Martiño Noriega será o novo alcalde de Santiago

Martiño Noriega CC-BY-SA Compostela Aberta

Compostela Aberta gobernará a capital de Galicia. A plataforma liderada por Martiño Noriega converteuse na formación máis votada en Santiago, superando mesmo nun concelleiro ao PP, que perde a maioría absoluta, co 98,27% escrutado. 

Compostela Aberta supera en votos e en concelleiros ao Partido Popular

O novo goberno local en Santiago semella cantado. Martiño Noriega será o novo alcalde e a súa formación podería gobernar en solitario ou chegar a un acordo co PSdeG, que sofre un duro golpe ao pasar de 9 edís a 4. Abondaríalle. O Bloque perde un edil pero mantén 2, mentres que o PP sae como o gran derrotado. Logo dunha convulsa lexislatura, de polémicas, corrupción e dimisións, os populares perden catro representantes e a maioría absoluta. 

"A cidadanía compostelá deulle un mandato de dignidade á capital do país", dixo Noriega

Martiño Noriega asegurou que a cidadanía compostelá "deulle un mandato de dignidade á capital do país" e insistiu no apoio da "maioría social agredida de Santiago". "A maioría social farta", engadiu quen tivo unha lembranza para Ánxel Casal e para xosé Manuel Beiras, así como para aqueles que "empezaron hai moitos meses con Compostela Aberta reivindicando dignidade". "Somos conscientes das dificultades, pero chegamos sen mochila, apoiándonos no caxato da unidade popular dos agredidos diante dos que agreden", falou. 

É outro duro golpe para o PP e para Núñez Feijóo, que ve como o seu partido perde a alcaldía e como os espazos de ampla confluencia triunfan na Coruña e en Santiago. Agustín Hernández, o ex conselleiro candidato na capital, recoñeceu a vitoria de Compostela Aberta, que "obtivo máis votos e máis concelleiros". Aínda así, o popular cre que os veciños "recoñeceron e valoraron o cambio dado a esta cidade en dez meses", pero consiera tamén que "non houbo tempo dabondo para trasladar ese cambio á veciñanza". "Seguiremos apostando pola nosa cidade", asegurou. 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Martiño Noriega CC-BY-SA Compostela Aberta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.