Santiago encara un mandato que decidirá se a cidade se move ou a moven

Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago © Concello de Santiago

Compostela vén beneficiándose de investimentos doutras administracións mentres gobernos locais de distinta cor foron adiando melloras en servizos municipais como o bus ou a auga que vivirán un momento clave no novo mandato

Santiago leva décadas beneficiándose de ser a capital política e referente turístico de Galicia, o que lle facilitou recibir todo tipo de investimentos en infraestruturas e servizos doutras administracións, aínda que nos últimos anos os impactos negativos do turismo trouxeran algunhas sombras para a vida diaria da cidadanía. Unha vida cotiá na que gobernos locais de distinta cor foron adiando melloras en servizos municipais que no próximo mandato rexistrarán un momento clave de desenvolvemento e mellora. Quen os xestionará e impulsará a Compostela do futuro á marxe do que fagan nela outras administracións será o que se decida o 28 de maio.

Durante tres décadas Santiago viviu a estabilidade política de sucesivos gobernos locais encabezados polo PSdeG, primeiro con Xerardo Estévez, cando se planificou o fundamental do desenvolvemento urbano da cidade, e despois con Xosé Sánchez Bugallo, cando se foi completando aquela planificación. Pero hai unha década chegou o lío.

En 2011 o popular Gerardo Conde Roa lograba a maioría absoluta, un ano despois dimitía imputado por fraude fiscal e dous anos máis tarde dimitía o seu sucesor, Ángel Currás, remudado por quen fora o último na lista electoral do PP, o ata daquela conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández. Nas municipais de 2015 a alcaldía pasaba a Martiño Noriega, de Compostela Aberta, que gobernaría en minoría, como tamén en minoría vén gobernando desde 2019 o recuperado Bugallo.

Bugallo aspira a unha reelección que o poría ás portas de ser rexedor máis de 20 anos, para o que debería contar, como no pasado, con Compostela Aberta, encabezada por María Rozas, ou o BNG, con Goretti Sanmartín, mentres Borja Verea ten o reto de superar unha década de fiascos do PP

Agora Bugallo, hoxe con 10 dos 25 concelleiros da Corporación, aspira a revalidar a alcaldía, o que o poría ás portas de ser rexedor durante máis de 20 anos, pero todas as enquisas o fan depender de acordos con outras forzas, que poderían ser Compostela Aberta ou o BNG. Na primeira formación, que hoxe conta con 5 edís, a candidata é María Rozas, que foi concelleira de Economía e Facenda durante a alcaldía de Martiño Noriega. Polos nacionalistas, agora con 2 edís, a candidata volve ser Goretti Sanmartín, que foi vicepresidenta da Deputación da Coruña e aspira a consolidar a xeira ascendente do BNG en toda Galicia. 

Mentres, o PP, agora con 8 edís, preséntase como a forza máis renovada tras unha década de constantes crises internas. O seu candidato, Borja Verea, deputado autonómico e antes secretario xeral da Consellería de Economía, aspira a unha maioría absoluta máis tranquila que a anterior que tivo o PP, orixe da última década de inestabilidade municipal. 

Nestes algo máis de dez anos de convulsa vida municipal a cidade beneficiouse de proxectos estatais ou autonómicos como a chegada da alta velocidade ferroviaria, a apertura da Cidade da Cultura e dunha nova terminal no aeroporto, a ampliación da circunvalación a través da AP-9, o inicio de obras para novas conexións viarias como o enlace orbital ou o avance de iniciativas como a ampliación do hospital, de sedes institucionais ou de sendas ciclistas e peonís e melloras nos camiños de Santiago.

Pero as políticas locais foron outra cousa. No urbanístico, máis alá de novas humanizacións, as principais novidades chegaron co desenvolvemento de novas áreas empresariais na zona da Sionlla grazas ao apoio tamén doutras administracións. Pero mentres, as concesións dos principais servizos municipais foron caducando sen que sucesivos gobernos de distintas cores, con apoios dispares do resto de grupos, fosen quen de sacalas novamente a concurso para melloralas ou, ao contrario, de remunicipalizalas. O transporte urbano, caducado en 2016 e prorrogado desde aquela por gobernos distintos ao grupo Monbus malia as súas sucesivas polémicas, vén de saír novamente a concurso agora, a menos dun mes das eleccións municipais, así que será o próximo executivo o encargado de xestionar a mellora do servizo. 

O mesmo ocorrerá co abastecemento de auga, tamén licitado recentemente e pendente de adxudicación despois de que toda a oposición amosase as súas dúbidas sobre o novo modelo, uns porque prefiren unha remunicipalización do servizo e outros porque non concordan coas cifras e obxectivos da nova concesión. Igual que as discrepancias entre os grupos municipais sobre o emprazamento e o modelo dunha nova depuradora foron adiando a súa construción, que aínda comezará agora.

Pola contra, o goberno local gábase de ser el quen logrou, no tempo de desconto, encarreirar esas actuacións, como tamén fixo previamente cos contratos de recollida do lixo ou parques e xardíns. 

A Casa da Xuventude vista desde o frontal que dá ao centro histórico e desde o parque de Belvís na súa parte traseira © Concello de Santiago

As discrepancias entre os grupos a respecto de todo tipo de cuestións de competencia municipal teñen un bo exemplo nunha relativamente menor, a Casa da Xuventude, que PP e BNG queren derrubar e PSdeG e Compostela Aberta reformular

O efecto das discrepancias entre os grupos municipais nalgunha das principais actuacións pendentes na cidade pode apreciarse nunha de relativamente pouca envergadura e en mans completamente do Concello: a Casa da Xuventude, situada entre o casco vello e un dos principais parques da cidade, o de Belvís. Un edificio que para uns é un estorbo mesmo estético e para outros unha dotación social imprescindible. 

O PP decidiu derrubala durante o seu goberno municipal para abrir un acceso ao parque. Pero non chegou a tempo e Compostela Aberta reformulouna como centro autoxestionado. Bugallo e a pandemia reduciron o seu uso, e o alcalde vén agora de asinar un acordo coa Deputación da Coruña para reformala e dotala de contido. Pero o PP xa avisa de que se goberna pensa derrubala, o mesmo que quere facer o BNG, trasladando os seus usos sociais a outros inmobles.

Medidas xa iniciadas ou propostas como o control dos pisos turísticos ou a taxa a visitantes agardan aínda polo seu efecto real sobre a vida da cidadanía de Santiago

O futuro de todas estas melloras de servizos e proxectos municipais longamente adiados quedará en mans do novo goberno municipal, que tamén terá o reto de paliar os efectos negativos que o turismo cada vez maior foi deixando ver nos últimos anos. No último mandato aumentáronse os controis sobre os pisos turísticos, pero as medidas seguen a ser insuficientes como para ter efecto claro sobre o mercado inmobiliario da cidade tanto na venda como no alugueiro, o que segue levando á emigración a localidades veciñas moito máis baratas como Milladoiro, Bertamiráns ou Teo.

Vista xeral de Santiago desde o monte Pedroso © Turismo de Santiago

E a longamente debatida taxa turística que permita ao Concello obter un beneficio económico directo pola chegada masiva de visitantes segue no aire. Compostela Aberta abriu o debate durante o seu mandato, pero malia que o PP e a Xunta din estar abertos a negociar, a iniciativa aínda está nunha fase moi inicial de concreción. Nese eido e noutros moitos será o próximo goberno municipal quen decida se é Santiago a que se move a si mesma ou son outros quen a fan moverse.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.