A dirección da CRTVG prohibe celebrar as asembleas de traballadores nas súas instalacións dous días despois da folga do pasado 6 de marzo contra a "manipulación" e o "clima laboral abafante e insostible" nos medios públicos.
O director de Recursos Humanos da Corporación comunicou este mércores por carta ao presidente do comité intercentros que o persoal non poderá reunirse en asemblea na súa sede central en San Marcos (Compostela). Aborta así a convocatoria da representación laboral para mañá e o vindeiro sábado, coa que se pretendían decidir as datas dos vindeiros paros. E fíxoo aludindo a un artigo do Estatuto dos Traballadores que exime á empresa de ceder as instalacións no caso de que non transcorresen dous meses desde a última xuntanza celebrada.
"Non hai máis razón que a represión, máis aló da legalidade ou non da medida, porque sempre se fixeron as asembleas así, ás mesmas horas e coa mesma frecuencia", explican fontes do comité que aclaran que a CRTVG nunha invocara esta condición para restrinxir reunión ningunha.
"Non hai máis razón que a represión, máis aló da legalidade ou non da medida", di o comité
A carta -que se pode consultar nesta peza- aproveita tamén para "lembrar" ao persoal que as reunións teñen que celebrarse "fóra das horas de traballo" e que o "tempo efectivo de trabalo compútase de xeito que tanto ao comezo como ao final da xornada diaria o persoal debe atoparse no seu posto".
Tamén advirte Víctor Tubío que as asembleas anunciadas nas delegacións "deberán celebrarse fóra das horas de traballo" e que, "tendo en conta o sistema de traballo a quendas establecida nelas para o persoal dalgunha categoría, poderán ter lugar de xeito parcial por se non fose posible que se reunira á vez todo o cadro de persoal adscrito á respectiva delegación".
O comité cualifica á dirección da CRTVG de "ilegal, autoritoria e represora" e responde propoñendo unha nova folga de 24 horas para os días 24 e 25 de marzo
En resposta, o comité intercentros, en reunión extraordinaria, decidiu trasladar as asembleas ao exterior do recinto da CRTVG en San Marcos. Será finalmente unha reunión o vindeiro luns de 14 a 16 horas "baixo o formato de concentración". Segundo aclara a representación laboral, a xuntanza servirá tamén para "expresar o rexeitamento á espiral represiva da empresa" e someter a aprobación a proposta de convocatoria de novos paros de 24 horas os vindeiros venres 24 e 25 de marzo. Nas delegacións, as asembleas celebraranse este venres 10 de marzo ás 15 horas.
O comité anima o persoal a "dar unha resposta contundente a unha dirección ilegal, autoritaria e represora" á que acusa de levar a cabo as últimas actuacións para "acalar as protestas dos traballadores dos medios públicos contra os abusos laborais e a manipulación informativa".
"Agora prohíbenlles xuntarse dentro das instalacións do centro de traballo. Abuso de poder, manipulación informativa, persecución de traballadores... Que máis práctica mamporrera van pór en práctica?", preguntouse Olalla Rodil, deputada do BNG e voceira na comisión de control da CRTVG no Parlamento. "A Corporación nega ao comité celebrar asembleas no marco das convocatorias de folga", denunciou Noelia Otero, portavoz socialista na mesma comisión.
"Están desatados", din fontes do comité respecto da actitude da dirección da CRTVG, coincidindo coa advertencia que xa fixeran logo dunha folga que consideraron un éxito fronte á opinión da cúpula dos medios públicos, que rebaixou o seu seguimento ao 28%. Con todo, o paro afectou de maneira importante a actividade nas webs da CRTVG ou nas súas redes sociais, paralizadas durante moito tempo, e obrigou a suspender a emisión de varios programas, tanto na televisión como na radio: A Revista, Zigzag, Diario Cultural, Ao Contraataque ou O Tempo.
Ademais, e nun "feito histórico", por primeira vez na historia da CRTVG, un partido de fútbol de Primeira División con representación galega -o Osasuna-Celta do luns- non foi retransmitido malia ser anunciado, logo de que o 100% da sección de Deportes secundase a folga contra a "manipulación", a "represión" ao persoal crítico ou o "clima laboral irrespirable" nos medios públicos galegos.
A folga deste pasado luns foi un episodio máis dunha mobilización e malestar que non cesa. Denuncias de inxerencias políticas en contidos informativos -que a dirección nega- ou de traslados de profesionais entre medios da corporación a modo de represalia -que a dirección rexeita- son algúns dos últimos episodios do conflito que segue a ferver na CRTVG. En paralelo, as protestas do colectivo Defende A Galega nos venres negros veñen de cumprir xa 250 semanas reclamando o fin da "manipulación", a aplicación da lei de medios, a remuda do director xeral e solucións ao "desmantelamento" dos medios públicos galegos.