A fenda entre as pensións cobradas por homes e mulleres en Galicia sitúase nos 284 euros, por riba dos 266 euros do 2014
A fenda entre as pensións cobradas por homes e mulleres en Galicia continúa a ser ampla e nos últimos anos a marxe non se reduciu, senón que mesmo se fixo máis ampla. O IGE vén de publicar a estatística completa das pensións correspondente ao ano 2020. Nese ano a pensión mensual media en Galicia situábase nos 988,41 euros, pero cunha gran diferenza por sexo: 1.131 euros para os homes e 847 euros para as mulleres, unha fenda de 284 euros, superior aos 266 euros do ano 2014.
En termos relativos si se produciu unha aproximación entre as pensións cobradas por homes e mulleres, pero moi pequena: no 2014 o importe das pensións femininas representaban o 73% das masculinas, mentres que na actualidade o seu valor acada o 75%.
A media das novas pensións sitúase nos 1.165 euros, de novo cunha gran diferenza entre as cobradas por homes (1.305) e mulleres (984)
Estes datos fan referencia ao conxunto das pensións, pero a estatística amosa que a fenda se mantén nas novas pensións, é dicir, nas altas das persoas que acaban de se xubilar e comezan a cobralas unha vez concluída a súa vida laboral. Neste caso a media das novas pensións sitúase nos 1.165 euros, de novo cunha gran diferenza entre as cobradas por homes (1.305) e mulleres (984). A diferenza é de 321 euros e as novas pensións femininas acadan un importe medio do 75,4% das novas pensións cobradas por homes
Os dez concellos con pensións máis elevadas son As Pontes de García Rodríguez, Fene, Cervo, Ferrol, Mugardos, A Coruña, Ares, Vigo, Cabanas e Neda
Hai tamén grandes diferenzas entre concellos, sendo as localidades industriais e, en xeral, as zonas urbanas, as que presentan pensións máis elevadas. Pola contra, as zonas rurais son as que teñen pensións con importes máis reducidos. Así, os dez concellos con pensións máis elevadas son As Pontes de García Rodríguez, Fene, Cervo, Ferrol, Mugardos, A Coruña, Ares, Vigo, Cabanas e Neda. A comarca de Ferrolterra concentra a maior parte destas localidades, o que amosa a importancia das pensións cobradas polos traballadores industriais dos estaleiros ou de Endesa.
O sur de Ourense, o interior de Pontevedra e a Costa da Morte rexistran as pensións máis baixas
Pola contra, os dez concellos coas pensións máis reducidas son Avión, Quintela de Leirado, Santa Comba, Sarreaus, Padrenda, Tordoia, Mazaricos, O Irixo e Vimianzo. Boa parte deles están situados na provincia de Ourense e tamén no interior de Pontevedra e máis no interior da Costa da Morte.
En 250 concellos (oito de cada dez) o importe medio das pensións cobradas por mulleres non chega aos 800 euros mensuais. E en 80 localidades a media non acada os 700 euros mensuais
O baixos importe das pensións nas zonas rurais acada valores moito máis reducidos no caso das mulleres, especialmente naquelas dedicadas ao traballo agrogandeiro, que seguen a atopar obstáculos para converterse en titulares das súas explotacións ou para ver recoñecido o conxunto das súas achegas laborais.
De feito, en 250 concellos (oito de cada dez) o importe medio das pensións cobradas por mulleres non chega aos 800 euros mensuais. E en 80 localidades a media non acada os 700 euros mensuais. De novo é o sur da provincia de Ourense, o interior da de Pontevedra e a Costa da Morte as que rexistran as pensión máis baixas.
Tan só en cinco concellos (Santiago, A Coruña, As Pontes, Ferrol e Vigo) as pensións cobradas por mulleres superan a pensión media galega
O segundo mapa amosa as diferenzas entre o importe medio das pesións cobradas por mulleres en cada concello e a media global do conxunto de Galicia. Tan só en cinco concellos (Santiago, A Coruña, As Pontes, Ferrol e Vigo) as pensións cobradas por mulleres superan a pensión media galega. No resto está por debaixo, con diferenzas que se achegan aos 400 euros mensuais en moitos casos
As diferenzas entre as pensións cobradas por homes e mulleres chegan a ser de máis de 800 euros mensuais nas Pontes e de 676 en Cervo, 650 en Fene e 639 en Xove
Finalmente, o seguinte cadro amosa o conxunto dos datos, cos importes medios das pensións por sexo en cada concello e as diferenzas entre mulleres e homes. As cidades e as zonas industriais presentan as pensións máis elevadas cobradas por mulleres (Santiago, A Coruña, As Pontes, Ferrol...), pero tamén as maiores diferenzas entre homes e mulleres, que chegan a ser de máis de 800 euros mensuais nas Pontes e de 676 en Cervo, 650 en Fene e 639 en Xove.