Noriega toma o bastón de mando con Ánxel Casal e 'As Marías'

Os concelleiros de Compostela Aberta nas escaleiras de Raxoi CC-BY-SA Praza Pública

Ánxel Casal, Maruxa e Coralia. O alcalde galeguista e republicano asasinado polos franquistas en 1936 e as populares 'Marías', mulleres represaliadas pola ditadura que tornaron en icono de Santiago foron protagonistas este sábado na investidura do novo alcalde da capital, Martiño Noriega. O novo rexedor e os outros nove edís de Compostela Aberta accederon ao Pazo de Raxoi dende a súa parte traseira, ao carón dos calabozos nos que os sublevados recluíron a Casal. E dende alí quen aínda non era rexedor manifestou o seu primeiro propósito: que a veciñanza "recupere a confianza" no Concello.

A cuarta toma de posesión dun alcalde de Santiago nos últimos catro anos comezou cunha mestura de festa e tensión. De festa pola banda de Compostela Aberta e de tensión porque, ata o último momento, pairaba o temor de que acontecese "algo raro" á hora de votar. Non obstante, a presenza do acto do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convidaba a pensar que se cumpriría o guión previsto, e así foi.

O pleno de investidura desenvolveuse con normalidade. Ás fórmulas habituais de promesa e xuramento do cargo engadíronse promesas propias pola banda de Compostela Aberta e tamén do BNG. Concha Fernández, ataviada cunha camiseta de Rosalía prometeu levar a cabo o seu cargo "con honestidade e transparencia". Marta Lois prometeu "promover a igualdade de homes e mulleres e loitar pola xustiza social". Noriega prometeu o cargo "con Ánxel Casal na memoria e Maruxa e Coralia". Pola banda do BNG, Goretti Sanmartín comprometeuse a "traballar arreo polos homes e mulleres de Santiago de Compostela e todo o pobo galego". 

Nas votacións non houbo sorpresas: Noriega acadou 12 votos, os de Compostela Aberta e os do BNG; o PSOE votou en branco e o PP votou ao seu candidato.

Un leve fallo de protocolo fixo que Noriega tivese que recibir dúas veces o bastón de mando, pois da primeira volta, esquecera prometer o cargo de alcalde. No seu discurso o novo rexedor lembrouse da súa parella e da súa filla e tamén da "xente" coa que "a vida me regalou poder compartir espazo e tempo: "como Xosé Manuel Beiras, Avelino Pousa ou Isaac Díaz Pardo", afirmou o novo alcalde.  Cunha "flor xun xasmín que plantou Avelino" na lapela o novo alcalde recordou que "eles foron  os que me falaron de Ánxel Casal ao que hoxe reivindico, non só porque el tiña, coma min, 40 anos cando foi alcalde, senón que representa  valores que van ser un piar para nós como o da sensibilidade social e cultural". Ao fío disto engadiu que "pelexou pola tramitación do Estatuto de Nación e pola defensa dos valores democráticos e pagouno coa morte nunha cuneta de Cacheiras".

O novo alcalde pide "apostar polo común denominador, coas mans tendidas dende o diálogo e a diferenza"

Alén da parte simbólica, ao porse á fronte da corporación da capital Noriega lánzalles unha "solicitude" ao resto de grupos, cos que terá que negociar ao longo do mandato: "apostar polo común denominador, pola recuperación do latexar da cidade, coas mans tendidas desde o diálogo e a diferenza". "Comprométome a gobernar para a maioría social agredida", sentenciou. Unha das primeiras apertas do inicio do mandato foi para Xosé Manuel Beiras, para quen resulta "reconfortante" poder refutar en Santiago "as constantes mensaxes que se mandaban de que non había nada que facer e que Galiza é un país de dereitas".

Facer poder popular

Entre berros de alcalde! e guapo! e unha forte ovación subiu Noriega ao escenario colocado no parque de Belvís, onde Compostela Aberta celebrou a festa da investidura, cun bo número de asistentes. O alcalde afirmou que non era boa idea "predicar en competición co polbo e o churrasco".

"Sen todas e todos vós e sen quen camiñou comigo estes meses este cambio sería imposible", afirmou Noriega. "Nós chegamos sen mochila e así debe seguir sendo, pero vai ser complicado porque o corsé das institucións apreta, e apreta moito, pero sóbranos o apoio da xente", engadiu.

"Hoxe é día de celebrar, o luns de traballar, facendo unidade popular", aseverou o alcalde. E, puño en alto, despediuse "grazas, adiante e moita forza".

Martiño Noriega toma a palabra na festa de investidura en Belvís CC-BY-SA Praza Pública
A nova corporación compostelá CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.