A media mañá, cando se debía estar emitindo o programa A Revista na TVG, o que saía nas pantallas era unha reposición do magazine vespertino Quen anda aí?. Na radio, o programa Galicia por Diante saíu á antena pero non espazos como a información deportiva e meteorolóxica ou o Diario Cultural. Foron algúns dos efectos evidentes da folga que o persoal da CRTVG convocou para este 6 de marzo contra "un clima laboral insostible" e a "marxinación laboral, trato degradante, denegación de dereitos e sancións e represión ao persoal crítico coa manipulación e o desmantelamento do servizo público".
Segundo fontes do comité intercentros, o paro tivo un seguimento "importante", con "moita participación" entre o persoal, "redaccións baleiras" e "moitos departamentos pechados". E o impacto seguiu sendo relevante á tarde e á noite ante a ausencia de numerosos técnicos, redactores e presentadores dos programas posteriores que secundaron a folga. En Deportes, segundo a representación dos traballadores, non foi ninguén a traballar, o que provocou que, "nun momento histórico", a Radio Galega non emitise un partido de Primeira División de fútbol con presenza galega: o Osasuna-Celta que pechou a xornada este luns.
O programa 'A Revista', na TVG, non puido ser emitido, ao igual que a información deportiva e do tempo ou o 'Diario Cultural' na Radio Galega
Segundo a dirección da CRTVG, e unha vez computadas as quendas de mañá e tarde, tanto en San Marcos como nas delegacións", o seguimento do paro foi de arredor do 28%, o que "supón que máis do 70% do persoal non secundou a folga". Fontes do comité aseguran que os datos están "falseados" ao "non ter en conta as baixas, os permisos e o caso de persoal en xubilación parcial con xornada dobre". "Fixeron media xornada e contan como traballado porque foron ameazados con que se lles quitarían dous días", explican. Para a representación dos traballadores, o seguimento da folga, a falta de concretar os datos, superaría o 50%.
A dirección da CRTVG cifra en arredor do 28% o seguimento da folga e o comité asegura que supera o 50%
Mentres, sindicatos como a CUT denunciaron que a CRTVG non "cumpriu" á hora de avisar da "caída" dalgún programa pola folga e advertiron de que os rótulos mesmo indicaban que eran "en directo" cando se trataba de reposicións. Só pola mañá, e segundo recoñeceu a propia Corporación, víronse afectados polo paro os programas A Revista e Zigzag, na TVG, e o Diario Cultural e o espazo deportivo Ao Contraataque, na radio pública.
A folga deste luns foi un episodio máis dunha mobilización e malestar que non cesa. Denuncias de inxerencias políticas en contidos informativos -que a dirección nega- ou de traslados de profesionais entre medios da corporación a modo de represalia -que a dirección rexeita- son algúns dos últimos episodios do conflito que segue a ferver na CRTVG. Un conflito que vén de cumprir os 250 venres negros da plataforma Defende a Galega e que volveu culminar nunha folga baixo o lema "Non máis abusos".
"Máis información, menos represión", rezaba un dos carteis que acompañaba a mobilización que ao mediodía secundaron en San Marcos máis dun cento de traballadores dos medios públicos co gallo da folga -apoiada por todos os sindicatos do comité intercentros agás USO- e que foi acompañada por representantes políticos que tamén amosaron o seu apoio a través das redes sociais. Toda a oposición parlamentaria galega, ademais doutras numerosas formacións políticas -agás o PP- e sindicais deron o seu apoio ao persoal da CRTVG.
Anos de conflitos e unha condena por represalias
Esta nova folga chega logo de que os medios públicos sigan acumulando conflitos e protestas nos últimos anos. Un dos últimos, a confirmación da primeira sentenza contra a CRTVG por represaliar un traballador crítico en represalia por mobilizarse cos venres negros.
Segundo o comité, a pinga que rebordou o vaso nas últimas semanas foi o "traslado forzoso de medio de varias profesionais", unha medida que consideran unha "represalia"e despois de que a representación do persoal denunciase que a dirección impediu informar de que a inflación superara en Galicia a media estatal.
Ademais, persoal consultado por Praza.gal encadra estas novas mobilizacións nun clima de tensión crecente que tivo unha nova mostra o pasado xoves 16 de febreiro, cando representantes do comité intercentros interpelaron directamente na sede da CRTVG a membros do consello de administración, máximo órgano de dirección da corporación, presidido por tempo ilimitado polo director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo. "Non podemos máis" foi o resumo da advertencia lanzada.
Hai só unhas semanas, cuestionada ao respecto por Praza.gal, unha fonte oficial da CRTVG asegurou que os cambios de persoal a outros postos "non se corresponden con ningunha clase de presunta casuística particular", "a necesidades do servizo" e "veñen desenvolvéndose con asiduidade".
Ante esta folga, a dirección da CRTVG quixo "expresar de novo o respecto polo dereito de convocar unha folga que ostenta a parte social, ao mesmo tempo que pide respecto tamén para o máis do 70% do persoal que non secunda a mesma". Ademais, pediu "recordar que a parte maioritaria do comité de empresa que convoca esta folga negouse a cumprir co mandado da asemblea de traballadores o pasado mes de abril (votado a favor polo 95% da asemblea) e que supuña a consolidación do 100% do cadro do persoal", asegurou.