A reforma das pensións que vén: cálculo de 25 ou 29 anos, suba das máis baixas e "cota de solidariedade" a soldos altos

Manifestación na defensa da pensións públicas en 2018 en Santiago CC-BY-NC-SA Praza.gal

No medio das semanas de maior conflitividade interna e dun fenomenal ruído mediático ao seu redor por outros asuntos, o Goberno de España vén de desencallar unha das reformas estruturais de maior envergadura e que atinxirá, en boa medida, a varias xeracións. O Executivo do PSOE e Unidas Podemos vén de acordar, entre si e coas autoridades da Comisión Europea, as claves da modificación do sistema de pensións, unha das materias pendentes para, entre outros aspectos, recibir a cuarta entrega de fondos de recuperación tras a COVID.

Nos primeiros vinte anos do novo sistema, a pensión calcularase a través dos dous períodos e asignarase a máis beneficiosa para a persoa que se xubila

Aínda sen documento oficial publicado, as declaracións dos responsables gobernamentais e a información achegada a varios medios de comunicación permiten albiscar varios dos elementos centrais da reforma comandada polo ministro da Seguridade Social, José Luis Escrivá. Entre elas, un novo modelo de período de cálculo da pensión de xubilación: os últimos 25 ou 27 dos últimos 29 anos cotizados, excluíndo os dous menos beneficiosos para a persoa que se xubila.

Na liña do avanzado por medios como La Vanguardia, unha das claves da reforma é facer convivir eses dous modelos de cálculo da xubilación (25 e 29 menos 2) durante os primeiros vinte anos do novo sistema. Nese período, a pensión que percibirá cada persoa xubilada será a que resulte máis beneficiosa tras aplicar as dúas fórmulas. Trataríase de evitar prexudicar a quen ten máis próxima a xubilación pero avanzando un novo modelo no que sexa posible desbotar eses a calquera altura da carreira profesional, non necesariamente os primeiros nin os últimos.

Queda así desbotado, polo tanto, a ampliación do período de cálculo ata 30 anos que estivera sobre a mesa de Escrivá nos últimos meses. O novo modelo dual comezaría a aplicarse en 2024, informa infoLibre, e chegaría a 2044. O período transitorio, especifican as fontes citadas, implicará un custo maior para o sistema que mudar un modelo polo outro directamente, de aí que o Executivo prevea introducir outros mecanismos para compensar, caso da denominada "cota de solidariedade" para os soldos máis altos.

Máis recursos ao sistema e suba das pensións mínimas

Esa "cota de solidariedade" atinxiría á parte dos salarios que actualmente están fóra do tope de cotización, actualmente fixado en 53.946 euros anuais. Comezaría sendo do 1% e aumentaría un cuarto de punto ao ano ata chegar ao 6%, sinalan as fontes citadas

Para dotar de máis recursos ao sistema, a reforma tamén implicará aumentar as cotizacións destinadas ao Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI), a sobrecotización que entrou en vigor este 2023 cun 0,6% (0,1% a cargo da persoa traballadora e o resto, da cotización da empresa). A previsión é chegar a duplicalo na final da década, ata o 1,%. Ademais, tamén se prevé aumentar as bases de cotización. Os fondos adicionais tamén servirán para paliar fendas de xénero no sistema.

A reforma prevé dotar de máis recursos ao sistema con máis cotización para os soldos máis altos e que as pensións máis baixas, con especial incidencia en Galicia, cheguen a acadar o 60% da renda mediana do Estado

Os detalles que xa se coñecen da reforma traen consigo outra clave de especial relevancia en Galicia, por aglutinar boa parte da poboación pensionista coas pagas máis baixas. A reforma propón mellorar as pensións mínimas para que cheguen a acadar o 60% da renda mediana do Estado, o que sucedería contra o ano 2027, calculan. É o sistema que se empregou para as subas do Salario Mínimo Interprofesional ao longo da actual lexislatura estatal. No caso das pensións non contributivas, trataríase de chegar ao 75% do considerado limiar da pobreza (pouco máis de 9.500 de ingresos anuais para un fogar unipersoal).

Á reforma das pensións aínda lle queda, en todo caso, camiño por andar. A súa primeira parada foi a Mesa de Diálogo Social, na que sentan os sindicatos CC.OO e UGT, que de entrada a ven con bos ollos, e mais a patronal CEOE, que declara a súa "máis frontal oposición". Máis relevante aínda será o seu trámite parlamentario, para o que PSOE e Unidas Podemos deben xuntar apoios entre os seus socios habituais, toda vez que o PP xa se desmarcou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.