Foi un dos debates que marcou o pasado mandato municipal en Santiago (2015-2019). O daquela goberno municipal de Compostela Aberta apostou abertamente pola implantación dunha taxa turística na cidade para compensar os gastos derivados da forte implantación e presión do sector na capital galega. A proposta contou con avais técnicos tanto a nivel local como estatal, pero atopou reticencias no seo da corporación municipal e, sobre todo, na Xunta, responsable última de permitila que a rexeitaba por "contraproducente".
A iniciativa, que retomou Compostela Aberta, foi aprobada cos votos a prol do PSdeG e do BNG tras introducir o goberno local a emenda de que debe ser a Xunta a que a regule por lei tanto para estancias hoteleiras como para excursionistas
Esta semana, o debate sobre a taxa turística regresou ao pleno compostelán a través dunha iniciativa de CA, que a retomou "porque o sector turístico experimentou certa recuperación tras a pandemia e porque hoxe sabemos que dentro do Goberno local hai voces que a apoian", sinalou a súa voceira, Marta Lois. Aínda que con matices sobre o texto orixinal, a iniciativa saíu aprobada e o pleno deste xoves pediu á Xunta a implantación da taxa turística cos votos a prol do PSdeG, do BNG e da propia CA, pero coa abstención do PP.
Ese matices viñeron dados por unha emenda do PSdeG. Sinala a concelleira de Facenda compostelá, a socialista Marta Abal, que o goberno municipal "non ten habilitación legal para aplicar un gravame para excursionistas ou cruceiristas". Entende, tamén, que cómpre unha lei de ámbito galego para regular unha taxa sobre estancias con durmida na cidade, como as que existen en diversas cidades da contorna europea.
Foi así como o pleno santiagués reclama á Xunta "a creación e regulación dunha taxa sobre estancias turísticas que permita gravar as estancias con ou sen pernoctación". O acordo contempla, ademais, trasladar a petición a todos os grupos do Parlamento.
O Plan Estratéxico de Turismo de Santiago 2017-22 contempla a taxa "nun tipo medio dun euro e un máximo de cinco días por cota"
Neste sentido, Abal coincide con CA en sinalar que o Plan Estratéxico de Turismo de Santiago 2017-22 xa propón esta taxa, cifrándoa "nun tipo medio dun euro e un máximo de cinco días por cota" que se aplicaría tanto ás persoas que fan noite na cidade e tamén "a turistas que pasan menos de 24 horas". Serviría, admite a socialista, para "achegar recursos ao concello e favorecer un turismo sostible". O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, destaca en todo caso que a cuestión quedará en mero debate se a taxa non é aceptada polo Goberno galego, ao que se compromete a trasladarlle o acordo.
Previamente á sesión plenaria, a edil de CA e ex-concelleira de Facenda, María Rozas, reclamou que Bugallo "aproveite a boa relación con Feijóo para demandarlle que se habilite o cobro desta taxa, que compensaría os gastos aos que se enfronta Santiago por mor da presión turística". Este tributo, agrega, é "unha realidade dende hai anos en máis da metade dos países europeos" e os estudos realizados no anterior mandato estiman que suporía uns 450.000 anuais para as arcas municipais.
"Permitiría que non sexa a cidadanía compostelá a que afronte o incremento do gasto corrente municipal por causa do fluxo de visitantes", agrega Rozas. O obxectivo da iniciativa, conclúe, sería "destinar o recadado a políticas de turismo sustentable".