O Concello de Lugo ten que investir un millón de euros en reparar eivas para abrir o auditorio que Feijóo inaugurou en 2016

Feijóo e outros representantes institucionais, inaugurando o auditorio de Lugo aínda sen equipar en abril de 2016 © Conchi Paz

En abril de 2016, o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu a inauguración oficial do novo auditorio de Lugo no barrio de Magoi. O proxecto remontábase a 14 anos atrás, fora cambiado de emprazamento para non prexudicar a distinción da Muralla como Patrimonio da Humanidade e pasara polas mans de ata 6 conselleiros diferentes, un deles o propio Feijóo durante o derradeiro Goberno de Fraga.

O Concello recibiu o edificio en 2020, catro anos despois de que Feijóo inaugurase a obra contratada pola Xunta, cando "moitas das garantías xa estaban caducadas", resalta a alcaldesa

Aquela inauguración non supuxera, nin de lonxe, a apertura da infraestrutura cultural. Segundo os acordos pechados na década anterior, a encargada de construílo era a Xunta, que despois o transferiría ao Concello. O primeiro atranco para facelo foi a negativa do Goberno galego a pagar o equipamento do edificio ata que o consistorio non accedeu a rebaixarlle unha cantidade equivalente de impostos municipais (uns 3 millóns de euros). Mentres, a propia Xunta deu en admitir que mantelo pechado custaba uns 6.000 euros ao mes en mantemento e seguridade.

Vista exterior do novo auditorio de Lugo (esquerda), cando a Xunta aínda non o entregara ao Concello CC-BY-SA Praza Pública

No ano 2020, o proceso de entrega do auditorio ao Concello entrou na súa recta final e, antes de recibilo, persoal técnico municipal visitou as instalacións. Alí detectou múltiples eivas como filtracións de augas e humidades, froito de que o edificio levase catro anos rematado e pechado. A Xunta restara importancia ao problema e asegurara que repararía as deficiencias antes da entrega. En xuño daquel ano o Concello recibiu finalmente o edificio. Xa pasaran catro anos da fin da construción e "moitas das garantías xa estaban caducadas", lembra a alcaldesa da cidade, a socialista Lara Méndez.

O estudio de arquitectura que avaliou os problemas do edificio detecta "problemas estruturais e deficiencias construtivas" ás que se engaden os efectos do prolongado peche

Tras aquela recepción, informes municipais cifraron nuns 300.000 euros "o investimento para a posta en marcha" do auditorio. Pero esta semana, dous anos despois da recepción, o Concello lucense presentou o proxecto definitivo para reparar e acondicionar o auditorio e poder abrilo. Foi elaborado pola empresa Moma Taller de Arquitectura e vai moi alén do detectado inicialmente: cómpre arranxar "deficiencias e danos" por "falta de mantemento por parte da Xunta" entre 2016 e 2020, pero tamén "problemas estruturais e deficiencias construtivas" que elevan a factura, calculan, ata a contorna do millón de euros por uns traballos que durarán uns nove meses.

Marcos Faílde, un dos arquitectos autores do informe definitivo, sinala que aos "moitos fallos nas instalacións" que xa "foron subsanados por técnicos municipais" engádense "unha morea de patoloxías de obra civil" que se traducen en pingueiras, así como diversos "problemas na execución da obra". Cubrir patios, impermeabilizar respiradoiros, arranxar xuntas de dilatación "mal executadas", emendar saídas de fume que permiten que chova no interior dos escenarios ou reparar entradas de "gran cantidade de auga" en zonas eléctricas son só algúns dos traballos aos que se engade, advirten, a necesidade de "urbanizar en profundidade a parcela exterior".

Humidades en teitos e estragos no patio de butacas no novo auditorio de Lugo, en imaxes captadas polo Concello en febreiro de 2020 © Concello de Lugo

En síntese, sinala Lara Méndez, cómpre "un novo investimento millonario para poder abrir o auditorio con todas as garantías de seguridade para o público", o que a rexedora socialista interpreta como "unha burla para a cidadanía" por parte da Xunta. O Executivo galego, pola súa banda, atribúe os problemas en exclusiva a que o auditorio continúe pechado dende que foi recibido polo concello, o cal atribúe a ausencia de vontade e capacidade política do goberno local (PSdeG-BNG) para poñelo en marcha.

Ademais, resalta o Concello, as obras exteriores son de "moita máis envergadura que un simple axardinamento, como estaba previsto inicialmente", xa que cómpre "reconducir" os viarios exteriores cara a que é realmente entrada principal do recinto. "Aproveitarase para mellorar a accesibilidade e enriquecer os espazos exteriores", para que tamén sirvan como "zonas de concertos e festivais ao aire libre". A intención segue sendo, resalta Méndez, poder "abrir o antes posible, pero en condicións óptimas".

Recreación do exterior do novo auditorio de Lugo cando estean finalizados os traballos que se dispón a contratar o Concello © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.