Currás tentou que a xuíza censurase as noticias sobre a Pokémon

Conde Roa entrégalle o bastón de mando a Currás © Concello de Santiago

Unha das maiores teimas dos dirixentes políticos presuntamente implicados na trama Pokémon ten que ver cos medios de comunicación. Así, por exemplo, o edil de Deportes de Compostela, Adrián Varela, explica nunha conversa telefónica intervida por Vixilancia Aduaneira que "espera que non se entere a prensa" das achegas ao club de baloncesto Obradoiro realizadas pola empresa Aquagest coa mediación do consistorio. Os medios mesmo foron obxecto de crítica indirecta por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que publicamente chegou a cualificar de "salsa rosa" algunhas das revelacións do sumario. Así e todo, só consta un intento formal de censura, impulsada polo alcalde santiagués, Ángel Currás. 

A finais de xaneiro de 2013 Currás levaba menos dun mes imputado e o goberno municipal estaba xa sumido nunha profunda crise política. Neses días varios medios de comunicación publicaran informacións a respecto da declaración do rexedor ante a xuíza Pilar de Lara, así como sobre as actuacións presuntamente ilícitas relacionadas con el, caso por exemplo dos supostos "enchufes" nunha gardaría municipal. Neste contexto, a través da súa avogada Currás tentou frear non só as publicacións vinculadas coa súa persoa, senón todas as noticias vinculadas á investigación da Pokémon. Para isto, solicitaba que a maxistrada advertise os medios de posibles sancións.

A avogada do alcalde presentou un escrito no que cualificaba de "tendenciosas" as novas e lamentaba os "prexuízos" para el, para o PP e para o Concello

Currás, argumentaba a letrada, non tiña "máis coñecemento" do caso que a referida "aos termos da imputación" e "algúns datos sobre a actuación doutros imputados", pero non coñecían, por exemplo, o contido das declaracións de imputados da empresa Véndex ou da concelleira Rebeca Domínguez, á quen se sinala tamén polo caso da gardaría. "Sorprendentemente", indica a avogada, "diversos medios xornalísticos divulgaron información nas súas edicións dixital e escrita, nas que se facía referencia ao feito concreto imputado" e ao contido da declaración, di, nun escrito incluído na parte do sumario sobre a que xa non pesa o segredo e ao que tivo acceso Praza Pública.

Neste contexto, a letrada proclama que estas informacións -de xornais do grupo El Progreso e de La Voz de Galicia- "pretendían" ser "obxectivas", pero "están divulgando información que a instrutora declarou secreta". No caso dunha das novas o alcalde chega a alegar que "o enfoque da noticia, que pretende reflectir o que constaría en autos, é claramente tendenciosa", co "conseguinte prexuízo para a súa persoa [a de Currás], polo desprestixio público que tanto para el, como para o partido político e a institución que representa, comportan". Como daquela as dilixencias eran secretas, Currás víase incapacitado para dar "unha axeitada resposta" aos "xuízos de valor que comporta o tratamento da noticia", agregaba.

Censura ata o xuízo

Todo isto levou a Currás a considerar a través da súa avogada que "tanto os autores" das novas "como os respectivos xornais que os publicaron traspasaron a liña da mera información acerca da existencia dunha investigación xudicial e das dilixencias de instrución acordadas na mesma, para divulgar o contido de dita investigación e o resultado de ditas dilixencias". A prensa, sinalaba, estaba a actuar como "incitador e/ou cooperador necesario de quen revela a información que coñece polo seu cargo ou destino".

Currás esixiu a prohibición de "difundir ou publicar" novas sobre o caso "ata a apertura de xuízo oral"

Nesta liña, a avogada solicitáballe a De Lara "a adopción de medidas para impedir que, cando menos, dita información sexa divulgada a través de calquera medio público, requirindo aos autores dos artigos (...) e a os xornais que os publicaron, así como a calquera outro que actuase ou actúe do mesmo xeito no futuro, para que se absteña de volver difundir ou publicar en forma algunha información sobre o contido da instrución ata a apertura de xuízo oral". Do mesmo xeito, reclamaba que os medios fosen "apercibidos" de que, en caso de non acatar a censura, "poderían incorrer nun delito de revelación de segredos, coas consecuencias que disto derivan". Cando menos polo momento, De Lara non aplicou a censura.

Conde Roa entrégalle o bastón de mando a Currás © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.