O Concello de Santiago gasta en tres meses o equivalente ao 70% do orzamento publicitario de 2015

Hernández, con Feijóo nun acto público © Xoán Crespo

Os Orzamentos do Concello de Santiago para o ano 2015 consignan 416.351 euros para "publicidade e propaganda" dos distintos departamentos, un 10% máis que en 2014 e un 16% máis que en 2013, segundo os datos das contas públicas municipais aprobadas nos dous últimos exercicios. Atendendo aos contratos aprobados en materia publicitaria polo goberno que dirixe Agustín Hernández entre xaneiro e marzo deste ano neses tres primeiros meses xa ficou comprometida unha cantidade equivalente a case o 70% deses fondos.

Segundo a relación de contratos menores publicados polo consistorio ao abeiro da lei de transparencia de 2013 -outros gobernos urbanos de Galicia, como o da Coruña, néganse a publicalos- no primeiro trimestre do ano o goberno compostelán destinou 299.950 euros a pagamentos publicitarios e propagandísticos, dos cales case 80.000 financian operacións que van alén das eleccións municipais de maio e que, polo tanto, comprometen tamén o próximo equipo de goberno.

Os orzamentos municipais para 2015 consignan 416.000 euros a "publicidade e propaganda"

Case o 80% destes gastos, máis de 237.000, corresponde a contratos do Concello de Santiago cou dous conglomerados de empresas de comunicación: o Grupo Correo e o Grupo Voz, cunha diferenza de apenas 1.000 euros entre un e outro. A moita máis distancia está a canle de televisión local Santiago TV, con 35.000 euros, a cadena COPE, con 17.000, o xornal ABC, con 6.050, e as emisoras de radio SER, Onda Cero e Radio Galega, que entre as tres suman apenas 4.000 euros por unha única campaña.

As campañas

No que atinxe aos dous grupos de comunicación que máis fondos recibiron do Concello santiagués nestes tres meses as achegas máis cuantiosas non se corresponden estritamente con anuncios. No caso do Grupo Correo trátase do financiamento de dous "foros", un sobre turismo e outro sobre mobilidade, por 18.000 euros cada un. A continuación xa se atopan achegas para anuncios, nomeadamente 15.000 euros para promocionar as obras do programa Urbana Norte. Unha cantidade semellante, 14.000 euros, foi a achegada para a publicación de "reportaxes" sobre "infraestruturas" do Concello e o mesmo, para a campaña de publicidade sobre o fraccionamento do pagamento do IBI.

Dous grupos de comunicación aglutinan case o 80% do gasto

Dúas campañas "informativas" do departamento municipal de Servizos Sociais por 10.000 euros cada unha, publicidade do "plan fiscal" municipal por 4.000 euros e unha inserción dun anuncio nun anuario completan as achegas puntuais a este grupo de comunicación. Ademais, asignáronselle 13.000 euros para a publicación dunha axenda cultural entre os meses de abril e decembro. En total, 119.000 euros.

No caso do Grupo Voz a achega máis cuantiosa é de 21.000 euros e corresponde ao patrocinio dun festival musical que esta empresa vén celebrando dende hai anos no marco das Festas do Apóstolo, isto é, no mes de xullo, despois das eleccións. A continuación atópase un pagamento de 18.000 euros para a publicación dun monográfico sobre turismo, dous pagamentos de 14.250 para unha axenda cultural e anuncios sobre o Camiño de Santiago, ambos para o período de abril a decembro, e un pagamento máis para a produción dun spot de promoción turística. Un evento deportivo, obras, o fraccionamento do IBI e unha partida xenérica de publicidade en internet completan unha suma de 118.200 euros.

Hernández, con Feijóo nun acto público © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.