Gary Lineker é un ex-futbolista británico. Xogou en varios equipos do Reino Unido e no Fútbol Club Barcelona e é un histórico da selección inglesa. Dende finais do século pasado presenta un dos programas deportivos estrela da BBC, Match of The Day, o partido da xornada… Así viña facendo ata que, hai uns días, criticou abertamente en Twitter o radical plan antiimigración do primeiro ministro británico, o conservador Rishi Sunak.
A BBC considerou que esas críticas infrinxiran as normas que impoñen "neutralidade" nas redes sociais ao seu persoal e suspendeu a Lineker, retirouno do seu programa. A continuación, o persoal chamado a substituílo negouse a facelo e os eventos deportivos que tiñan que seguir sendo retransmitidos ou comentados non puideron emitirse. Mentres, a mesma BBC abría os seus informativos co tema e os seus reporteiros abordaban o director xeral da corporación para que explicase o que estaba a suceder.
Mentres o caso Lineker axitaba a BBC, na CRTVG desenvolvíase unha nova folga de persoal. No Fálase buscamos semellanzas e diferenzas entre ambos conflitos, escoitamos as razóns do comité intercentros dos medios públicos galegos para mobilizarse e os motivos do director xeral da corporación para rexeitar todos os seus argumentos
Apenas unha semana despois, Lineker foi reposto no seu programa e a dirección xeral dos medios públicos británicos admitiu a necesidade de revisar a súa política a respecto da liberdade de expresión do seu persoal en redes sociais. Quen queira saber máis do sucedido só ten que acudir á propia BBC, que tanto nas súas emisións televisivas como nas redes sociais e no seu sitio web abordou o conflito con amplitude. Dende as protestas de Lineker aos detalles do proxecto anti-inmigración do Goberno conservador contra o que protestaba o ex-futbolista e actual presentador.
Mentres todo isto acontecía no Reino Unido, a estoutra beira do mar persoal da CRTVG mobilizábase nunha nova xornada de folga. Despois de máis de 250 venres negros da plataforma Defende a Galega, o comité intercentros medios públicos protesta contra a "represión" e a "manipulación. Ante esa coincidencia temporal, no novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, quixemos buscar semellanzas e diferenzas entrambas situacións. Dende o conflito en si ao xeito en que se trata na esfera pública e política dos respectivos países.
Para facelo, e da man do xornalista Miguel Pardo, escoitamos a ambas bandas da cuestión. Comezamos conversando con Raquel Lema, voceira do comité intercentros da CRTVG, para preguntarlle como cre que abordarían os nosos medios públicos un caso como o de Lineker e, a continuación, abordar a actual situación da Televisión de Galicia e da Radio Galega. Lema ve urxente que a protesta do persoal mobilizado vaia alén da propia CRTVG porque, subliña, esta non é unha cuestión estritamente laboral, como defende a dirección da corporación, senón que afecta ao conxunto da poboación e ao seu dereito á información.
Tras conversarmos con Raquel Lema a respecto das razóns das mobilizacións e os plans máis inmediatos para continualas, a comezar polas novas xornadas de folga convocadas para os días 24 e 25 de marzo, completamos o cadro escoitando cal é a posición da dirección xeral da CRTVG. Facémolo escoitando a quen é titular do cargo dende 2009 e por tempo indefinido, Alfonso Sánchez Izquierdo, que esta mesma semana foi cuestionado ao respecto por BNG e PSdeG na comisión do Parlamento que ten encomendada a supervisión dos medios públicos.
Sánchez Izquierdo comezaba estas respostas advertindo que o seu principal obxectivo é velar polo servizo público e pola propia pervivencia da CRTVG e poñendo o foco en que non todo o persoal se mobiliza. Ademais, reiteraba que as protestas non o van facer mudar o rumbo, entre outras razóns, porque no pasado xa houbo máis folgas pero, ao seu xuízo, o tempo acabou acreditando que non tiñan razón de ser. A respecto da folga actual, Sánchez Izquierdo advirte de que non vai tolerar que o comité diga que a saúde laboral do persoal está en risco e, con relación ás acusacións de represalias e manipulación informativa, afirma que simplemente non existen.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.