O goberno local de Santiago anunciou este xoves un estudo elaborado polo catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago Luis Caramés que avala a viabilidade dunha taxa turística na cidade. Sen sequera tempo para avaliar o contido dese estudo, ás poucas horas o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, rexeitou a posibilidade de implantar esa taxa porque segundo dixo sería “contraproducente”, sen aclarar os motivos.
O catedrático Luis Caramés descarta que repercuta no volume de turistas e salienta que existe en toda Europa
Segundo indicou a concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, de Compostela Aberta, o estudo será presentado en detalle ao sector na próxima reunión do Consello Municipal de Turismo, o próximo luns. Lois salientou que o goberno local quere “ordenar” o crecemento turístico que se vai seguir producindo nos próximos anos para evitar unha excesiva estacionalidade ou o “peso esaxerado do excursionismo dunhas horas e pouco gasto fronte ao turismo de calidade”.
O traballo do profesor Caramés lembra que a taxa turística comezou a implantarse en Francia en 1919, é habitual en toda Europa e, nas proximidades de Santiago, comezará a implantarse no Porto o próximo ano. Segundo o seu estudo, a experiencia desas cidades indica que a implantación da taxa “non repercute negativamente sobre o volume de turistas” e os fondos obtidos a través dela contribúen a mellorar o sector. Caramés considera que unha taxa “moderada” de un euro por persoa e día, con algún tipo de medida que permitise que contribuísen a ela non só os que dormen na cidade senón tamén os excursionistas, permitiría recadar un millón de euros ao ano.
Alfonso Rueda considera a taxa “contraproducente” e rexéitaa sen aclarar os motivos
Ás poucas horas do anuncio dese estudo, aínda non presentado na súa integridade, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do goberno galego, e tras amosar o seu "respecto" por Caramés, rexeitou a taxa por considerala “contraproducente”. Rueda argumentou que a Xunta busca un “turismo de calidade”, sen aclarar por que considera que a taxa é contraproducente precisamente para ese perfil de turista. Unha negativa que xa expresara o propio presidente Feijóo co argumento de que Galicia non sofre "oberbooking".
O PP pide que o Parlamento de Galicia condene a turismofobia
Este mesmo xoves, no marco do debate sobre política xeral no Parlamento de Galicia, o PP presentou unha proposta de resolución, que a súa maioría absoluta permite aprobar en solitario, que amosa o apoio da Cámara galega a “un sector turístico galego ordenado e planificado, e de calidade, xerador de emprego, riqueza e crecemento; rexeitando calquera acto vandálico contra este sector, intolerable nunha sociedade democrática, e insta á Xunta de Galicia a afondar na calidade do destino Galicia diversificado e sostible desenvolvendo o "slow turismo" e segmentos como o turismo cosmopolita, o turismo sénior, o de natureza, o náutico, o urbano, o familiar, o enoturismo, o deportivo, o de saúde e o relacionado co Camiño de Santiago, en preparación do Ano Xacobeo de 2021”.