Xosé Sánchez Bugallo volveu hai agora dous anos a un cargo que xa ocupou de 1998 a 2011 e tras oito anos dos que di non rescatar "nada" do feito polo PP mentres que de Compostela Aberta queda cos proxectos que continuou
Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro, 1954) foi alcalde de Santiago entre 1998 e 2011, cando a alcalía pasou a mans do popular Gerardo Conde Roa. Iniciouse daquela un convulso mandato con outros dous alcaldes da mesma formación, Ángel Currás e Agustín Hernández, que o ex-rexedor viu desde un escano do PSdeG no Parlamento de Galicia e que foi seguido en 2015 da alcaldía de Martiño Noriega con Compostela Aberta. Os socialistas volveron recorrer a Bugallo nas eleccións de 2019, nas que logrou o 35% dos votos que lle valeron para gobernar en minoría desde aquela. Co seu falar pausado, o rexedor di lamentar que durante a súa ausencia do cargo a cidade perdese proxección internacional e deixase de lado diversos foros de cooperación entre administracións similares.
Esta é unha entrevista de metade de mandato e o alcalde de Santiago leva dous anos no cargo, pero coñéceo desde 1998...
(Interrompe). Non, non, coñézoo desde 1983. (Ri).
Correcto, [coñéceo como parte do equipo do seu antecesor, Xerardo Estévez], pero leva no cargo desde o 98. Que diferenzas ve nesta etapa a respecto das anteriores na alcaldía?
“O funcionariado quedou ferido por cousas que pasaron e a recuperación do clima de confianza está custando”
Hai dous cambios fundamentais. Un primeiro no propio funcionamento interno do Concello. Houbo un proceso moi complicado que seguramente se produciu a nivel xeral de perda e ruptura de confianza que fai que a recuperación desa confianza sexa lenta. O funcionariado quedou moi ferido por cousas que pasaron e iso xera unha certa retroacción. A recuperación dese clima de confianza está custando. Se antes un funcionario recibía un tema doutro lado, el xa daba por boa esa parte e miraba a súa. Agora non, agora mira todo. Creo que algo se avanzou en restaurar ese nivel de confianza. Aí vin un cambio. E despois hai cambios notables na sociedade derivados da crise económica e do cambio de prioridades da poboación. E por último aínda temos o coronavirus que trastocou completamente toda a orde de prioridades que tiñamos. Eu vin para xestionar un ano santo espectacular e cunha determinada orde de prioridades e de repente nos atopamos cunha crise na que a cuestión humanitaria, asistencial, o apoio aos sectores afectados, pasan a primeiro plano e teñen que converterse en prioridade absoluta.
Que rescata do feito por PP e Compostela Aberta no tempo en que vostede non foi alcalde? Que atopou que dixera, “isto mellorou”?
“Da etapa do PP non rescato nada a pesar do esforzo que fixo Agustín Hernández, de Compostela Aberta que continuase proxectos como o polo biotecnolóxico no polígono da Sionlla ou a nova estación de autobuses”
Na etapa do PP, a pesar do meritorio esforzo que fixo Agustín Hernández, nada porque foi unha etapa de destrución. Non construíu un proxecto de cidade. Me parece que Agustín Hernández intentou reconstruír e reconducir as cousas pero por falta de tempo ou polo que fora pois non lle deu tempo a facelo. No caso da etapa de Compostela Aberta, meritoriamente apoiou algúns proxectos. Por exemplo, o biopolo [de empresas biotecnolóxicas no polígono da Sionlla], unha aposta da cidade que apoiou Compostela Aberta desde o primeiro momento e soubo darlle continuidade. Tamén na estación intermodal apoiou a construción da nova estación de autobuses e a pasarela, pero non resolveu o problema da estación do AVE probablemente porque non tivo posibilidades. Serían os dous temas que rescataría. O meu criterio xeral é que cando hai unha cousa que funciona, continuala. É bo para as cidades que os gobernos lle deamos continuidade aos proxectos sempre que sexa posible.
A oposición critica que os principais proxectos rematados ou en marcha nestes dous anos son herdanza de anteriores mandatos ou foron impulsados por outras administracións distintas ao Concello.
“As cousas da administración teñen o seu tempo, a intermodal foi deseñada en 2003 e cando remate levará 21 anos”
Iso non é correcto. Había dous grandes proxectos da cidade que estaban paralizados desde que eu saín da alcaldía, que foron a construción da estación do AVE e a depuradora. Nos dous casos foron oito anos perdidos. A depuradora está licitada e pendente de adxudicación e asinado o convenio para a súa execución con fondos europeos que perderon os anteriores gobernos. E no caso da estación do AVE está xa no proceso de presentación de ofertas. Loxicamente sacar estes proxectos adiante leva tempo. A previsión da estación do AVE é que se inaugure no segundo semestre de 2024 e a depuradora en 2026. Pero para que se poidan inaugurar neses anos temos que contratalas agora. As cousas da administración teñen o seu tempo. Todo o tema da intermodal foi deseñado en 2003. Para cando remate levará 21 anos. En 2003 se tomaron dúas decisións determinantes, que o AVE discorrese pola ruta Santiago-Ourense e a estación seguise no centro da cidade. E a partir de aí foise construíndo todo.
