Persoal da CRTVG volve á folga o 6 de marzo e advirte o consello de administración: "Non podemos máis"

Protesta de persoal no interior da sede central da CRTVG, este 23 de febreiro CC-BY-SA CUT CRTVG

Denuncias de inxerencias políticas en contidos informativos coma os datos da inflación -que a dirección nega- ou de traslados de profesionais entre medios da corporación a modo de represalia -que a dirección rexeita- son algúns dos últimos episodios do conflito que segue a ferver na CRTVG. Un conflito que, camiño dos 250 venres negros da plataforma Defende a Galega, terá o seu vindeiro fito o 6 de marzo, cunha nova convocatoria de folga.

Fontes consultadas por Praza.gal confirman que as asembleas celebradas polo persoal este pasado mércores aprobaron o inicio "dun calendario de mobilizacións" ao abeiro da súa representación sindical -o comité intercentros e demais órganos- que comezará cun chamamento a unha folga de 24 horas para ese día 6 de marzo. Esa mobilización, afirman, será a primeira dun calendario máis amplo e que, ilustran, "irá a máis".

Participantes no 'venres negro' número 248, o pasado 17 de febreiro CC-BY-SA Defende a Galega

O persoal consultado encadra estas novas mobilizacións nun clima de tensión crecente que tivo unha nova mostra este mesmo xoves, cando representantes do comité intercentros interpelaron directamente na sede da CRTVG en San Marcos (Santiago) a membros do consello de administración, máximo órgano de dirección da corporación, presidido por tempo ilimitado polo director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo. "Non podemos máis" foi o resumo da advertencia lanzada.

En imaxes divulgadas polo propio comité intercentros é posible observar como, en presenza das integrantes do consello designadas por BNG e PSdeG, Carme Vidal e Irene Viña, en cando menos tamén ante unha das representantes do PP, Margarita López, representantes do persoal as instan a "facer o que ata agora non se fixo" para "mudar" a situación. "Facede o que debades, o que saibades e vos deixen para botarnos unha man e rescatar o servizo público" porque, advirten, "imos a un enfrontamento total e lexítimo", máis aínda despois das remudas de persoal entre postos da TVG, da Radio Galega e do sitio web dos medios públicos que, afirman, non responden a motivos produtivos.

Persoal dos medios públicos interpelou directamente a membros do consello de administración na sede central de San Marcos para esixir que "garantan o respecto á profesionalidade" e "a fin das prácticas de manipulación e das represalias", que a dirección nega

Esta interpelación directa ao consello, explican, é parte dunha "escalada de mobilizacións" que ten por obxectivo "poñer fin aos abusos que sofre o cadro de persoal de moi diversas formas". "Como representantes do Parlamento na xestión da empresa pública", sinalan, esixíronlles que "garantan a dignidade no trato e o respecto á profesionalidade" do persoal, o "retorno das persoas trasladadas aos seus postos" e "a fin das prácticas de manipulación e das represalias".

A pasada semana, cuestionada ao respecto por Praza.gal, unha fonte oficial da CRTVG asegurou que os cambios de persoal a outros postos "non se corresponden con ningunha clase de presunta casuística particular", "a necesidades do servizo" e "veñen desenvolvéndose con asiduidade". "Son innumerables os intercambios entre radio e televisión ao longo dos anos entre redactores, locutores, presentadores, etc. Non só na CRTVG, senón en calquera medio de comunicación audiovisual", agregaban, indicando que esta "organización" conta con "todas as garantías legais, e é consubstancial a calquera medio de comunicación".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.