A CRTVG volveu minimizar a xornada de folga que este pasado martes provocou a cancelación de numerosos programas tanto na Radio Galega como na TVG e que levou as súas reivindicacións ás portas do Senado en Madrid. A dirección dos medios públicos -como fixera nos últimos paros- rebaixa o seu seguimento a menos do 30% (27,7%) do persoal e insiste en atribuíla a motivos electorais.
"As datas e os escenarios escollidos para estes paros confirman o carácter político das convocatorias ante os comicios do 28M e as eleccións sindicais de xuño", di a CRTVG
"As datas e os escenarios escollidos para estes paros confirman o carácter político das convocatorias ante os comicios do 28M e as eleccións sindicais do mes de xuño", di a CRTVG ante a convocatoria do último paro e dos vindeiros, previstos para o inicio da campaña electoral municipal o 12 de maio e para o propio día da votación, ou a mobilización ás portas da Cámara Alta.
A Corporación insiste en rebaixar o seguimento desta cuarta xornada de folga intermitente a pouco máis dun cuarto do persoal malia que a programación se viu alterada coa cancelación de numerosos programas na radio e na televisión públicas. Non houbo apenas información deportiva nin meteorolóxica e non se retransmitiron espazos como Pensando en ti ou A Revista, entre outros.
A CRTVG rebaixa o seguimento da folga a algo menos do 30% mentres o comité fala dun apoio "masivo" que volveu alterar a programación
Desde o comité de folga elevan o seguimento a arredor do 70% e aseguran que a dirección do ente público teima en contabilizar entre o persoal con dereito a folga a aquel que se atopa de baixa ou permiso. Así, insisten en que o apoio ao paro volveu ser "masivo", en liña cos tres levados a cabo no pasado mes de marzo.
Ademais, nesta ocasión a folga deu un chanzo máis ao levar varios traballadores e traballadoras ás portas do Senado, onde a ministra de Traballo, Yolanda Díaz; o deputado do BNG, Néstor Rego; a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda; ou senadores do PSdeG amosaron o seu apoio. Tamén dentro, no pleno e durante o cara a cara entre Pedro Sánchez e Núñez Feijóo, o presidente do Goberno de España quixo "saudar" tamén aos traballadores da CRTVG que, dixo, "viñeron aquí para denunciar a manipulación e o sectarismo á que están sendo sometidos".
De feito, un dos motivos da presenza en Madrid da protesta foi tamén sinalar a Núñez Feijóo como "responsable durante o seu mandato como presidente da Xunta da grave situación de manipulación informativa e represalias nos medios públicos galegos". A repercusión da folga e das demandas do persoal da CRTVG foi maior que doutras veces, tanto a nivel político como mediático, e a continuidade do conflito incomoda cada vez máis na capital do Estado a responsables do PP, preocupados polo impacto que as graves denuncias dos profesionais da Radio Galega e da TVG poidan ter na carreira electoral do seu líder.
A vixente convocatoria de folga no inicio da campaña e o propio 28M, ademais das mobilizacións previstas, non son ben recibidas no Partido Popular. Desde a CRTVG, insístese en outorgalle un carácter electoralista ás protestas, mentres desde BNG, PSdeG ou por parte de Yolanda Díaz lémbrase que son xa "anos" os que o persoal acumula denunciando a "manipulación e a represión" nos medios públicos, agudizada, segundo o persoal, cos "traslados forzosos" impostos a traballadores en desacordo coas "inxerencias políticas".
A repercusión mediática e política do conflito e a súa continuidade no tempo incomodan no PP estatal, preocupado polo impacto na carreira electoral de Feijóo
"O carácter político da folga é o mesmo que o das mobilizacións polo transporte público, o ensino público ou a sanidade pública. Sen medios públicos ao servizo da cidadanía non hai democracia", lembran desde o comité, que agarda que este paro e a mobilización en Madrid sexan "un punto de inflexión" para que a CRTVG e a Xunta "muden a súa postura". E que o fagan axiña ante o que, denuncian, son "represalias e abusos" que están a provocar problemas na "saúde física e psíquica de profesionais".
A dirección da Corporación, mentres, carga contra unha convocatoria de folga que "non é unánime". "Son tres as centrais sindicais, das cinco que conforman a parte social, as que convocan estes novos paros. As tres centrais convocantes -CIG, CUT e CC.OO- que aseguran reivindicar os dereitos dos traballadores, son as mesmas tres centrais que se negan a asinar a oferta de consolidación de emprego do 100% do cadro do persoal, aprobada polo 95% da asemblea de traballadores. Este proceso atópase actualmente en suspenso contra a vontade do persoal afectado, 270 persoas", aclara.
O certo é que o paro foi finalmente apoiada por catro dos cinco sindicatos con representación no comité intercentros: os tres citados e UGT, que nun principio se desatendera para solicitar unha mediación no conflito por parte do Consello Galego de Relacións Laborais que foi rexeitado pola propia CRTVG. Logo de recibir a negativa da dirección, o sindicato reincorporouse ao comité de folga.
"A CRTVG seguirá a traballar garantindo o servizo público para toda a cidadanía, e intentando avanzar na estabilización dos postos de traballo dos seus profesionais", asegura a Corporación, que insiste en rexeitar calquera negociación co persoal que teña que ver coas denuncias sobre "abusos", "tratos degradantes" ou "represión", acusacións que cualifica de "supostas, hipotéticas e infundadas", tal e como aclarou ao Consello Galego de Relacións Laborais na carta onde rexeitaba a mediación proposta.