O vindeiro 28 de maio 1.176 candidaturas competirán por sumar os preto de 3.700 de representantes nos plenos municipais dos 313 concellos galegos. Este mércores os boletíns provinciais publicaron a relación provisional de candidaturas presentadas aos comicios, unha cita na que un ano máis o Partido Popular é a única formación que consegue estar presente en todas as localidades, con 313 listas.
Os socialistas teñen catro candidaturas máis que no 2019 e o Bloque presenta 18 máis que hai catro anos
Con todo, PSdeG e BNG suman este ano máis candidaturas que nos anos 2019 e 2015. Os socialistas presentan un total de 305 listas e só estarán ausentes en oito concellos. Son catro máis que hai catro anos e cinco máis que no 2015. Os nacionalistas, pola súa banda, presentan candidaturas en 265 localidades, e só quedan fóra en 48. Son 18 máis que hai catro anos (247), unha convocatoria na que reduciran a súa implantación territorial dende os rexistros do ano 2015 (259).
Fóra das tres formacións políticas con maior implantación territorial en Galicia, destaca este ano o aumento do número de listas presentadas por VOX, que suma un total de 39, fronte ás 13 de hai catro anos. Ciudadanos, pola contra, experimenta o movemento contrario: das 69 candidaturas que presentou no 2019, este ano fica en 13. Mentres, Podemos e Esquerda Unida están presentes en preto de 40 localidades, ben xuntos, ben en listas separadas ou formando parte doutras candidaturas. Compromiso por Galicia, que no 2019 presentou 45 candidaturas, nesta ocasión só ten oito listas.
Destaca tamén a presenza de formacións de ámbito local que se presentan en varios concellos unidas baixo fórmulas diversas. Espazo Común, está presente en 14 concellos, Alternativa dos Veciños en 10 (especialmente na área metropolitana da Coruña), o Partido Galego en 12 e Democracia Ourensana en 7. Contamos Galicia Sempre, Interior Galego Vivo ou Unidade Local están presentes tamén en varios concellos.
33 concellos con só dúas listas e 133 só con tres candidaturas
En 33 localidades só se presentaron dúas listas: a do PP e outra máis, alternativamente PSdeG ou BNG. Son moitos máis os concellos nos que hai tres listas, case sempre as das tres formacións con máis implantación, pero non sempre, pois en varios deles está ausente o BNG e, en menor medida, o PSdeG.
No outro extremo atopamos os concellos nos que hai unha maior diversidade de ofertas electorais. A Coruña é a localidade con máis listas presentadas (12), seguida de Cambre e Ourense (10), Sada e Pontevedra (9), Ferrol, Lugo e Compostela (8) e Ponteceso, Ribeira, Cangas, Ames, O Porriño e Vigo (7).
As cidades
A Coruña é a cidade no que se presentan máis candidaturas, un total de 12. Ademais de PP. PSdeG, Marea Atlántica e BNG, teñen lista Por Coruña (Podemos e Esquerda Unida), Ciudadanos, Alternativa dos Veciños, VOX, Unidade Local, Falange Española de Las J.O.N.S., Escaños En Blanco e Pacma.
En Ourense son 10 as listas presentadas: PSdeG, Democracia Ourensana, PP, BNG, Coalición de Centro Democrático (CCD), VOX, Vivir Ourense (VOU), Ciudadanos, Agora Ourense-Podemos-Esquerda Unida e Contigo Somos Democracia. Séguea Pontevedra, con 9: BNG, PP, PSdeG, VOX, Podemos, Pontevedra Alternativa (POAL), Ciudadanos, Espazo Común e Pacma.
Con 8 aparece Ferrol (PP, PSdeG, Ferrol en Común, BNG, Coalición de Centro Democrático -CCD-, Ligando, VOX e Podemos). O mesmo número que Lugo (PSdeG, PP, BNG, Ciudadanos, VOX, Contamos Galicia Sempre Partido Galego, Podemos-Esquerda Unida e Union de Ciudadanos Independientes) e Compostela (PSdeG, PP, Compostela Aberta, BNG, Por e para Santiago, Compromiso Por Galicia, VOX e Partido Galego).
A cidade con menos candidaturas é Vigo, con só 7: (PSdeG, PP, Marea de Vigo, BNG, VOX, Ciudadanos e Partido Comunista Dos Traballadores da Galiza,
PP
O PP presenta lista en todos os concellos, como vén facendo nas últimas convocatorias de eleccións locais. Porén, en Negueira de Muñiz os populares só incluíron unha persoa na lista. Ao baixar dos 250 habitantes, as eleccións realízanse con listas abertas e cada elector ou electora pode sinalar un máximo de catro nomes de entre os que conforman as listas. Os cinco candidatos que reúnan máis votos serán os cinco concelleiros.
PSdeG
O PSdeG queda a oito concellos de presentar lista en todas as localidades. Trátase de Curtis, Vilasantar, Moeche, Agolada, Dozón, Mondariz-Balneario, Boqueixón e Arbo, aínda que neste lugar apoia a unha agrupación de electores.
BNG
Mentres, o BNG fica fóra en 48 concellos. Deles, tan só catro están na Coruña (A Capela Cerdido, Mañón e Sobrado) e unicamente un en Pontevedra (Rodeiro). A maior parte das ausencias concéntranse nas provincias de Lugo (14) e Ourense (29).
VOX
VOX é a cuarta formación que presenta máis listas propias en Galicia o 28M, cun total de 39, fronte ás 13 do ano 2019. Repite nas sete cidades e consegue unha certa implantación no interior da provincia de Lugo, ao redor das cidades de Ourense e A Coruña, en Bergantiños e, xa de forma máis illadas, noutras zonas de Galicia.
A marca Podemos está presente nunha trintena de concellos e Esquerda Unida en 12, en ocasións na mesma lista (Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Carballo...) e outras veces por separado (Vilagarcía, Cangas, Cambados, Nigrán...); ademais, integran outras candidaturas máis amplas, coma no caso de Compostela Aberta.