José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967), líder dos socialistas lugueses, é o primeiro candidato á secretaría xeral do PSdeG. Presidente da Deputación de Lugo dende 2007, fala con paixón do labor desta institución que, admite, está "eternamente cuestionada" mentres inicia unha rolda de contactos coa militancia socialista de toda Galicia para "escoitar" sen "medo". Asegura ter "ilusión" para encabezar o novo período de "renovación" do socialismo galego mentres advirte de que "recuperarse rápido non significa recuperarse ben". Sen rivais coñecidos na carreira polo liderado afirma ter claro "a quen nos temos que dirixir, que é o que temos que facer e como temos que facelo, e para iso precisamos un partido forte e unido".
Que pode achegar vostede ao partido que a actual dirección non achegou?
A cuestión no é que podo achegar eu. Estamos nun momento de renovación e cambio e o próximo secretario xeral, sexa home ou muller, vai achegar un cambio. É un momento completamente distinto, mesmo ao de hai un ano, no último congreso. Hai un latexar distinto e podemos falar con normalidade de fenómenos como as primarias, de abordar cuestións como a limitación de mandatos, das listas abertas... E hai un ano estes temas non estaban no día a día da militancia. Non pasaron máis de doce meses, pero mudaron moitas cousas e hai que empezar a pensar como o Partido Socialista pode ganar as próximas eleccións para transformar a sociedade dende o Goberno. Pero o partido non é un fin en si mesmo, senón un medio para transformar a sociedade.
Se o partido non é un fin... Coida que nos últimos tempos estivo demasiado centrado en si mesmo e menos na sociedade?
Evidentemente. Eu estou convencido de que estes procesos orgánicos non poden eclipsar a realidade nin o proxecto dos socialistas galegos para Galicia. Temos que pensar que partido queremos para unha sociedade que queremos cambiar e para iso o Partido Socialista ten que profundar no seu galeguismo, que non é só poñer nun lugar prioritario a lingua e a cultura, que tamén. É pensar en clave de Galicia, identificar os problemas que ten Galicia, que algúns son compartidos e outros son propios: na economía, na industria, no emprego... Non somos mellores nin peores que o resto de España, pero si diferentes. Por exemplo, o problema demográfico é capital. E quen di a demografía di a ocupación do territorio ou o sector primario, que ten unha potencialidade tremenda. Cómpre realizar un labor moi importante de sensibilización, para que se saiba que os problemas que acontecen en Ferrol tamén lle afectan a quen está na Ribeira Sacra: o problema do naval é de Ferrol, pero aféctalle a Lugo e en Vigo teñen que saber os problemas que ten o sector gandeiro. Debemos superar unha visión localista e ese labor pedagóxico tamén o ten que asumir o Partido Socialista.
Para pensar Galicia máis globalmente cumpriría superar algunhas das materias pendentes do socialismo galego, ollar menos cara á dirección federal e superar a imaxe de ser un agregado de agrupacións locais?
"Ter unha raíz municipalista non ten que impedir xogar un papel a nivel de país"
Eu aposto por un PSdeG forte e por unhas relacións coa federal de absoluta lealdade. Para que te respecten hai que respectar e esa é unha máxima que o PSdeG ten que levar adiante. Eu nacín nun partido federal e para min non é nada estraño. E para que haxa lealdade o PSdeG ten que ser o protagonista nas decisións en Galicia. E se ben é certo que o PSdeG ten unha forte raíz municipalista, isto non ten que impedir que se xogue un papel a nivel de país. Para iso hai que compartir os problemas, temos a obriga de facelo; o militante ten o dereito de participar e expresarse, e tamén ten o deber de facelo.
É unha cuestión de respecto mutuo?
Totalmente. Para min é fundamental un respecto mutuo que leva a un código de lealdade que todo o mundo entende. Eu, por exemplo, dixen que me ía presentar ante o Comité Nacional. Puiden dar unha rolda de prensa, pero díxeno no máximo órgano entre congresos que decide que vai haber un congreso e que antes pode haber unha consulta. Esas cousas témolas que facer no partido, no que eu levo vinte anos, dende setembro de 1993.
Unha época na que non era doado defender o PSOE en público...
Foi unha especie de rebeldía, semellante á de 1999, cando entramos no Concello de Lugo. As previsións demoscópicas dicían que iamos ter tres concelleiros e sacamos sete; estou acostumado a entrar en momentos difíciles. Non quero dicir que sexa un experto en xestionar situacións difíciles, pero hai que ter ilusión polo momento, e eu neste momento téñoa, cando todos nos temos que conxurar para dicirlle á xente que se pode facer política para solucionar os seus problemas.
Celebrar unhas primarias para elixir secretario xeral pode ser o primeiro paso para que esa xente poida ver que o PSdeG se pode adaptar á realidade actual?
