"Satisfacción". Así resume o comité intercentros da CRTVG o resultado da xornada de folga desenvolvida este luns contra a "manipulación", a "represión" ao persoal crítico ou o "clima laboral irrespirable" nos medios públicos galegos. A Corporación cifra nun 28% o seguimento do paro, cifras que a representación dos traballadores considera "falseadas" e que elevan a moito máis do 50%. "De quen está afeito a manipular non agardabamos que non o fixese tamén con estes datos", di.
O comité advirte que a dirección non tivo en conta nin as baixas nin os permisos e acúsana de "ameazar" o persoal en xubilación parcial, ademais de alertar duns servizos mínimos "abusivos" que xa foron censurados pola xustiza noutras ocasións. Para a representación laboral, o "éxito" da convocatoria do paro fíxose evidente co ocorrido na sección de Deportes da Radio Galega, espazo que non foi incluído entre os esenciais nin suxeito a eses servizos mínimos. "O 100% dos traballadores fixeron folga e por primeira vez na historia dos medios públicos non se retransmitiu un partido de fútbol de Primeira cun equipo galego", destacan.
A folga provocou a suspensión de varios programas e, "por primeira vez na historia da CRTVG", a da retransmisión dun partido de Primeira cun equipo galego
Non houbo retransmisión do Osasuna-Celta do pasado luns á noite, anunciada durante toda a semana pola CRTVG, e os xornalistas encargados nin tan sequera viaxaran a Pamplona. Durante o partido, a Radio Galega ou a web dos medios públicos emitiu un programa de viaxes e pezas informativas. Nas plataformas dixitais coa opción de audio en galego para o fútbol, o que se escoitaba era un faladoiro político. "Foi algo histórico e significativo porque demostrou que alí onde non había servizos mínimos, a xente non só fixo folga senón que a fixo convencida", explican fontes do comité.
"Moitos profesionais que tamén a apoiaban tiveron que asumir eses servizos esenciais... E outros non puideron facer folga por presións da dirección", contan. Segundo estes testemuños, varios traballadores da CRTVG xustificaron ante o comité a súa incorporación ao traballo "entre bágoas e case pedindo desculpas". "Explicáronnos, moi afectados, que a presión desde as xefaturas foi abafante e insoportable", din.
O comité denuncia que persoal non puido facer folga pola "presión abafante" da dirección: "Dixéronnolo entre bágoas e case pedindo desculpas"
Sexa como for, a folga afectou de maneira importante a actividade nas webs da CRTVG ou nas súas redes sociais, paralizadas durante moito tempo, e obrigou a suspender a emisión de varios programas, tanto na televisión como na radio: A Revista, Zigzag, Diario Cultural, Ao Contraataque ou O Tempo. E houbo problemas cos grafismos ou técnicos nalgunha emisión.
A folga, como outras en anos anteriores, tivo un impacto claro na programación, pero algo está mudando nos últimos tempos. A "manipulación desatada" e a "represión e marxinación" do persoal crítico provoca, segundo o comité, "un clima laboral insostible e irrespirable" que fai que moitos denuncien publicamente supostas prácticas que antes non eran tan coñecidas ou difundidas. "É o peor clima laboral na CRTVG desde que empecei a traballar aquí, hai xa varias décadas", di un xornalista.
"O desexable é un ambiente de traballo relaxado, con persoas motivadas, contentas e convencidas do seu labor, con ganas de facer, máis aínda nun medio que é servizo público, pero isto non é así", explican fontes do comité. "Cando ves que a manipulación é algo diario, cando sabes que non van saír á luz as pezas que fas porque non interesa ou que acabas autocensurándote para evitar a represión ou o veto ás túas informacións... Pasa o que pasa", explican quen aclaran que na CRTVG "hai moitas baixas por depresión, xente en tratamento influenciada por este clima laboral".
De feito, a pinga que rebordou o vaso e impulsou esta nova folga foron as últimas mudanzas de posto de traballo -que o comité e os afectados cualifican como "castigo"- a varios traballadores que non se terían pregado ás esixencias de "manipulación". Un deles, por querer contar nunha información que a suba do IPC en Galicia superaba a media estatal. Non llo permitiron. Logo de décadas na radio, con formación específica para o seu labor habitual, foi trasladado á televisión, un medio no que non ten experiencia e obrigado a facer funcións de edición dixitalizada que require unha complexa aprendizaxe.
O comité denuncia que a "manipulación" constante e a "autocensura" dos profesionais leva a un "clima laboral irrespirable" e á acumulación de baixas entre o persoal
Desde hai anos, as denuncias de "castigos" a profesionais críticos son constantes. Algunhas caras coñecidas dimitiron dos seus postos de presentadores de informativos pola "manipulación" e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixo firme o pasado verán a condena á CRTVG por sancionar un traballador en represalia pola súa participación nos venres negros, protesta tamén contra as inxerencias políticas e o "desmantelamento" que vén de cumprir 250 semanas.
Algúns dos últimos afectados por estes "castigos" deron a cara, como neste vídeo d'O Salto Galiza: "Mándanche facer unha noticia e pódela facer ao seu gusto ou non; se non a fas ao seu gusto, non che volven dar esa noticia". "A quen se lle pode asignar as noticias para que se meta unha declaración e non outra ou para que non digas o IPC de Galicia ou metelo ao final disimuladamente? Iso é o que está pasando aquí".
"Hai moitos traballadores que o que che transmiten é tristura, desesperación... É terrible que por tratar de facer un traballo con corrección, como se debe facer, che fagan todo isto", explican desde o comité, que non agarda nada bo da dirección. "Podemos esperar de todo porque cando criamos que non se podía chegar a un nivel máis alto de represión e manipulación, sorprendéronnos. Están desatados", engaden.
Cargos do PP amosan o seu apoio á folga "de maneira privada"
"Dentro do partido gobernante hai voces disidentes, claro que as hai, pero o apoio é sempre en privado"
Con todo, a representación laboral cre que a constancia da conflitividade e o "grave problema de manipulación e represión" nos medios públicos galegos aumenta aos poucos. "Hai medios que nunca falaban dos problemas na CRTVG que agora, á súa maneira, tamén din algo... Pouco a pouco", contan sobre unhas protestas que este luns, na mobilización en San Marcos, contou tamén con traballadores "moi novos e en prácticas". "Iso congratula porque non é fácil na súa situación e porque moitos dos que chegan veñen de onde veñen e, tristemente, están perfectamente preparados para manipular", explican.
Na banda contraria, rostros coñecidos e recoñecidos dos medios públicos tamén amosaron o seu apoio á folga, aínda que non todos. "Hainos que está nunha postura cómoda, calados, dóciles e en postos que nunca pensaron acadar, colocados pola dirección", explican. Cada vez menos, confían. E cargos públicos do PP que, de maneira "sempre privada", amosan o seu apoio ao persoal e mesmo ás reivindicacións contra a situación na CRTVG.
"Dentro do partido gobernante hai voces disidentes, claro que as hai, pero o apoio é sempre en privado, a través de chamadas ou mensaxes, sen que se saiba. E hai quen o fai cara a cara porque non quere que quede nada rexistrado no seu teléfono", rematan.