A pandemia de COVID afectou ao turismo como a poucos outros sectores. O ano 2020 foi nefasto para as empresas e establecementos que viven da chegada de viaxeiros e o 2021, baixo os efectos da terceira onda, comezou tamén de forma moi negativa. Porén, o avance do proceso de vacinación e a redución no número de contaxios semellan ter contribuído a salvar o verán e, de feito, Galicia rexistrou este mes de agosto a súa segunda maior cifra de visitantes en toda a historia, no que ás pernoctacións en establecementos hoteleiros se refire.
En agosto Galicia sumou 869.489 viaxeiros e viaxeiras, moi por riba dos 527.440 do ano pasado, pero tamén por riba dos datos de 2019 e 2018 e só por detrás de 2017 (889.517), superando todos os anos anteriores a ese
En total, sumando os datos de establecementos hoteleiros, apartamentos, campamentos e casas de turismo rural, Galicia sumou 869.489 viaxeiros e viaxeiras en agosto, moi por riba dos 527.440 do agosto pasado, pero tamén por riba dos datos de 2019 (847.193) e 2018 (825.520) e só por detrás de 2017 (889.517), superando todos os anos anteriores a ese. No que atinxe ao número total de noites contratadas (2.263.796), a cifra tamén se sitúa como a segunda maior da historia, só por detrás da do ano 2017 (2.276.673).
As cifras de xullo xa foran moi positivas, con 1.593.123 pernoctacións, un 50% máis que o pasado ano 2020 (999.746) e moi preto dos números de 2019 (1.705.339) e 2018 (1.605.172). A tendencia favorable destes dous meses e os bos indicadores do mes de setembro fan confiar o sector en que tamén este mes e os posteriores, no outono, rexistren cifras elevadas de ocupación e visitantes.
Estes datos, ademais, non teñen en conta as persoas que optaron por reservar algunha vivenda de uso turístico (os coñecidos popularmente como pisos turísticos), cada vez máis numerosos en Galicia e que, de feito, xa superan a hoteis e pensións no número de prazas totais.
Os cinco primeiros meses do ano 2021 o efecto da pandemia seguiu a ser moi negativo para o sector. En xuño as estatísticas de viaxeiros e noites contratadas nos aloxamento comezaron a mellorar e xullo e agosto supuxeron un regreso á normalidade
Como se pode ver no gráfico anterior, o efecto da pandemia e o confinamento deixou o número de viaxeiros e pernoctacións en valores moi reducidos en maio e xuño do pasado ano (despois dun mes de abril no que os establecementos hoteleiros permaneceran pechados). Os números melloraron no verán e no outono, pero moi por debaixo dos indicadores habituais, por exemplo os do ano 2019, que duplicaban ou menos triplicaba as cifras de visitantes e durmidas.
Os cinco primeiros meses do ano 2021 o efecto da pandemia seguiu a ser moi negativo para o sector. En xuño as estatísticas de viaxeiros e noites contratadas nos aloxamento comezaron a mellorar e xullo e agosto supuxeron un regreso á normalidade.
O turismo estranxeiro aínda non se recuperou pero o procedente do Estado Español bateu todos os récords históricos
O número medio de noites que cada viaxeiro pasa en Galicia foi este verán lixeiramente superior ao de anos anteriores. Porén, o gran cambio segue a ser a distribución dos visitantes en canto á súa procedencia. Mentres que ata o ano 2019 en agosto os viaxeiros e viaxeiras procedentes do estranxeiro representaban algo máis do 18% do total, no 2020 esta porcentaxe se reduciu ata o 7,7%, debido ás maiores dificultares (e precaucións) á hora de viaxar a outros países. Neste 2021 este dato medrou un chisco, pero segue por debaixo do 10%.
O turismo procedente do estranxeiro volveu medrar, pasando de 109.184 a 224.766 pernoctacións neste mes de agosto, pero aínda lonxe das 406.248 do 2019. Porén, as cifras históricas deste mes débense principalmente a un forte incremento dos visitantes do Estado español, que por primeira vez superaron os dous millóns de noites contratadas nos aloxamentos galegos.
A Costa da Morte sumou máis de 70.000 noites de hotel neste mes de agosto, superando o seu récord histórico do ano 2017
O aumento no número de viaxeiros e pernoctacións produciuse en toda Galicia, pero foi especialmente importante na Costa da Morte e na Mariña, como xa sucedera o verán pasado. A Costa da Morte sumou máis de 70.000 noites de hotel neste mes de agosto, superando o seu récord histórico do ano 2017 (60.550). Tamén o fixo a Mariña, que con 77.438 noites se converteu no mellor agosto da súa historia.
As Rías Baixas tiveron bos datos pero aínda lixeiramente por debaixo dos que rexistraran nos anos 2017, 2018 e 2019. De igual xeito, as Rías Altas tiveron o seu terceiro mellor agosto, un pouco por debaixo das cifras de 2017 e 2019.
O Camiño de Santiago
43.575 peregrinos chegaron a Compostela en agosto. Lonxe aínda dos datos de 2019, pero cunha rápida tendencia de ascenso que fai presaxiar un ano 2022 de récord
Estamos a vivir un moi atípico Ano Xacobeo, tan atípico que vai ser dobre, co 2022 chamado a concentrar o groso das visitas e actividades programadas ao seu redor. A pandemia e as dificultades existentes nos albergues e outros establecementos limitaron moito nos últimos meses a chegada de peregrinos a Compostela. As cifras do ano 2020 foron moi baixas e, por exemplo, o mes de agosto o número total de camiñantes non chegou a un terzo do que se rexistrara no 2019.
Este 2021 comezou de forma semellante, pero en xullo e especialmente en agosto está a producirse un grande incremento no número de peregrinos. Os 43.575 peregrinos están lonxe aínda dun ano normal e máis dun Ano Xacobeo (en agosto de 2019 foron 62.814), pero as cifras están a regresar pouco a pouco a unha normalidade, cunha tendencia de ascenso que fai presaxiar un ano 2022 de récord.