Conde Roa manobrou para que un convento de monxas non pagase o recibo da auga

Convento de Santa Clara, en Compostela © Google Street View

A finais de xullo de 2012 Gerardo Conde Roa levaba xa tres meses fóra da alcaldía de Santiago pero a súa sombra aínda pesaba, e moito, sobre o consistorio compostelán, aínda sumido nun notable descontrol. Segundo consta no sumario da operación Pokémon, o propio Conde Roa e quen fora o seu xefe de gabinete, Ángel Espadas, ademais de concelleiros como o de Deportes, Adrián Varela, continuaban a negociar e a "premer" para a consecución de "proxectos" como a prórroga da concesión do servizo municipal de augas a Aquagest, empresa que presuntamente se prodigaba en favores para responsables municipais e os seus achegados. Nalgúns casos falábase de grandes cifras e, noutros, de operacións menos relevantes economicamente pero igualmente elocuentes. É o caso, por exemplo, da xestión para evitar que un convento de monxas pagase polo subministro de auga.

Atendendo á documentación do sumario sobre a que xa non pesa o segredo, á que tivo acceso Praza Pública, os axentes de Vixilancia Aduaneira que controlaban as conversas telefónicas dos presuntos implicados na trama escoitaron o 24 de xullo como un dos supostos líderes da rede, José Luis Míguez, responsable de Aquagest na cidade, lle explicaba a un home chamado Luis "o problema do convento de Santa Clara". O tal "problema" xurdiu tras unha visita de Conde Roa ao recinto acompañado polo devandito Luis, na que as monxas "lle deron unha carta explicándolle os problemas que teñen coa auga". Segundo Míguez, "Gerardo Conde Roa estivo coa monxa superiora e díxolle que non quería pagar máis auga e agora xa non se lles pasa o recibo".

"Míguez recoñece que Conde Roa cometería prevaricación ao ordenar que non se cobrase ás monxas (...) e para xustificalo acorda (...) formalizar un convenio"

"Luis -recolle un auto da xuíza de agosto dese mesmo ano- dille que o BNG denunciou a través dunha nota de prensa que as monxas roubaban a auga" e que, á sú vez, as relixiosas "queren un xustificante conforme a que non van pagar máis a auga". Neste contexto o propio Míguez asegura que "el xa amañou coas monxas, que xa non pagan o recibo da auga" e que, ademais, "din que teñen un terreo cerca da estación de autobuses onde teñen un manantial". Así as cousas, o mencionado Luis "di que fomalice" un convenio "no que as monxas resarcen o Concello coa cesión dun terreo", xa que en caso contrario "poden acusar o alcalde de prevaricación". Para Vixilancia Aduaneira, nesta conversa "Míguez recoñece que Gerardo Conde Roa cometería prevariación ao ordenar que non se cobrase a auga ás monxas de Santa Clara e para xustificalo acorda cun Luis formalizar un convenio" para a cesión do terreo.

Favores mutuos e corrupción "por Gerardo"

O responsable de Aquagest pediulle axuda a Espadas para "un chaval que se presenta ás oposicións da Policía"

Estas condutas presuntamente corruptas serían só unha mostra do que, atendendo ao sumario, era un intercambio de favores máis ou menos fluído coa concesión de contratos públicos como pano de fondo. Así, por exemplo, nunha conversa telefónica intervida en xuño de 2012 o daquela responsable de Aquagest en Galicia, Henry Laíño, dille a Ángel Espadas que "lle vai mandar o currículo dun chaval que é amigo seu" e que "se vai presentar ás oposicións da Policía". "O pai comentoulle que hai unha mafia e que xa saben quen vai aprobar, por iso necesita que lle boten unha man", sinalou Laíño, antes de especificar que "isto depende da Consellería de [Alfonso] Rueda" e que "se non pode facer nada, que llo diga". Espadas, pola súa banda asegura que "para o tema da policía autonómica" xa "recomendou a varios, pero que lle dixeron que había 3.000 recomendados para 60 prazas". "Estas cousas" Espadas "fainas a través dun director xeral da Xunta, que é amigo seu", recolle o informe.

"Espadas comenta que fixo cousas por Gerardo que non fixera por ninguén"

Noutra escoita telefónica, neste caso cunha persoa identificada como Valentín, o propio Espadas admite que "foi un corrupto" pero non por iniciativa propia, senón "por Gerardo [Conde Roa]". "Espadas comenta que fixo cousas por Gerardo que non fixera por ninguén", que mesmo "falou cun amigo do xuíz que levaba a súa causa, para pedirlle a ver se pode arquivar o caso". Atendendo á explicación de quen é alcumado Puñales polos presutos membros da trama, "para convencelo" de que permanecese ao seu carón Conde Roa "nomeouno xefe de gabinete" e díxolle que "nas autonómicas marcharía ao Parlamento autonómico". "Pero no mes de febreiro empezou a ver cousas estrañas, sobre todo en Gerardo", aínda que "seguiu facéndolle todo, por exemplo, as negociacións con Telefónica". E así seguiu "ata que un día lle contaron que o seu xefe tiña un problema con Facenda" e "durou quince días no posto". Tras a saída de Conde Roa o novo rexedor, Ángel Currás, "propúxolle pedirlle a Feijóo que lle buscase un posto, pero el non quixo", recolle a investigación.

Convento de Santa Clara, en Compostela © Google Street View

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.