Un estudo publicado pola Fundación de Estudios de Economía Aplicada (Fedea) analizou unha reforma de 1967 que limitou a xubilación anticipada e suxire máis flexibilidade nela xa que é máis beneficiosa para o benestar social
A Fundación de Estudios de Economía Aplicada (Fedea), da que forman parte o Banco de España e algunhas das principais empresas do país, vén de facer público un estudo que analiza a relación entre as restricións á xubilación anticipada e a mortalidade aproveitando unha reforma legal aprobada en España en 1967. Fedea salienta que o estudo amosa que atrasar un ano a saída do mercado laboral "aumenta significativamente o risco de morrer entre os 60 e os 69 anos". E que "os aforros fiscais derivados do atraso na xubilación e a redución da duración dos pagos das pensións non compensan a perda social asociada á redución da esperanza de vida".
O estudo analizou unha reforma da xubilación de 1967 que fixo que as persoas que comezaran a cotizar antes do 1 de xaneiro daquel ano puideran xubilarse voluntariamente a partir dos 60 anos mentres que o resto, con excepcións, tiñan que agardar aos 65 anos. Os investigadores tiveron acceso ás historias laborais da Seguridade Social de persoas nacidas entre 1935 e 1955 e analizaron como varían os efectos sobre a mortalidade dependendo dos postos de traballo e a flexibilidade da xornada.
"Os resultados amosan que atrasar un ano a saída do mercado laboral aumenta significativamente o risco de morrer entre os 60 e os 69 anos", di Fedea, que matiza que "o risco se concentra especialmente nos sectores e, especialmente, as ocupacións fisicamente máis esixentes e as suxeitas a un maior nivel de estrés emocional e mental, e é moito menor para os individuos que teñen acceso a mecanismos de xubilación parcial que lles permiten reducir as súas horas de traballo a partir de determinada idade".
"É importante introducir, con carácter xeral, mecanismos flexibles de xubilación anticipada e parcial que permitan aos traballadores modular as súas horas de traballo na parte final da súa carreira laboral"
Os autores tamén calculan "o custo ou beneficio social de restrinxir ou eliminar a opción da xubilación anticipada". "Atopamos que un aumento de 0,46 anos na idade ao morrer tradúcese nunha perda social valorable en 8.564 euros por individuo", sinala Fedea. Fronte a esa cuantificación, a demora na saída do mercado laboral desas persoas que tardan máis en xubilarse supón unha achega ao sistema de pensións de 1.925 euros, ao que hai que engadir 3.228 euros de aforro en pensión para a Seguridade Social por mortalidade temperá. Isto é, coa reforma que restrinxiu a xubilación anticipada "a Seguridade Social obtén unha ganancia fiscal de 5.213 euros", unha cifra inferior aos 8.564 euros de perda social pola morte do individuo calculada previamente.
"En suma, os aforros fiscais derivados do atraso na xubilación e a redución da duración dos pagos das pensións non compensan a perda social asociada á redución da esperanza de vida, o que suxire que a reforma non é economicamente beneficiosa, no contexto máis amplo do benestar social", sinala Fedea. Unha conclusión que publica, segundo salienta, porque "nun momento no que a prolongación das vidas laborais pode ser un instrumento imprescindible para garantir a sostibilidade dos sistemas de pensións, os resultados do estudo apunta á necesidade de deseñar con coidado os detalles das políticas de xubilación, atendendo aos seus posibles efectos sobre a saúde dos traballadores".
"É importante, en particular, ter en conta o grao de esixencia física, emocional e mental das distintas ocupacións á hora de fixar as idades mínimas e legais de xubilación, que non poden ser iguais para todos, así como introducir, con carácter xeral, mecanismos flexibles de xubilación anticipada e parcial que permitan aos traballadores modular as súas horas de traballo na parte final da súa carreira laboral", conclúe Fedea.