A mobilidade, xunto co urbanismo co que se interrelaciona, é unha das áreas nas que máis capacidade de actuación ten un concello ao tempo que máis normativa allea lle é de aplicación. Como está a ser a aplicación das novas restricións a 30 quilómetros por hora e como vai ser a convivencia cos ciclistas e peóns no casco vello?
“A prioridade é a circulación peonil, e despois que cos vehículos, incluída a bicicleta, haxa unha convivencia, e para iso é necesario reducir a velocidade”
A normativa estatal para limitar a velocidade é moi coherente co que viña facendo Santiago e co que quere seguir facendo. É necesario moderar a velocidade e arrefriar a circulación de vehículos, e o que nos dá esa normativa estatal é un amparo á normativa municipal. Ademais ten o obxectivo de permitir a convivencia entre o ciclista e o coche. En Santiago temos moitas dificultades para facer carrís bici porque a trama viaria da cidade non se presta. Algún carril bici se vai facendo onde é posible encaixalo pero o obxectivo fundamental é producir a convivencia entre os distintos tipos de vehículos, que a bicicleta é un vehículo, e para que esa convivencia sexa posible é necesario reducir a velocidade. Se os coches circulan a 60 e a bici a 20 hai un risco claro de accidente. Se reducimos a velocidade do coche a 30 e a bici vai a 20 o risco de accidente diminúe e desde logo a gravidade. O obxectivo é facilitar a convivencia entre os distintos sistemas de mobilidade en vehículo mantendo algo importante, que en Santiago a prioridade para nós é a circulación peonil. Onde sexa posible priorizamos que o uso sexa peonil e despois que cos vehículos haxa unha convivencia. Pero non estamos no punto de chegada senón que estamos saíndo do punto de partida. O futuro vai por aí.
Parte da mobilidade, relacionada tamén co urbanismo, está condicionada reiteradamente en diversos puntos da cidade polo patrimonio. Hai muros caídos ou obras de rehabilitación de inmobles que cortan rúas ou beirarrúas. Por que se eternizan algunhas desas actuacións?
“Cando hai unha paralización cun muro caído, adoita ser por problemas da propiedade, porque cando é pública non hai ningún problema”
Hai circunstancias que moitas veces se derivan da estrutura da propiedade que temos, complexa, en Santiago como en moitas cidades históricas. Hai moitas propiedades a nome de herdeiros. Noutros casos é certo que o patrimonio é un gran valor pero supón unha carga importante para a súa propiedade. Ademais os temas que afectan a patrimonio histórico requiren dunha tramitación administrativa moito máis complexa. Noutros casos pódense dar licenzas con comunicacións previas, pero no ámbito do patrimonio o silencio administrativo é negativo. Cando hai un muro no que hai unha paralización, adoita ser por problemas da propiedade. Caeu un muro no que había enterramentos, problemas arqueolóxicos, apareceu de todo, pero está arranxado, porque alí non había ningún problema de propiedade porque era pública.
Tamén parece que vai lento o transporte público urbano, prorrogado desde hai anos porque gobernos de varias cores non foron quen de sacalo a concurso de novo. Tan difícil é?
“Atopamos que os cinco grandes contratos do Concello estaban vencidos e agora dous están adxudicados, un en licitación e os outros dous o estarán este ano”
Cando chegamos atopamos que os grandes contratos estaban vencidos. Agora mesmo dos cinco contratos principais do Concello, dous están adxudicados, que son parques e xardíns e o servizo de asistencia domiciliaria, e un está en licitación que é o da limpeza e recollida do lixo. O transporte urbano estaba listo para sacalo a licitación en xullo do ano pasado pero houbo que suspendela porque o estudo económico de 2018, o traballo que iniciou Compostela Aberta e que nós revisamos e dimos continuidade, non ten nada que ver co que está a pasar pola COVID. Houbo que esperar para ter unha perspectiva de como vai evolucionar isto, pero espero que o mes que vén poida saír a concurso. E con relación á auga temos o problema en Santiago de ter unha rede importante desde finais dos anos 1920 moi obsoleta, e unha zona rural importante que demanda servizos. Isto require un investimento enorme co que podemos facer dúas cousas: dilatalo vinte anos pero determinados servizos e a paciencia de moitos veciños non nos van aguantar, ou buscar como facer o investimento no prazo máis curto posible. E para iso temos que acudir a financiamento externo porque o Concello non ten. Nun ano normal os investimentos están entre os 6 os 10 millóns de euros, e aínda que destinásemos todo iso a auga e saneamento non nos chegaría. Non nos queda máis remedio que ir a un sistema de licitación no que apareza un operador que anticipe ese financiamento. Estamos ultimando os traballos para á volta do verán poder convocar o concurso.
