A última causa xudicial que atinxía a José Ramón Gómez Besteiro e foi arquivada era a denominada Operación Pulpo, na que a xuíza Pilar de Lara dixo advertir presuntas irregularidades na xestión dun programa turístico da Deputación de Lugo. A xuíza que tivo que resolvela tras a sanción do Poder Xudicial a De Lara considerou que, na peza que afectaba ao dirixente socialista, non fora "debidamente xustificada" a "perpetración de delito ningún" e por iso a pechou.
O caso Pulpo foi o que precipitou en 2016 a dimisión de Besteiro como secretario xeral do PSdeG apenas unha semana despois de transcender a imputación, que se sumaba ás que ditara De Lara contra el no caso Garañón, arquivadas en 2021. Pero comezara a xestarse tres anos antes, en marzo de 2013, cando o agora novo delegado do Goberno de España en Galicia aínda non era secretario xeral do PSdeG pero xa evidenciara que ía optar ao posto.
Daquela a Fiscalía de Lugo recibiu un documentación que sinalaba supostos feitos delituosos na xestión do devandito programa turístico. Eses documentos, segundo consta en folios do sumario do caso agora revelados polo PSdeG, foron entregados á Fiscalía por Elena Candia, na altura voceira do PP na Deputación e actualmente líder provincial do PP, ex-alcaldesa de Mondoñedo e candidata popular á alcaldía de Lugo. Defenden os socialistas que deste xeito queda probado que foi Candia quen "orixinou a persecución contra Besteiro"
Despois de que Rueda respondese que "non é certo" que Elena Candia manobrase para incriminar o agora novo delegado do Goberno de España en Galicia, o PSdeG divulga documentos nos que ela consta como a persoa que achegou en 2013 ao fiscal os papeis na orixe do caso 'Pulpo'
O primeiro deses papeis, co logotipo do PP e asinado pola propia Candia, entrou no rexistro da Fiscalía de Lugo o 5 de marzo de 2013. Nel, o PP lucense indica que recibiu "dous documentos" nos que "se describen accións de gran relevancia e posible incumprimento da legalidade". "Por se tales circunstancias son constitutivas de delito, póñoo no seu coñecemento, á vez que lle entrego copia para que o teña en conta", sinala.
O segundo, datado no 14 de marzo do mesmo ano, corresponde cunha declaración de Candia como testemuña ante o fiscal xefe de Lugo, que xa abrira dilixencias preprocesuais penais polo caso. Nesa declaración, Candia indica que o escrito chegou ás oficinas do Grupo do PP na Deputación "de forma anónima", que o "atoparon dentro dun sobre en branco sen ningunha anotación, sen que poida precisar a procedencia". "Cre que o sobre foi destruído ou utilizado para reciclar", agregaba.
Segundo informara o xornal El Progreso, eses documentos entregados anonimamente levaban sinaturas de traballadores da Deputación lucense, que acusaban un superior de acoso laboral e tamén de delitos como falsidade documental ou malversación. A partir deles, De Lara lanzou unha ampla investigación sobre a xestión da institución provincial, que deu lugar a varias imputacións, entre elas a de Besteiro.
Os socialistas cren que a entrega dos papeis foi unha "artimaña mesquiña" para "destruír" a Besteiro e ven "inhabilitada politicamente" á actual candidata do PP á alcaldía lucense. O PP de Lugo admite a entrega e di que Candia "cumpriu coa obriga de calquera cargo público" ao realizala
Despois de que, o pasado xoves, o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda asegurase, en resposta aos xornalistas, que "non é certo" que Candia manobrase nos tribunais para incriminar a Besteiro, o PSdeG de Lugo ve "demostrado" con estes papeis que así foi, unha "artimaña mesquiña coa única vontade de sacar rédito electoral e destruír" o daquela líder socialista. Decidiron divulgar os documentos, din, porque "aínda por riba de non dar explicacións nin pedir desculpas pola tropelía, primeiro mente Elena Candia e agora o propio presidente da Xunta negando a evidencia: que foi a presidenta provincial do PP a que, título persoal, entregou os escritos que deron orixe á operación xudicial.
"Como se pode mentir con tanto descaro?", pregúntanse os socialistas, quen censuran o "dano enorme a Gómez Besteiro e a Lugo" causado con esta operación. Cabe preguntarse, engaden, se Rueda "mente porque tamén lle mentiu a el Elena Candia e non está ben informado ou mente a sabendas". En todo caso, din, "á vista dos feitos, a señora Candia está inhabilitada politicamente" e volven reclamarlle que "pida perdón". "Se non, debe marchar da política, porque non vale todo". Neste sentido exprésase tamén o secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage, dende cuxo punto de vista Rueda debería "retirar a Candia da carreira pola alcaldía de Lugo".
Tras divulgaren os socialistas a documentación, o PP de Lugo emitiu un comunicado no que, como en días pasados, puxo o foco en que "quen inicia unha investigación a Besteiro foron un fiscal e un xuíz, nunca Elena Candia". Ademais, agregan que coa entrega da documentación á Fiscalía, Candia "cumpriu coa obriga de calquera cargo público", de comunicar ás autoridades posibles delitos dos que teña coñecemento. Neste sentido, acusan o PSdeG de "suxerir" que deberían "ocultar" esa información.