Fomento e Concello elóxianse mutuamente na sinatura da intermodal de Santiago

A ministra Pastor asina no libro de honra de Santiago en presenza do alcalde, Martiño Noriega Dominio Público Concello de Santiago

Fomento, Xunta e Concello de Santiago asinaron este mércores o convenio polo que se remodelará lixeiramente a estación de tren de Compostela e se construirá ao seu carón unha nova estación de autobús que garanta a intermodalidade. A operación rebaixa notablemente a envergadura e custo das propostas que barallaron gobernos anteriores tanto locais como autonómicos e estatais, pero para as tres administracións cumpre igualmente a súa función final: que se mellore a conexión entre modos de transporte público e se incremente o seu número de usuarios. O grupo municipal do PP lamenta que o goberno local de Compostela Aberta non apostase por unha infraestrutura máis ambiciosa, pero a propia ministra, a popular Ana Pastor, considera que o agora acordado é o máis adecuado para Santiago.

O PP local pide ao Concello unha actuación máis ambiciosa pero a ministra considera que o acordado é o adecuado para Santiago

O convenio para a nova estación intermodal de Santiago asinárono no Pazo de Raxoi a ministra Pastor; o presidente de Adif, Gonzalo Ferre; as conselleiras de Infraestruturas e Medio Ambiente, Ethel Vázquez e Beatriz Mato; e o alcalde, Mariño Noriega. Todos eles eloxiaron nas súas intervencións o acordo acadado entre administracións e formacións políticas distintas, aínda que a Xunta meteu présa ao Concello para que cumpra coa súa parte. Quen non estivo no acto foi o voceiro municipal do PP, Agustín Hernández, cuxa ausencia xustificou e minimizou a ministra dicindo que estaba “facendo unha entrevista”.

O PP local tenta atopar o seu sitio

O PP local abstívose na votación no Pleno municipal do convenio, que saíu adiante co único voto favorable de Compostela Aberta e a oposición do PSdeG

No caso do acordo para a intermodal, Hernández tenta compaxinar a crítica contra o goberno municipal por non lograr incluír no convenio determinadas reclamacións máis ambiciosas do PP local ao tempo que eloxia a Fomento e Xunta polos seus investimentos na cidade. Porén, a crítica está tendo máis repercusión que o eloxio, o que acaba salpicando o acordo en si e a xestión dos seus compañeiros de partido en Madrid e San Caetano. De feito, o PP local abstívose na votación no Pleno municipal do convenio, que saíu adiante co único voto favorable de Compostela Aberta e malia a negativa do PSdeG.

A ministra defende que sexan os técnicos os que determinen o volume das infraestruturas sen necesidade de realizar obras faraónicas

Un dos acordos acadados entre Concello e Fomento contempla que se construirá unha intermodal máis pequena do previsto inicialmente co compromiso do ministerio de facela máis grande cando se chegue á cifra de tres millóns e medios de viaxeiros de tren ao ano. Os populares critican que o Concello aceptou esa condición sen saber cantos viaxeiros hai actualmente. Tamén reclaman unha conexión peonil entre as estacións de tren e autobús maior do agora previsto. Preguntada por esa cuestión, Pastor asegurou que o seu departamento atendeu as propostas de todos os que llas quixeron transmitir, incluído o PP local, e abriu a posibilidade de introducir “melloras” na obra da intermodal mesmo cando os traballos xa teñan comezado. Pero insistiu en que cuestións como o volume de pasaxeiros para o que se constrúe unha infraestrutura son determinadas polos técnicos, non polos políticos. E optou en valorar máis o acordo co Concello que as demandas pendentes do seu propio partido. “Cando a xente quere entenderse, enténdese”, salientou a ministra, e asegurou que “se poden facer infraestruturas potentísimas sen facer obras farónicas”. “Tanto prometer obras faraónicas, e nunca se fixo nada”, engadiu.

A Xunta mete présa ao goberno local e responsabilízao de posibles demoras futuras

As críticas ao goberno local tamén chegan desde o Goberno galego, que insiste na necesidade de que o Concello cumpra canto antes co seu compromiso de recualificar e pór á súa disposición os terreos necesarios para que a Xunta constrúa a nova estación de autobuses xunto á terminal de tren, responsabilizándoo xa de posibles demoras futuras. Este mércores o alcalde optou por obviar as críticas e eloxiar, como a ministra, o acordo acadado. Uns eloxios entre Pastor e o alcalde santiagués similares aos que se teñen transmitido a ministra e o goberno local da Coruña a conta de varias actuacións que implican ás dúas administracións.

Propaganda e Angrois

O acto de sinatura do convenio, realizado con toda solmenidade e en plena campaña electoral, foi denunciado polo BNG ante a Xunta Electoral por propagandístico, argumentando que para que a intermodal vaia adiante nin é necesario escenificar en público a sinatura do acordo, nin facelo durante a campñaa. Porén, a Xunta Electoral desbotou os seus argumentos.

Por outra banda, a ministra foi preguntada novamente e de xeito insistente pola reapertura da investigación xudicial sobre o accidente de Angrois para indagar mellor a posible responsabilidade de Adif. Pastor limitouse, como en todas as súas declaracións sobre o sinistro, a amosar o seu “respecto” pola xustiza e o seu “apoio” ás vítimas, que lle critican que non está a colaborar no esclarecemento das causas.

Plano das actuacións, coa nova estación de autobús na parte inferior e a pasarela, á esquerda, que a unirá coa actual terminal de tren, que será remodelada. © Adif

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.