Goretti Sanmartín: "Cremos que Santiago precisa ousadía e proxectos ambiciosos; nós temos equipo para facelo"

Goretti Sanmartín, con membros do BNG de Santiago tras a súa elección como candidata CC-BY-NC-SA BNG

Goretti Sanmartín leva tres anos na corporación municipal compostelá, pero moitos máis en Santiago. Dende que aos 18 anos chegou á capital galega e "decidiu ficar". A pasada semana o BNG formalizou a súa elección como cabeza de lista para as vindeiras municipais de 2019, nas que remudará a Rubén Cela no cartel electoral da formación soberanista. Filóloga de formación e profesora de profesión, Sanmartín participou en diversas organizacións do activismo cultural e feminista e é tamén dende 2015 vicepresidenta da Deputación da Coruña, labor que, coida, é mostra do traballo que o Bloque pode facer tamén a nivel municipal. En Compostela, afirma, o BNG "ten equipo" para que "as cousas non nos collan a salto de mata" e lograr mudanzas sen "afogar na xestión diaria".

Como afronta a candidatura no actual contexto político, cales son as súas primeiras sensacións?
Con moita responsabilidade, sabendo que é unha candidatura de Santiago que é a capital do país; capital política e tamén como referente e historia do nacionalismo, un lugar con moitas posibilidades. Tamén con moita satisfacción. Eu levo 3 anos traballando na corporación e entendo que Santiago necesita un impulso, dar un paso adiante e ter máis ousadía e proxectos ambiciosos, que sexan capaces de transformar e ter un modelo a medio e longo prazo. Nós temos ese proxecto e equipo para facelo.

Cales son, ao xuízo do BNG, os principais retos do vindeiro mandato en Compostela? No actual, todas as forzas agás o PP concordaban en que cumpría comezar por un regreso á normalidade tras a sucesión de rexedores, sospeitas de corrupción…

"A recuperación da normalidade no Concello é algo que todo o mundo agradece, pero cremos que temos que dar máis pasos"

Esa recuperación de normalidade que nunca debeu desaparecer é algo que todo o mundo agradece, pero cremos que temos que dar máis pasos. Por exemplo, para conseguir democratizar os espazos nunha cidade que coide de maneira moi especial o seu tesouro, a zona vella cun gran pacto para que a xente de Santiago, se quere, poida vivir nela; que non sexa só un lugar onde só nos vemos en Cineuropa e o resto do tempo haxa dúas cidades. Temos que ser capaces de construír e cambiar as políticas urbanísticas, culturais e ambientais para poñer as persoas no centro. Por iso, por exemplo, fixemos a proposta de que no lugar da ORA se estude un sistema rotatorio e gratuíto de aparcamento máis parecido ao de Pontevedra, con moitos elementos que se poden trasladar a Santiago. Queremos tamén unha cidade onde as mulleres vivan tranquilas e poidan andar con seguridade a calquera hora.

O vindeiro mandato será tamén o do Xacobeo 2021; cal é a súa aposta para abordar un dos principais retos da capital galega, como é atallar o risco de masificación turística?
Ten que haber un plan integral onde poidan sentar todos os sectores implicados; pisos turísticos, hostalería, veciñanza… Onde todo o mundo estea representado e chegar a un consenso. O que está claro é que ten que haber vivenda social e vida na zona vella. Non podemos matar ese tesouro que temos e iso ten que ser compatible con que haxa visitantes. O que hai que conseguir, e sobre iso non se traballou suficiente, é a desestacionalización do turismo. Non pode estar ligado á mesma etapa e a uns poucos lugares; hai que conservar todo o que é propio de Santiago. En canto ao Xacobeo, non podemos pensar nun plan para un ano nin en política espectáculo, que en 3 concertos se gasten 3 millóns de euros. Cómpre unha política cultural clara que tamén pase pola integración;  hai demasiadas cuestións en Compostela onde semella que hai varias cidades; a dos turistas, o rural, a universidade…

O BNG apoiou diversas decisións do Goberno local de Santiago neste mandato; aposta por un clima de entendemento cara ao vindeiro se a correlación de forzas volve permitir unha maioría da esquerda?

"Hai múltiples maneiras de chegar a acordos e nós sempre tivemos a man tendida; agora estamos no momento de que cada forza política expoña o seu modelo"

O BNG sempre leva no seu ADN o diálogo e a política de pactos; cogobernamos en deputacións e en moitos concellos. En Santiago estivemos facendo unha posición responsable; se é mellor para a veciñanza que haxa orzamentos, dotamos a este goberno de recursos. Pero non sempre ao final eses pactos acabaron executándose, de aí a nosa decepción e a dun sector da poboación. Estamos nun momento no que cada forza política ten que expoñer os seus modelos e estamos tamén moi lonxe, neste momento, de que vaia haber unha maioría absoluta do PP. Hai múltiples maneiras de chegar a acordos; nós sempre tivemos a man tendida para facer factible que determinadas políticas se puidesen levar a cabo. Por iso cando nós damos apoio aos orzamentos, á municipalización da ORA, aos aparcamentos disuasorios... O lóxico é que ao final pidamos contas.

As eleccións municipais preséntase como a primeira gran proba para a nova xeira do BNG aberta tras a última asemblea nacional. Como cre que resultará esta proba?

"A nivel nacional estamos en moi bo momento, moita xente mira para o BNG e volvemos ser un referente, tamén para a xente nova"

Eu creo que a nivel nacional estamos en moi bo momento. Moita xente mira para o BNG, volve ser un referente; tamén para a xente nova. E temos moi claro que imos ir por todas. Pode ollarse na escolla das candidaturas; queremos facer candidaturas moi potentes, cos mellores equipos por tras para conseguir que todo o mundo nos referencie. O tempo que Ana Pontón leva sendo portavoz nacional foi un tempo magnífico de recuperación; somos capaces de chegar á xente. Esta é a liña na que imos continuar nun momento político moi importante no que aspiramos a dar moitas alegrías ao nacionalismo ao conxunto da poboación. Porque con políticas como as que nós defendemos temos claro que defendemos as maiorías sociais nun espazo no que Galiza poida decidir por si.

Vostede afronta a candidatura despois dun mandato como vicepresidenta da Deputación da Coruña; cre que o labor desenvolvido polo Bloque nesta institución pode impulsalos a nivel municipal?

Nós non chegamos á deputación para facer o de sempre, senón para cambiala, e creo que todo o mundo ve que algo mudou na Deputación de maneira radical. Fixemos as cousas que nos comprometemos a facer malia á lentitude da maquinaria administrativa, como na axuda aos concellos co plan único ou con liñas de subvencións novas moito máis acaídas á realidade cultural que temos. O acordo de goberno era moi ambicioso e fomos quen de cambiar cousas que van quedar; ninguén se vai atrever a cambiar o plan único dos concellos, porque hai acordos unánimes, ou a concorrencia competitiva para apoiar festivais, fundacións ou entidades. Daba vertixe, pero fomos quen de facelo con moito traballo e algo axudará [nas eleccións municipais].

Goretti Sanmartín, candidata do BNG en Santiago CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.