, a Plataforma Feminista Galega, InvestiGal-Rede Galega pola
Investigación, A Mesa ou Queremos Galego son algúns dos colectivos que convocan a marcha.
Na rolda de prensa na que fixeron público o manifesto que recolle "as demandas colectivas en común" advirten de que a Xunta "mantén secuestradas a radio e a televisión públicas de Galicia, antepoñendo os intereses do PP aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público".
A mobilización chega catro anos despois de que unha concorrida manifestación tinguise Compostela de negro "pola dignidade dos medios públicos" no que eran os inicios dos venres negros, movemento do persoal que rolda as 230 semanas de protesta. Daquela, o inmobilismo da Xunta e da dirección da CRTVG ante as demandas levara os traballadores a saír á rúa, tamén co apoio dos partidos da oposición e dos sindicatos, que agora non só apoian, senón que se adhiren directamente á convocatoria.
Salpicada por múltiples conflitos e litixios laborais, sinalada pola "manipulación" e a "deriva ideolóxica" logo de polémicas pezas informativas e mesmo condenada polo TSXG por represaliar un traballador crítico vulnerando os seus dereitos fundamentais, a CRTVG volve ser o albo das críticas do seu persoal pero tamén da oposición política e de numerosas entidades do ámbito sindical, cultural, artístico, ecoloxista ou veciñal de Galicia.
En todas elas coincide o rexeitamento a moitos dos procederes da CRTVG, a denuncia de control político por parte do PP ou de contidos que "alimentan o machismo". Pero tamén do inmobilismo e da "impunidade total" coa que din se levan a cabo moitas das prácticas sinaladas ante un aparente silencio ou unha asumida resignación.
Na comparecencia pública, os convocantes da marcha sinalan a "deterioración progresiva da CRTVG" e o "abandono das misións que ten encomendadas". Por iso, "chaman á sociedade galega a saír ao rescate dos seus medios" e manifestan a súa "firme vontade" de defender a existencia dunha radiotelevisión pública "que difunda contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, como a igualdade e a non discriminación, e a calidade da propia democracia".
Os convocantes chaman á sociedade a "saír ao rescate dos seus medios" para "rescatar a CRTVG do secuestro da Xunta"
As demandas insisten na denuncia de "manipulación" e "control político", ademais de incumprimento da lei de medios, que desde hai tempo fai o persoal mobilizado da Radio Galega e a TVG (Defende A Galega) e o propio comité intercentros.
Así, reclaman tamén unha programación que "preste especial atención á infancia e á mocidade, que promova e defenda a identidade, a cultura e lingua propias de Galicia, que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente e que erradique dunha vez por todas a manipulación e cancelación de contidos e profesionais".
Así, instan tamén os poderes públicos ao "cumprimento da normativa do sector audiovisual público galego, nomeadamente a designación por unha maioría cualificada do Parlamento do director xeral". Ao actual, Alfonso Sánchez Izquierdo, acúsano de "ser designado a dedo hai trece anos por Núñez Feijóo" e considérano "expresión dun modelo de radiotelevisión que non garante a independencia do ente público".
Con boa parte do persoal amosando o seu fastío, unha nova polémica rebordou o vaso e acabou por convencer o comité intercentros da necesidade dunha nova mobilización. Unha peza do Telexornal sobre exhumacións de fosas do franquismo que priorizou unha pregunta dunha canle de YouTube de ultradereita sobre o contido informativo -e que ergueu as críticas do persoal, da oposición parlamentaria e do mundo do xornalismo- supuxo o impulso definitivo. Os representantes dos traballadores reclamaron a dimisión da dirección de informativos e decidiron daquela volver convocar unha gran manifestación.
O persoal da CRTVG volve á rúa e pretende estar acompañado de moitos máis. Catro anos despois da gran marcha en Santiago en 2018. Aquela chegara poucas semanas despois da dimisión de dous destacados presentadores do Telexornal en protesta polo control informativo. Desde aquela, un amplo seguimento de varias folgas, o recoñecemento da mobilización cun Premio José Couso á Liberdade de Prensa que foi deliberadamente silenciado nos medios públicos, reprimendas da Xunta Electoral por falta de "neutralidade" ou represalias en forma de apertura de expedientes a xornalistas críticos, como denuncia Defende A Galega, no caso de Tati Moyano ou do propio Carlos Jiménez.
"Hai unha impunidade total", coinciden sempre en sinalar desde a oposición. Tanto BNG como PSdeG levan anos advertindo da falta de medidas e do "silencio" da Xunta -e de moitos máis- ante a "manipulación perversa" ou mesmo ante casos tan graves como a sentenza do TSXG que confirma represalias políticas dentro dos medios públicos.
Para chamar á manifestación, os convocantes anunciaron tamén un calendario de divulgación da protesta, con concentracións nas sete cidades nas vindeiras semanas para explicar a problemática dos medios públicos e pedir o apoio da sociedade.