"En ningún punto dos estatutos do partido di que non se poida escoitar a militancia; vimos dun tempo no que houbo un déficit de discusión"
Os estatutos están para cumprirse, pero tamén para ser intepretados. En decembro fixemos un encontro coa militancia en Lugo e parecía que era unha fórmula antisistema dentro do partido, pero era escoitar a militancia. E en ningún punto dos estatutos do partido di que non se poida escoitar a militancia, é máis, aínda que non estea escrito todos entendemos que o Partido Socialista ten que escoitar a súa militancia. Había certo temor, porque semellaba un contexto asembleario e non somos un partido asembleario. O encontro saíu moi ben, durante todo un día, con máis de cincuenta intervencións nas que non houbo unha que non falase de futuro, con xente que había anos que non viña polo partido. E ninguén cuestionou o partido. O peor que pode facerse é terlle medo á militancia, coa que hai que compartir acertos e culpas. E neste proceso temos que axudar, porque vimos dun tempo no que houbo un déficit de discusión, probablemente froito dos tempos. Temos que adestrar máis a discusión.
Ese encontro coa militancia que xa comezou en Lugo agora ten que estendelo a toda Galicia, como vai ese proceso?
Empezaremos xa coas agrupacións grandes e despois iremos ás comarcas. A miña intención é bater toda Galicia, para estar próximo ao militante que me queira escoitar ou dicirme algo. Trátase de escoitar; hai quen me di “cal é o seu proxecto?” e eu teño opinión sobre moitos temas, pero neste momento o que hai que facer é contrastalas, porque nalgunhas cousas podo non ter razón. Eu estou disposto a discutir sobre réxime electoral, sobre as deputacións...
En Lugo xoga na casa por motivos evidentes, pero réstalle un esforzo no resto de Galicia. Séntese un descoñecido?
Si, e voume presentar, non vou dar por sentado que me coñecen. Eu cando inicio as miñas intervencións cos compañeiros e compañeiras empezo dicindo que son un avogado de 45 anos que se afiliou ao partido en setembro de 1993, que é fillo da educación pública, que me marcou e me deu moito... E cóntolles cando empecei a política activa no Concello de Lugo en 1999, no 2007 entramos na Deputación, a primeira vez que entraba un socialista dende os romanos [ri] e revalidámola en 2011 nun contexto moi difícil. Aquí levamos seis anos en coalición co BNG, onde fomos quen de marcar unha folla de ruta na que os dous grupos traballan para levala adiante. Eu non son nacionalista nin teño pensado selo, pero non me dedico as vinte e catro horas a tentar convencer os nacionalistas de que deixen de selo, senón a que o acordo que fixemos se leve adiante.
Se chega á secretaría xeral terá que relacionarse, en maior ou menor medida, co presidente da Xunta. Que tal relación teñen? O goberno da deputación e o galego bateron en máis dunha ocasión...
"A actual dereita é unha das máis duras, insensible ante os problemas da cidadanía"
Eu cheguei a acordos co PP para solucionar problemas. Pero nós non compartimos o que está facendo a dereita, que é unha das máis duras, que non se parece en nada á época de Manuel Fraga. É insensible ante os problemas da cidadanía e contra iso, nós temos que reaccionar. Acordar por acordar, non. Acordar para que a sociedade viva mellor, para ter unha sanidade pública e unha educación pública forte... Por exemplo, a educación no é só dar clases de matemáticas e lingua, senón un paquete de comedor, transporte... todo aquilo que permite que os rapaces, cando entran na escola, sexan iguais. Que a liña de saída estea no mesmo sitio para todos.
Para levar adiante estas iniciativas antes ten que chegar ao liderado do partido... Agarda moitos rivais?
Ultimamente fanme moito esa pregunta... Cando un afronta un proceso democrático pode haber un candidato, dous, tres ou catro... E ningunha das cousas é mala. O importante é que haxa unhas normas que permitan presentarse cunhas condicións razoables para todos. Tan bo é que haxa un como que haxa cinco. Eu non traballo con esas hipóteses, senón que traballo falando con moitos militantes, dicíndolles que a solución non é individual. Se hai cinco candidatos, aceptarei a loita democrática e con espírito de superación. Pero neste momento hai que falar e escoitar, porque os liderados agora non son individuais, son compartidos.
Un deses posibles competidores pode ser o actual secretario xeral?
"Non sei o que vai facer o secretario xeral, pero sería un candidato máis"
Non teño opinión sobre o que vai facer. É un militante máis e eu non estou na súa cabeza, pero supoño que co tempo o veremos. Sería un candidato máis.
Vese encabezando un cartel electoral ou aínda é política ficción?
Ademais de ser ficción, neste momento temos que liberarnos desa ansiedade. Temos que empezar a facer un traballo, se cadra como o que se facía hai trinta anos; temos que mirar máis ás agrupacións, aos militantes, temos que relacionarnos coa sociedade... e iso leva tempo, recuperar a confianza leva tempo. Trátase de facer moitas cousas ben durante moito tempo, e o electorado da esquerda é moi esixente. Pero aínda que sexa máis duro, eu prefiro a esquerda fronte á dereita.
E antes están as eleccións municipais...
Tamén, e aí as agrupacións van exercer unha grande responsabilidade. Isto require un esforzo común moi solidario, moi xeneroso e de compartir as decisións, non cun líder mesiánico que decida o que hai que facer. Iso xa non existe.