A implantación de taxas turísticas non é unha discusión nin unha medida nova en moitos territorios: de Catalunya ou Balears a Francia pasando por Alemaña ou os Estados Unidos de América. No entanto, si é relativamente recente en Galicia. O debate púxoo sobre a mesa o actual goberno local de Santiago e a Xunta tentou pechalo o máis rápido posible, aínda que sen éxito completo polo momento. Fronte ao rexeitamento rotundo do Goberno galego o Concello compostelán esgrimiu un estudo académico que apoia a taxa na mesma liña que a comisión que, por encargo do Goberno central, traballa na definición dun novo modelo de financiamento municipal. A presidenta desta comisión, Ana Muñoz, reiterou este xoves o apoio á taxa, advertindo ademais de que non existen elementos que conviden a pensar que prexudicaría o turismo nos territorios que a apliquen.
No marco dunha xornada sobre o financiamento dos concellos a devandita experta, catedrática en Dereito Financeiro e Tributario, considerou que os traballos sobre a reforma deixaron claro que esta taxa podería supoñer unha "potente" nova vía de ingresos para os concellos cun impacto "pouco relevante" na afluencia de visitantes. En declaracións que recolle eldiario.es a presidenta da comisión, posto ao que accedeu por designación do Goberno de España, sinala que a proposta pasa por que este sexa un tributo "potestativo", aplicado polos concellos que o desexen, e que atinxiría a "todas" as estancias "en hoteis, camping e mesmo alugueiros vacacionais".
A presidenta da comisión que estudou a reforma, designada polo Goberno central, apoia que os concellos poidan aplicar a taxa sobre "todas" as estancias turísticas
O apoio de Muñoz a este tributo vén reiterar o debullado no informe da comisión de expertos, un documento de máis de 200 páxinas entregado o pasado xullo no que se propuña abertamente a "creación dun novo tributo ligado ás estancias turísticas" que o traballo ve "xustificado" con "dous argumentos: a estancia en hoteis (...) é un inequívoco signo de capacidade económica" e resulta "moi razoable que os turistas contribúan, aínda que sexa modestamente, ao financiamento duns servizos públicos dos que gozan" aínda que o fagan "en menor medida" que os residentes habituais da loclidade na que visitan. Entre os servizos dos que "é evidente" que os turistas "se benefician" a comisión destaca a seguridade, a limpeza viaria ou o transporte público. Ademais, resalta, "resulta equitativo e eficiente que os turistas acheguen as cantidades necesarias para paliar o impacto que poidan causar no medio ambiente".
"É moi razoable que os turistas contribúan ao financiamento dos servizos públicos dos que gozan"
"En contra do establecemento deste imposto -debulla o informe- adoita aducirse o posible impacto negativo que poida ter sobre unha actividade económica tan relevante como o turismo", pero "xa existen estudos empíricos que apuntan a un moi escaso impacto negativo deste tipo de tributos sobre a entrada de turistas". Por todo isto a comisión formula unha proposta no que este imposto local fose "suficientemente amplo como para englobar todas as modalidades de estancias turísticas". "O contribuínte sería a persoa que realiza a estancia", pero "a efectos de facilitar a xestión" cabería que fosen os propietarios dos hoteis quen a recadasen e ingresasen. O seu importe, sinala, debería "ter en conta o número de estancias" e "a fixación da cota podería distinguir (...) entre establecementos de distintas categorías".
"Xa existen estudos empíricos que apuntan a un moi escaso impacto negativo deste tipo de tributos sobre a entrada de turistas"
Este mesmo informe, ademais de soster que a taxa sería compatible coa normativa europea, apóiase tamén nos referentes estatais e internacionais. "Medidas semellantes a esta proposta pódense atopar en paíases de todo o mundo como Estados Unidos, coa Hotel tax, a Taxe de séjour en Francia, o Contributo di soggiorno italiano ou o Bettensteuer alemán. Referentes máis próximos, agrega, son o imposto catalán creado en 2012 sobre estancias en establecementos turísticos ou o imposto sobre estancias turísticas vixente dende 2016 en Balears, onde xa se aplicara unha primeira taxa en 2001. Esta taxa tamén está vixente en Lisboa e o Concello do Porto prevé implantala en 2018.
A comisión que elaborou o informe, no inicio dos seus traballos con Sáenz de Santamaría e Caballero na súa calidade de presidente da FEMP / Goberno de España
Informe para Santiago e negativa reiterada da Xunta
A Xunta desdeñou a proposta, formulada polo Concello de Santiago, porque "non hai overbooking" e sería "contraproducente"
Parte dos argumentos do informe da comisión de financiamento local son compartidos co estudo que esgrime o Concello de Santiago, elaborado por Luis Caramés, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago. O plan de Caramés pasa por unha taxa "moderada" de arredor dun euro ao día por persoa que permitise tamén gravar dalgún xeito os excursionistas, que non pasan a noite na cidade. O seu traballo conclúe ademais que as diferentes experiencias internacionais deiaxan claro que a taxa "non repercute negativamente sobre o volume de turistas" e contibúe á "calidade" do sector.
No entanto, mentres a proposta da comisión de financiamento local non saia adiante, a competencia para establecer este tipo de tributos segue a ser só autonómica, e no caso galego a Xunta vén reiterando a súa oposición, aínda que sen achegar datos concretos. Así, Alberto Núñez Feijóo afirmaba o pasado marzo ante o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, que aplicar esta taxa "non interesa" porque en Galicia "non hai overbooking". Nun sentido semellante, en outubro o vicepresidente, Alfonso Rueda, retrucou ao informe de Caramés que "respecta" o documento, pero que esta taxa sería "contraproducente", dixo sen aclarar a razón.