O Tribunal Superior rexeita a suspensión cautelar da entrada en vigor do novo tributo, que o Concello compostelán aplica dende este 1 de outubro
A Asociación Unión Hotelera Compostela fracasa no intento de que a taxa turística non chegue a entrar en vigor en Santiago este 1 de outubro, como está previsto polo Concello e así vai suceder. A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de emitir un auto no que denega a suspensión cautelar do novo tributo reclamada pola patronal hoteleira.
Alegaban os responsables dos hoteis recorrentes, entre outros aspectos, que os seus negocios teñen que "sufragar cambios nos seus softwares de facturación" ou "dispoñer de persoal" para cumprir coa taxa, o que implicaría perder "competitividade". Ademais, reclamaban a suspensión porque a versión definitiva da norma municipal -que formalmente é un recargo sobre a taxa turística que a Xunta accedeu a crear, pero cun desconto do 100%- foi publicada o 6 de agosto, o que lles impediu recorrer antes por ser un mes "inhábil xudicialmente".
No que atinxe á derivada económica, o Tribunal considera que "non hai un prexuízo inmediato e evidente" porque as empresas hoteleiras non son as "obrigadas ao pagamento do tributo", senón que "serano os clientes dos establecementos". Ademais, non aprecia a Sala que aplicar a taxa "durante o tempo que dure a tramitación do proceso" implique unha "carga exorbitante" para os hoteis.
"Non se evidencia que sexa de superior rango o interese" da patronal hoteleira que o "interese público inherente aos investimentos e gastos" que serán financiados co recadado, argumenta o auto. A taxa turística coruñesa, en vigor dende o 29 de setembro, tamén afronta recursos do sector
Pero, aínda máis, o alto tribunal galego advirte de que neste caso cómpre "ponderar" os "intereses en conflito". E "non se evidencia que sexa de superior rango o interese" da asociación hoteleira que "o interese público inherente aos investimentos e gastos aos que o importe recadado" coa taxa turística se vai dedicar, tales como melloras en infraestruturas da cidade, mobilidade, conservación do patrimonio ou actuacións en materia turística, como marca a lei.
Desta maneira, e dado que o Tribunal non considera que a entrada en vigor da taxa vaia causar "prexuízos irreparables ou de difícil reparación para a asociación recorrente ou os establecementos por ela representados", rexeita suspender cautelarmente a entrada en vigor. Evidencia, ao tempo, que será cando emita a correspondente sentenza cando analice o fondo da cuestión, ante a cal os hoteleiros alegan cuestións formais como ausencia de informes ou incumprimentos de prazos, entre outros.
A taxa turística de Santiago entra en vigor dous días despois de que suceda o mesmo na Coruña. O tribuno coruñés tamén terá que pasar polo filtro dos tribunais, xa que a asociación gremial Hospeco anunciou tamén a súa intención de presentar un recurso para tentar tombar a norma.