Os compromisos do Estado coa UE para a recepción dos fondos de recuperación tras a COVID contemplan, entre outros moitos aspectos, "aumentar o período de cotización para o cálculo das pensións e aumentar as bases máximas de cotización xunto cos niveis correspondentes das pensións". Así figuraba na documentación ao respecto feita pública xa o pasado xuño e así o reflicten tamén os documentos de seguimento publicados polo Goberno de España e a Comisión Europea este 10 de novembro, apenas unha semana despois da súa sinatura (escasas horas antes da súa divulgación, Alberto Núñez Feijóo e Pablo Casado aseguraron que se trataba dun "contrato" secreto).
O compromiso do Estado coa UE de "aumentar o período de cotización para o cálculo das pensións" é público dende hai máis de medio ano e agora fica ratificado na nova documentación de seguimento dos fondos de recuperación
A publicación destes documentos ratifica o plan xa coñecido e aguilloa as mobilizacións que colectivos de pensionistas xa tiñan convocadas para este 13 de novembro en diversos puntos do Estado -no caso galego, ás 12h na Alameda-. Colectivos como a Plataforma de Pensionistas de Compostela coidan que mobilizacións como as que estas mesmas organizacións comezaron a impulasr hai catro anos serviron para lograr aspectos como volver acompasar as subas ao incremento dos prezos sen o límite do 0,25% marcado polo gabinete do PP de Rajoy. Pero, advirten, "nada está garantido para o futuro".
Neste sentido, a plataforma compostelá, advirte que o ano 2022 é o horizonte -na liña dos compromisos coa UE- para aplicar "medidas encamiñadas a reducir as pensións e atrasar a idade de xubilación". Neste sentido, agregan, "é falso e perverso dicir que as nosas reivindicacións poñen en risco as pensións do futuro" porque "estamos falando de consolidar e garantir un sistema público e universal de pensións para as xeracións futuras".
"É falso e perverso dicir que as nosas reivindicacións poñen en risco as pensións do futuro" porque "estamos falando de consolidar e garantir un sistema público e universal de pensións para as xeracións futuras", resaltan as organizacións de pensionistas que se volven manifestar este 13 de novembro
Na mesma liña, a convocatoria xeral da mobilización deste 13 de novembro resalta que na táboa reivindicativa do movemento seguen aspectos como "garantir a capacidade adquisitiva das pensións a través de revisións anuais" que, como mínimo, sigan ligadas ao IPC. "En caso de ser necesario, o pago das pensións públicas debe garantirse a través dos Orzamentos Xerais do Estado" sen "que se converta en débeda da Seguridade Social". "Fronte ás falsidades que desde hai anos se difunden interesadamente nos medios de comunicación, as pensións públicas son sostibles, e por iso esiximos que as contas estean claras", conclúen.
Estas mobilizacións dos colectivos de pensionistas como Modepen e organizacións locais como a compostelá producirase apenas dez días despois de que a CIG impulsase tamén mobilizacións ao respecto a través do seu colectivo de persoas xubiladas e pensionistas. O sindicato alerta de que "a reforma das pensións que se está a tramitar no Congreso dos Deputados non só non garante unhas pensións dignas, senón que mesmo consolida os recortes introducidos coa reforma de 2011". Os plans do ministro José Luis Escrivá, manteñen, van nese sentido.