Santiago na encrucillada do turismo sen control

Turistas en Santiago de Compostela, nunha imaxe tirada antes da pandemia © Xunta

Nos pasados meses de verán, Santiago de Compostela colapsouse de turistas e visitantes. A promoción do Xacobeo 2021 e a eliminación das restricións de mobilidade debido á pandemia da Covid-19 implicaron que milleiros de persoas procedentes de todo o Estado saturaran a cidade histórica fudamentalmente. Un feito moi preocupante, se temos en conta que o turismo internacional aínda non se recuperou e mesmo así, alcanzáronse rexistros superiores ao mes de xullo e agosto do ano 2019, antes da crise do coronavirus. Un fenómeno que moitas veces é coñecido como ‘turismo a granel’ porque se concretiza nun desbordamento da cidade por enormes masas de persoas que pasan por elas, sen que quede claro o tempo que pasan aquí, que actividades realizan e, sobre todo, de que servizos desfrutan.

Nos pasados meses de verán Santiago de Compostela colapsouse de turistas e visitantes

Unha cidade histórica saturada, e cada vez máis tamén os barrios da súa contorna, que se visibilizou nas rúas, terrazas, bares e espazos públicos que estiveron ateigados, nos aparcamentos completos, nas longas filas de vehículos circulando polo centro, na xente comendo nas prazas e nos recunchos patrimoniais, no lixo tirado na zona monumental ou nun dos fenómenos máis característicos de todo isto como foi o bus ao aeroporto que funcionou nun auténtico caos por causa da falta de planificación, nin foi un bo servizo para cidadanía, nin para as persoas que nos visitan. Diante deste panorama, e tendo en conta o que nos vén por diante non é demasiado imprudente afirmar que Santiago se atopa, agora mesmo, na encrucilla da turismo sen control.

Diante deste panorama, e tendo en conta o que nos vén por diante non é demasiado imprudente afirmar que Santiago se atopa, agora mesmo, na encrucilla da turismo sen control

Das decisións que tomemos agora, da valentía coa que afrontemos o problema, dependerá a mellor ou peor relación que teremos no futuro co turismo. Un sector que, vaia por diante, é fundamental para a nosa economía, mais que non pode ser depredador e, sobre todo, non pode ser excluínte ou provocar unha ruptura da convivencia coa poboación local. As situacións que se viviron neste verán foron xa de saturación turística da nosa Cidade Patrimonio da Humanidade. Por causa da presión dos fluxos a veciñanza, progresivamente, tivo que afastarse da cidade histórica na procura de lugares non masificados. E aínda que os e as compostelás inicialmente nos mostramos contentas de ver Santiago novamente con vida nas rúas pola recuperación do dinamismo do sector do turismo, o certo é que a situación superou os límites da sustentabilidade ambiental e patrimonial. A veciñanza comezou a sentir unha enorme presión e que se estaba a invadir o seu espazo vital e dalgún xeito isto vai dificultar o modelo de vida local.

Por causa da presión dos fluxos a veciñanza, progresivamente, tivo que afastarse da cidade histórica na procura de lugares non masificados

Non é un tema cómodo, nin é un tema novo, senón que ven de lonxe. Trátase da necesidade de falar e reflexionar sobre a gobernanza do turismo, porque a pandemia só significou unha paréntese na tendencia á turistificación, ao que internacionalmente se dá en chamar o ‘overtourism’. Un fenómeno que non é exclusivo de Compostela, e do cal temos varios exemplos en destinos internacionais como Venecia ou a propia Barcelona. Un fenómeno que, ademais, está moi relacionado co modelo de cidade e de turismo que se quere para Santiago. Realmente queremos apostar polo ‘canto máis mellor’? Tanto a Xunta de Galicia como o Concello de Santiago deberían reflexionar un pouco e rebaixar o triunfalismo desmedido das grandes cifras. Como sociedade compre esixir políticas máis avanzadas que protexan á cidadanía e conseguir corrixir o rumbo das actuais políticas turísticas institucionais para que se desenvolva unha intervención inmediata noutra dirección. Téñense que implementar medidas correctoras e preventivas para non transformar Santiago nunha postal turística e, así, morrer de éxito. Porque o turismo debe ser tamén un motor económico sustentable, debe servir para crear emprego de calidade e xerar ingresos públicos e privados, e sobre todo debe garantir a convivencia entre residentes e visitantes.

Unha mala xestión do turismo remata coa cidade viva. Por iso, é imprescindible un debate social sobre o turismo e sobre a Compostela que queremos, e contar cos veciños e veciñas nun debate honesto, sincero e realista da situación

O turismo é un sector que non é equiparable a outros, como a produción de mercancías industriais, non é igual que fabricar coches. O turismo é un servizo que se desenvolve no medio do territorio propio, neste caso en Compostela, onde vive a xente e polo tanto, afecta e condiciona os barrios, as rúas, os símbolos de referencia que nos fan ser compostelás. Unha mala xestión do turismo remata coa cidade viva. Por iso, é imprescindible un debate social sobre o turismo e sobre a Compostela que queremos, e contar cos veciños e veciñas nun debate honesto, sincero e realista da situación. Fuxindo da turismofobia mais tamén fuxindo do triunfalismo e do ollar para outro lado en canto asistimos á degradación social e patrimonial da cidade.

Cómpre pensar que outro turismo en Santiago é posible, cómpre demandar unha planificación turística que teña un ollar máis humano e deixar atrás o mantra do turismo de canto máis mellor

Se non mudamos o rumbo, o panorama cara o futuro semella preocupante. O padecido este verán é só preludio do desbordamento e turistificación que irán a máis por mor do Xacobeo 2022 e tamén coa próxima chegada do AVE que traerán máis turistas e peregrinos. Frente a isto, cómpre pensar que outro turismo en Santiago é posible, cómpre demandar unha planificación turística que teña un ollar máis humano e deixar atrás o mantra do turismo de canto máis mellor, cómpre, en definitiva, traballar pola sustentabilidade social no destino. Non podemos ficar pasivos ollando como degrada Compostela. A veciñanza non quere ser figurante dunha postal turística, quere que se atendan os seus dereitos e habitar nun lugar bo para vivir que só así será un lugar bo para visitar. A Covid non debe ser unha escusa para todo, mais ao contrario, debe ser unha oportunidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.