Estes establecementos (cando menos os legais) suman máis de 70.000 prazas de aloxamento (70.699), fronte ás 50.134 anteriores ao inicio da pandemia
Os chamados 'pisos turísticos' ou vivendas de uso turístico comezaron a popularizarse hai uns anos en Galicia, especialmente a partir do ano 2018. Nese momento a Xunta iniciou un rexistro obrigatorio para establecementos que dende entón non deixou de medrar. Os pouco máis de catro mil pisos turísticos rexistrados hai tres anos convertéronse xa en 13.312 (dato actualizado a 1 de agosto) e un ritmo de incremento non se viu alterado pola pandemia de COVID.
No último ano e medio o número de vivendas de uso turístico rexistradas aumentou case un 35%, dende as 9.872 existentes no comezo do ano 2020. En total, estes establecementos (cando menos os legais) suman máis de 70.000 prazas de aloxamento (70.699), fronte ás 50.134 anteriores ao inicio da pandemia.
Os concellos litorais seguen a ser os que concentrar un maior número destas vivendas de uso turístico, encabezados por Sanxenxo
A cifra supera xa as prazas de aloxamento que ofrecen os hoteis galegos (56.993) e achégase á suma de hoteis e pensións (algo máis de 80.000).
Os concellos litorais seguen a ser os que concentrar un maior número destas vivendas de uso turístico, encabezados por Sanxenxo. Cómpre lembrar que segundo as cifras oficiais do INE do ano 2020, cinco de cada cen vivendas de Carnota, Sanxenxo, Fisterra e O Grove xa son pisos turísticos, sendo estas as localidades cunha maior saturación destes establecementos.
Nos primeiros lugares comezan tamén a aparecer localidades situadas no Camiño Francés a Compostela (O Pino, Arzúa, Melide, Palas de Rei, Sarria...) e tamén outros concellos do interior, como Monforte, Allariz ou Ribadavia
O seguinte mapa amosa a distribución dos pisos turísticos legais entre os distintos concellos de Galicia. As cores máis escuras indican un maior número de vivendas nunha localidade e debuxan á perfección o litoral galego, especialmente as Rías Baixas, pero tamén A Mariña, A Costa da Morte ou O Barbanza.
Sanxenxo segue a ser, con moita diferenza, o concello cun maior número de vivendas de uso turístico, xa máis de dúas mil, por diante de tres cidades (Santiago, Vigo e A Coruña) e doutros concellos concellos litorais: O Grove, Cangas, Foz, Barreiros, Poio e Fisterra.
Con todo, nos primeiros lugares comezan tamén a aparecer localidades situadas no Camiño Francés a Compostela (O Pino, Arzúa, Melide, Palas de Rei, Sarria...) e tamén outros concellos do interior, como Monforte, Allariz ou Ribadavia.
No último ano destaca o avance en cidades como Vigo (+55%), A Coruña (+46%) ou Pontevedra (+81%), que contrasta coa estabilidade de Compostela (+7%)
A gráfica anterior amosa os 25 concellos cun maior número de pisos turísticos rexistrados e a evolución no último ano, dende o comezo de 2020 ata este mes de agosto. O número de vivendas aumenta en todos eles de forma importante, pero destaca o avance en cidades como Vigo (+55%), A Coruña (+46%) ou Pontevedra (+81%), que contrasta coa estabilidade de Compostela (+7%).
O incremento porcentual é tamén moi importante no Grove (+40%), Cangas (+46%), Bueu (+43%), Vilagarcía de Arousa (+67%) ou Nigrán (+65%), todos eles por riba do aumento medio no conxunto de Galicia, próximo ao 33%.
O pasado ano os pisos turísticos legais superaron os hoteis no número de prazas totais e nos últimos meses a diferenza ampliouse notablemente (71 mil a 57 mil)
Comparando o número de prazas de aloxamento ofrecidas polo conxunto de pisos turísticos legais cos doutros establecementos, compróbase o incremento constante experimentado por estes apartamentos, fronte á relativa estabilidade do resto. O pasado ano os pisos turísticos legais superaron os hoteis no número de prazas totais e nos últimos meses a diferenza ampliouse notablemente (71 mil a 57 mil). O número total de prazas achégase xa á suma de hoteis e pensións (ao redor de 80 mil).
Na maior parte dos concellos litorais as prazas nas vivendas de uso turístico superan xa á suma de prazas de aloxamento de hoteis e pensións
Analizando os datos dos concellos que suman un maior número de prazas nas vivendas de uso turístico compróbase que en moitas delas esta cifra supera xa á suma de prazas de aloxamento de hoteis e pensións. De forma clara, isto sucede en Sanxenxo, Foz, Cangas, Poio, Barreiros, Fisterra, Bueu ou Carnota. Tan só nas cidades (e con cifras moi parellas) as prazas en hoteis e pensións seguen a ser máis, o mesmo que nalgúns concellos litorais (O Grove, Ribadeo...), que comezan a constituír a excepción.