Os valores fundacionais cos que botou a andar a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) en xullo de 1984 non eran moi diferentes do Educar, Informar, Entreter cos que nacera a BBC no Reino Unido hai agora case cen anos. O tránsito da teoría á práctica, porén, seguiu camiños diverxentes.
Inma Gil, xornalista galega na BBC: "A única presión que tiven en todos estes anos foi sempre por facer un traballo de calidade"
A BBC é hoxe por hoxe un referente de bo xornalismo, non só no Reino Unido, senón a nivel mundial. Malia os continuos recortes orzamentarios que vén padecendo nos últimos anos, as enquisas amosan que a marca é sinónimo de confianza entre a audiencia británica.
A clave do seu éxito resúmeo a xornalista galega Inma Gil, que desde hai 15 anos traballa nas oficinas da BBC en Londres. “A única presión que tiven en todos estes anos foi sempre por facer un traballo de calidade, imparcial, que amose todas a posturas sobre un determinado tema e que sexa honesto”, asegurou.
Raquel Lema: "A manipulación máis evidente na CRTVG vén por ocultación"
Como contrapunto a este entorno idílico para exercer o xornalismo semella estar a CRTVG. Os seus traballadores, organizados na plataforma Defende a Galega, levan xa máis dun ano protestando contra o control informativo por parte do Goberno da Xunta de Galicia.
A integrante do comité de empresa e veterana xornalista da TVG, Raquel Lema, denunciou a parcialidade imposta a través das escaletas e a cultura da liña directa entre os gabinetes de prensa das consellarías e os postos de mando da radio e a television públicas. “A manipulacion mais evidente na CRTVG vén por ocultación de asuntos que non interesan e o control do tempo e a orde do que se inclúe na escaleta”.