A gardaría dos "enchufes"

O alcalde, a edil e outros cargos, na inauguración do centro © Concello de Santiago

Para o presidente da Xunta "non é o mesmo recibir diñeiro ou ter pedido diñeiro a alguén" que "outras cuestións", nin é o mesmo "falar de como accede un empregado á administración pública" que facelo de "empresas privadas que contratan a un ou a outro en función da indicación dun político". Alberto Núñez Feijóo realizaba este xoves ante a prensa esta tipoloxía do enchufismo ao ser cuestionado a respecto pola súa avaliación ética e política das condutas que están a saír á luz tras o levantamento parcial do segredo de sumario na operación Pokémon. Eses enchufes en empresas concesionarias da administración pública, menos graves para o presidente que os enchufes na propia admnistración, foron os que caracterizaron na posta en marcha dunha gardaría no barrio compostelán de Salgueiriños. Isto é, cando menos, o que consideran os investigadores de Vixilancia Aduaneira.

Segundo un informe datado en setembro de 2012, no que o corpo que a xuíza Pilar de Lara utiliza como policía xudicial detalla as súas investigacións do meses anteriores, os investigadores detectan "presuntso delitos de branqueo, fraude, uso de información privilexiada, prevaricación, suborno e outros" na conduta dalgúns dos presuntos líderes da trama corrupta e de varios cargos municipais, políticos e funcionarios. Nesa documentación, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, os axentes apuntan "concretamente" aos responsables de Vendex José María Tutor e Alberto Quintana e a dous funcionarios do concello, quen "a finais do mes de xullo lles ofrecen, facendo uso dunha información privilexiada", o contrato para a xestión da gardaría. "Aínda antes de que saia a concurso", está "claro que a empresa (...) do grupo Vendex é, dende o primeiro momento, a adxudicataria do concurso".

Os investigadores cren que o concurso foi "manipulado" para que Vendex fose a adxudicataria "dende o primeiro momento"

Sempre atendendo ás conclusións tiradas polos investigadores, a suposta trama vestiu de legalidade o procedemento incluíndo nel dúas empresas máis que, presuntamente, competían polo contrato. "Co coñecemento e asentemento de Tutor" e a "colaboración" dunha das súas empregadas, explica o informe, facilitáronlle ao Concello "os datos das citadas empresas" e "realizan actos para que as mesmas propoñan ou oferten peores condicións, para que a adxudicación recaia directamente, como xa está previsto aínda antes de aprobarse o prego de condicións", en Sermasa, unha das empresas do grupo. Deste xeito, "aparentemente" cumpriríanse "os requisitos formais do procedemento", aínda que a participación doutras compañías fosen froito da "manipulación e a simulación".

Persoal recomendado

Unha vez encarreirada a adxudicación a Sermasa, as escoitas telefónicas ordenadas por De Lara permítenlles aos axentes concluír que o cadro de persoal foi seleccionado integramente pola vía do "enchufe", isto é, o que o propio Feijóo definiu como "contratar a un ou a outro en función da indicación dun político". Neste caso, os primeiros dous enchufes chegarían a través dun dos funcionarios presuntamente implicados, identificado como Xosé Manuel, quen os axentes "deducen" que "enchufou cando menos dúas persoas para que Sermasa as contrate" na gardaría, "presumiblemente en correspondencia coa sú actuación no curso do procedemento concursal". É neste punto no que se produce, para Vixilancia Aduaneira, a implicación do alcalde de Santiago, Ángel Currás, e da concelleira de Educación, Rebeca Domínguez.

En agosto de 2012, explican os investigadores, "Tutor é recibido polo alcalde de santiago" e, "polas conversas intervidas (...), entre outros temas falan do tema do persoal a contratar por Sermasa". Acto seguido, Domínguez "remite por correo electrónico a Alberto o currículo da súa enchufada", unha persoa que é a "aposta número un" da edil para traballar na escola. Nos días seguintes "autoridades e funcionarios municipais concretan a entrega de varios currículos" máis, que "Rebeca lle ten que enviar a Alberto". Non obstante, ese envío ralentizouse porque "Rebeca lle di" ao responsable de Vendex que "o alcalde quere revisar todos os currículos" e "onde hai patrón, non manda mariñeiro".

O alcalde nega que intervise , pero os investigadores coidan que hai persoal recomendado por el, pola edil de educación, por un concelleiro da oposición e por funcionarios

Aínda que nos últimos días o propio Currás negou a súa intervención nesta selección de persoal, as conversas están inzadas de referencias nas que os responsables de Vendex explican, por exemplo, que "Rebeca só mandou unha rapaza, e que esta e a do alcalde poden ir a xornada completa e as outras, que veñen de intervención e doutros sitios, se lles explica que, de entrada, vai ser menos xornada". Tanto José María Tutor como Alberto Quintana, din os investigadores, optan por non circunscribir as recomendacións ao goberno municipal, e por iso "ofrecen tamén e concretan a posibilidade de empregar a terceiros enchufados da oposición política", concretamente vinculados ao edil do PSdeG Bernardino Rama, "en consideración ao cargo ou función que poidan desempeñar no futuro próximo", toda vez que "isto é cíclico" e "agora están estes, pero despois poden estar outros". O concelleiro socialista, comenta, "debeu flipar" co ofrecemento "para empregar á súa xente".

Con toda a nómina de persoal a contratar xa estruturada, Vixilancia Aduaneira "observa" que "á hora de establecer a xornada de traballo se discrimina entre quen son enchufados polos de máis arriba", como o alcalde, "e outros que viñeron do Concello" pero "non tan directamente de arriba". Finalmente, os responsables de Vendex en Santiago "informan a tutor da finalización das entrevistas cos enchufados e que os contrataron a todos", ademais de "pedirlles máxima discreción", para que non "alardeen" da súa recomendación. A escola inaugurouse o 17 de setembro de 2012 coa presenza de, entre outros, Currás, Domínguez e Rama.

O alcalde, a edil e outros cargos, na inauguración do centro © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.