Como están a resistir os mecanismos de apoio social a crise da COVID?
“Houbo un momento no comezo da pandemia que estivemos apoiando a máis de 2.100 familias, practicamente 5.000 persoas. Foi compartido por todos os grupos políticos que era unha prioridade absoluta”
Bastante ben. O Concello fixo un esforzo enorme no apoio aos sectores máis desfavorecidos no primeiro momento con mecanismos que outras administracións non habilitaron. De marzo a xullo o elemento fundamental de apoio foi o concello, con bonos de alimentación, axudas directas, moitos mecanismos. Houbo un momento no que estivemos apoiando a máis de 2.100 familias, practicamente 5.000 persoas. E despois en apoio aos sectores, á hostalería, comercio, cultura, en axudas directas foron case 8 millóns, que para o Concello é un esforzo enorme. Pero foi algo compartido por todos os grupos políticos que era unha prioridade absoluta. Hai que pensar que nun ano normal as axudas para eses sectores eran uns 150.000 euros. É un esforzo enorme que se reduce basicamente do capítulo de investimentos, que é o único que está dispoñible, o resto son gastos fixos.
É ano Xacobeo pero a pandemia fixo que aínda non se notase. Que aprendeu Santiago nestes últimos meses da súa dependencia do turismo e como espera que sexa o ano e medio xacobeos que quedan por diante?
“Temos que apostar pola biotecnoloxía porque a fortaleza do turismo internacional de Santiago coa pandemia foi un problema”
Algo que xa sabiamos, que necesitabamos diversificar e ampliar a base económica. A nosa aposta ten que ser a creación de empresas e dunha industria vinculada ás novas tecnoloxías e especialmente á biotecnoloxía. Iso xa o sabiamos, niso estabamos e niso continuamos. Desgraciadamente para nós o que eran fortalezas do turismo, que Santiago era a cidade co turismo máis internacionalizado, se converteu nun problema. Ese turismo máis internacional foi o que caeu e o que se está a recuperar é o de cercanías. Santiago foi a cidade galega que máis sufriu neste ano de pandemia polo peso do turismo internacional, pero estamos vivindo unha recuperación intensa. Neste verán imos recuperar bastante do turismo español e portugués e teño a confianza de que o turismo francés, inglés, alemán, empecemos a recuperalo en setembro, e o xaponés e coreano probablemente aínda veña despois.
Entre eses visitantes, o Papa...
Hai unha tradición de visita dos papas en anos xacobeos e estamos moi ilusionados con que veña. Nós co papa estamos moi contentos e agradecidos da prolongación do ano Santo, que é a segunda vez que se produce en novecentos anos.
Vostede ten 67 anos, a idade da xubilación ordinaria...
Son un mozo.
... e o partido recorreu a vostede nas pasadas eleccións tras optar antes por outras candidaturas. Non soubo o PSdeG buscarlle un herdeiro ou herdeira? Cal é o futuro do partido en Santiago?
"Non sei que decisións se tomarán no partido nin tomarei eu mesmo con relación a 2023, pero hai persoas moi competentes e capacitadas, algunhas dentro do meu propio equipo"
Resúltame imposible contestar a esa pregunta con certeza. O partido recorreu a min e eu estaba disposto e me ofrecín porque tiña unha gran ilusión e preocupación pola evolución da cidade. Pareceume que podía achegar algo. Estou moi contento de estar aquí. As cousas non son como tiña pensado, para nada. Tocoume unha realidade distinta, pero nun escenario tan complicado para a cidadanía a min me produce unha gran ilusión poder ser útil a Santiago. Con relación ao futuro, non está escrito. Non sei que decisións se tomarán nin tomarei eu mesmo con relación a 2023 [data das seguintes eleccións municipais]. É un tema que non me ocupa, a prioridade é atender o que temos diante. Supoño que haberá un momento máis adiante no que haberá que afrontar esta situación. No partido socialista hai persoas que me parecen moi competentes e capacitadas, algunhas delas dentro do meu propio equipo. Estea ou non eu, o partido socialista seguirá xogando un papel importante en Santiago. O único partido que desde 1911, en todas as eleccións democráticas, tivo grupo municipal.
Pase o que pase dentro de dous anos, por que proxecto ou medida lle gustaría que se lembre este mandato?
Non o sei, seguramente o que máis se lembre serán actuacións que estaban bloqueadas e se desbloquearon, pero gustaríame que se lembre que nun momento dunha crise moi difícil para a cidade estivemos a carón dos cidadáns e dos que máis nos necesitaban.