O comité intercentros que representa o persoal da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) ten convocada para o vindeiro 6 de novembro en Santiago unha manifestación na que chamarán a "rescatar" a Televisión de Galicia e a Radio Galega. Apoiados polos grupos da actual oposición (BNG e PSdeG) e unha trintena de organizacións, entre elas os principais sindicatos, piden apoio cidadán para pór fin ao que denominan "secuestro da Xunta" nos medios públicos, en referencia á influencia gobernamental nos contidos, especialmente nos informativos, así como á necesidade de pór fin ao mandato indefinido do director xeral e remudalo conforme á maioría parlamentaria reforzada que esixe a lei.
En vésperas desa mobilización, que transcorrerá baixo o lema Por unha CRTVG ao servizo do pobo, o persoal que a apoia vén realizando actos previos nas principais cidades, ademais de chamamentos a secundala nas propias instalacións da CRTVG. É neste contexto no que o comité intercentros asegura estar a ser obxecto de "represalias" por parte da dirección da corporación pública.
Asegura o comité que, nos últimos días, "varias centrais sindicais" recibiron "apercibimentos" por parte da dirección de Recursos Humanos da corporación, que as acusa de "vulnerar os límites legais da liberdade sindical". Eses apercibimentos son para estes representantes sindicais parte dunha "vaga represiva" que, do seu punto de vista, se basea en "escusas" como "unha pegada de cartaces no interior da empresa nos que se anuncia a manifestación".
O comité intercentros asegura que representantes sindicais foron apercibidos por accións como pegar en instalacións da corporación carteis chamando á mobilización do 6 de novembro. "Accións anteriores de exactmaente a mesma natureza" non foran respondidas con "amoestacións", afirman
Xunto a este aspecto directamente ligado coa mobilización, sinalan, rexorde tamén "un conflito xerado xa de vello pola imposición de novas funcións" en "determinadas categorías profesionais aproveitando a posta en marcha da plataforma dixital e da nova web da corporación". Isto foi realizado, defenden, "sen negociar".
En calquera caso, o comité pon o foco en que "anteriores accións sindicais" de "exactamente a mesma natureza" non foron respondidas dende a dirección con "advertencias" ou "amoestacións". Por este motivo, "só cabe enmarcalas nun contexto da represión fronte á mobilización" do 6 de novembro. A denuncia pública chega este venres, 28 de outubro, no que os venres negros do colectivo Defende a Galega chegan á súa edición número 232.
Nese contexto, nun comunicado remitido aos medios, o comité intercentros da CRTVG "advirte" á dirección de que "non tolerará máis represalias e ameazas deste tipo sen dar unha resposta contundente" e, con este pano de fondo, reitera o chamamento a acudir á mobilización "para rescatar a CRTVG do secuestro na que a mantén o Goberno do PP". No chamamento ecoa a primeira sentenza xudicial contra a CRTVG por represalias a un traballador crítico, que xa é firme dende o pasado xuño, ditame que a empresa pública encadrou nunha cuestión "estritamente laboral", resposta que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou como "axeitada".