Santiago: Á procura da serenidade perdida

Santiago é a cidade na que máis pesa a poboación flotante © Turismo de Santiago

A vida municipal de Santiago de Compostela adoitaba ser prácida e serea. Mesmo aburrida. Ata hai relativamente pouco a última convulsión de relevancia databa de 1986, cando Alianza Popular desbancou o socialista Xerardo Estévez da alcaldía a través dunha moción de censura pactada coa UCD, que inicialmente apoiara o rexedor do PSdeG. Un ano despois, en 1987, as eleccións municipais outorgáronlle a Estévez a maioría absoluta. Dende aquela e ata os últimos comicios municipais a capital galega sempre tivo un alcalde socialista, en solitario ou co apoio do BNG, e mesmo o relevo no poder, mudando a Estévez por Xosé Sánchez Bugallo, produciuse se excesivas estridencias. Pero todo mudou o 1 de xullo de 2011. Ese día Gerardo Conde Roa tomou o bastón de mando ante Alberto Núñez Feijóo grazas á maioría absoluta que obtivera nas urnas por apenas unha ducia de votos por riba de socialistas e nacionalistas. Dende ese momento Compostela ascendeu aos titulares para non volver baixar e a súa vida local transitou entre o Concello e os tribunais.

Ata 2011 a vida municipal de Santiago adoitaba ser prácida, mesmo aburrida

A histórica maioría absoluta do partido na dereita na cidade chegou, dende o inicio, cun aquel de incerteza. As circunstancias persoais do novo alcalde, que xa protagonizara varias polémicas nos seus catro anos de oposición, alimentaron, practicamente dende o minuto cero, as especulacións sobre que membro da súa lista o substituiría no caso de ser necesario. De entrada, as olladas pousábanse sobre Paula Prado, flamante número dous e portavoz do goberno municipal. Pero, que podería precipitar a caída de Conde Roa?

Apenas dúas semanas despois de tomar posesión o novo rexedor xa acaparaba miradas, xa fose por solicitar a celebración dunha semifinal na Copa Davis na Cidade da Cultura ou por vestir un traxe tradicional galego nos actos do 25 de xullo mentres, ao tempo, lle declaraba a guerra a organizacións culturais e de promoción da lingua na cidade. Nos meses seguintes tamén houbo estampas e frases para a hemeroteca, como a promesa de facer sentir o seu "alento na caluga" dos supotos instigadores dunha presunta "guerrilla urbana" ou unha comentadísima coreografía polo Nadal en plena Praza do Obradoiro xunto ao concelleiro de Cultura, Ángel Currás, dúas mozas ataviadas de Santa Claus e unha terceira persoa disfrazada de asno.

Caída de Conde Roa e primeiro recambio

Foi en abril de 2012, nove meses despois da toma de posesión, cando se despexou a incógnita do motivo que faría marchar ao alcalde. O día 3 dese mes El País Galicia publicaba que a Fiscalía viña de denunciar o rexedor compostelán por non pagar o IVE de 61 vivendas promovidas dende a súa empresa construtora, isto é, por fraude fiscal. Tras unha Semana Santa na que rexurdiu a latente guerra interna do PP compostelán o 16 de abril Conde Roa escenificaba a súa caída nunha multitudinaria rolda de prensa. Marchaba sen que Feijóo llo pedise e "limpo", aseguraba -sería condenado en outubro de 2013-. Marchaba, ademais, impoñendo un substituto co que cortou o acceso de Prado á alcaldía: Ángel Currás.

O perfil de Currás auguraba un período sen sobresaltos ata a súa imputación no caso Pokémon e as posteriores revelacións da presunta trama corrupta

Alén das xa indisimuladas pugnas intestinas do PP o perfil tranquilo de Ángel Currás auguraba a apertura dun período sen excesivos sobresaltos. Pero nada máis lonxe da realidade. Nos primeiros días de 2013 o novo alcalde era citado pola xuíza Pilar de Lara declarar como imputado por un presunto delito de tráfico de influencias no marco da operación Pokémon. Un mes despois a xuíza ordenaba o rexistro da casa de Conde Roa, detiña o edil de Seguridade, Albino Vázquez, e enviaba directamente á cadea ao que fora xefe de gabinete do primeiro alcalde, Ángel Espadas. Tras escasos días Conde Roa tamén resultaba imputado no caso e ao mes seguinte, acontecíalle o propio ao edil de Deportes, Adrián Varela.

A convulsión municipal foi practicamente definitiva cando o levantamento do segredo do sumario permitiu a saída á luz das escoitas telefónicas e indagacións que sustentan a investigación da presunta rede corrupta. Pregos de condicións redactados á medidas das empresas da suposta trama, intercambios de favores, enchufes, contrapartidas de dubidosa legalidade, financiamento opaco e ética relaxada en xeral escandalizaban case a diario a opinión pública galega e mesmo estatal. Se cadra foi por iso que Currás tentou, formal e infrutuosamente, que a xuíza censurase a publicación de novas na prensa ao respecto.

Terceiro alcalde en tres anos e goberno non electo

A moi tensa e inestable situación do goberno local tocou teito a poucos días das eleccións europeas de 2014. O 19 de maio sete membros do goberno local, a metade máis un, sentaban no banco dos acusados para responderen dun presunto delito de prevaricación por aprobar que o Concello lle pagase o avogado a Adrián Varela no proceso da Pokémon sen, a xuízo da Fiscalía e da xuíza instrutora, atender aos requisitos legais. Os edís foron condenados a nove anos de inhabilitación e, como marca a lei, tiveron que deixar o Concello de inmediato. Esta sentenza condenatoria, revogada pola Audiencia Provincial da Coruña o pasado marzo, foi a que propiciou o segundo relevo na alcaldía e a chegada do terceiro rexedor, Agustín Hernández, o conselleiro de Infraestruturas que pechara a lista de Conde Roa en 2011.

Dende o verán de 2014 Hernández lidera un goberno formado maioritariamente por persoas non electas

Á fronte dun goberno formado maioritariamente por persoas non electas o enviado de Feijóo afanouse en vender "normalidade" dende o primeiro instante, se ben nestes escasos meses xa protagonizou varias actuacións polémicas, como a liquidación dun proxecto de vivendas públicas para a mocidade que el mesmo chegara a adxudicar como conselleiro, enfrontamentos co tecido cultural da cidade ou a asunción de fortes compromisos económicos en materia publicitaria

É neste contexto no que Santiago chega ás eleccións municipais. A aposta persoal de Feijóo para poñer orde no consistorio é tamén a súa aposta para reter a alcaldía dende o primeiro posto da lista que pechou hai catro anos. Enfronte terá aos voceiros da actual oposición, Francisco Reyes (PSdeG) e Rubén Cela (BNG) e tamén á emerxente Compostela Aberta, con Martiño Noriega como cabeza de lista. Aspiran a entrar na corporación, asemade, Compromiso por Galicia, liderado por Xosé Antón López, e Ciudadanos, que elixiu como candidato ao ex edil do PP Javier Sánchez-Agustino.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.