Á CRTVG non lle "preocupa" a folga nin vai "mudar o rumbo" mentres o persoal convoca dous novos paros

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, durante a comisión no Parlamento © Parlamento de Galicia

"Non é algo que preocupe ou faga mudar de rumbo a esta dirección". Así de contundente se amosou o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, ao ser preguntado en comisión parlamentaria pola conflitividade constante nos medios públicos e pola súa avaliación da folga do persoal contra a "manipulación" e a "represión" que obrigou a suspender varios programas na Radio Galega e na TVG o pasado 6 de marzo. 

Coa actitude habitual de minimizar as mobilizacións e denuncias -ben sexan os 251venres negros, a sentenza xudicial por represalias a un traballador crítico ou as críticas por restrinxir as asembleas do persoal- Sánchez Izquierdo limitou o último paro a "incidencias laborais". Así, considerou esta folga un "movemento minoritario de traballadores" que, dixo, "non é nin espontáneo, nin apolítico nin procura a independencia". 

Persoal da CRTVG durante a asemblea no exterior de San Marcos CC-BY-SA CUT CRTVG

Sánchez Izquierdo di que a folga "non é algo que preocupe ou faga mudar de rumbo á dirección" da CRTVG

Só unhas horas despois, no exterior da sede da CRTVG en San Marcos, o persoal que participou nas distintas asembleas aprobou por unanimidade (agás unha abstención, segundo o comité) a convocatoria de dúas novas xornadas de folga de 24 horas para os días 24 e 25 de marzo

No preaviso da devandita folga, o comité intercentros  volve “reclamar o cesamento dos abusos e restablecer un clima laboralrespectuoso cos dereitos das traballadoras e traballadores do ente público, erradicar o trato degradante que persoas con superioridade xerárquica e funcional inflixen ás traballadoras ao seu cargo, realizar sen demora o estudo psicosocial acordado no Comité de Seguridade e Saúde Laboral e repoñer nos seus medios de orixe ao persoal que foi trasladado como castigo da radio para internet ou a televisión, e da televisión para a radio”. Ademais, engadiuse como novo obxectivo destas mobilizacións “a recuperación dos dereitos suspendidos”, en alusión á volta á xornada de 35 horas.

Pouco antes, na Cámara, as deputadas Noelia Otero (PSdeG) e María G. Albert (BNG) declaráronse "atónitas" e advertiron da súa "impotencia" ante a actitude de "impunidade" e "indiferenza" de Sánchez Izquierdo, que negou todas as denuncias de "represalias", "castigos" a traballadores ou "manipulación" e sentenciou que "o tempo sempre deu a razón ás decisións da dirección". 

Ante a denuncia de ambas parlamentarias dos cambios de posto de varios xornalistas por "negarse a manipular informacións a favor do PP" -que tamén foron denunciadas polo comité como represalias contra os que non son "dóciles" coas inxerencias-, o director xeral cualificouno de "feito cotián" sen "correlación directa con decisión editorial ningunha". E advertiulles de que "haberá máis cambios": "Todos os que consideremos oportunos para acomodar o cadro de persoal ao noo desenvolvemento tecnolóxico e de servizos". 

Noelia Otero, deputada do PSdeG, durante a comisión de control da CRTVG CC-BY-SA PSdeG

"Non tome o pelo a este Parlamento nin aos profesionais", respondeu Noelia Otero, que lembrou o traslado dun xornalista tan só "horas despois" dun enfrontamento por unha información sobre o IPC na que recibiu instrucións para relegar o dato galego, que daquel era peor que a media estatal. Albert acusou a Sánchez Izquierdo de contar "milongas". 

BNG e PSdeG acusan a Sánchez Izquierdo de "tomar o pelo ao Parlamento e aos profesionais" e de "falsear a realidade"

Desde o comité, nesta mesma xornada, denunciaron novos "abusos" por parte da CRTVG, con "novos traslados de compañeiras". O comité vincula o cambio de posto dunha das traballadoras a unha crítica ao ex-presidente da Xunta, Núñez Feijóo, nas redes sociais pouco antes de comunicárenlle a decisión. 

"Cando a un redactor que leva 30 anos traballando en economía e é experto o moven ao Galicia Noticias, non é para mellorar a calidade do medio. Pasan por riba da calidade para castigar un traballador", reprochou a deputada nacionalista, que insistiu en que as decisións non eran só represalias senón que supoñían "atentar" contra o bo facer da radio e televisión públicas. 

No seu enfrontamento dialéctico, o director da CRTVG chegou a espetarlle que os venres negros non estaban "moi afastados" do BNG, o que Albert considerou unha "falta de respecto" cara ao persoal mobilizado. 

María G. Albert, deputada do BNG, durante a comisión de control da CRTVG CC-BY-NC-SA BNG

"Vén aquí a falsear a realidade, a mentir", dixo Albert sobre a actitude de Sánchez Izquierdo ante feitos "moi graves" na CRTVG. "Non asumiu nunca a máis mínima responsabilidade nin fixo autocrítica nin amosou unha mínima mostra de querer arranxar un problema evidente", reprochoulle Otero. Pero o director xeral, coma adoita, nin se inmutou agás para negar calquera denuncia. Veña de onde veña. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.