- INTERACTIVO | 9 gráficos e mapas que amosan a realidade das pensións en Galicia
- GALERÍA | Mobilizacións en defensa das pensións pública
Nova xornada de protestas masivas en múltiplas localidades galegas. O pasado 8 de marzo as concorridísimas manifestacións impulsadas polo movemento feminista ao abeiro do Día da Muller e da folga do 8M contribuíron a rachar un lugar común a respecto das mobilizacións cidadás galegas: a necesidade de centralizalas nun único punto do país para que sexan realmente numerosas e non atendidas unicamente por uns poucos centos de persoas. Este sábado a mobilización na defensa das pensións públicas tiña en Galicia ata 17 puntos de convocatoria e na maioría deles, especialmente nas cidades, a resposta foi masiva. Milleiros, decenas de miles de persoas por todo o territorio.
A mobilización deste sábado, unha convocatoria a nivel estatal, estaba impulsada en Galicia dende o Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas, así como por diversas plataformais locais e apoiada polos sindicatos CC.OO. e UGT. Representantes destas centrais sindicais e diversos cargos de En Marea e PSdeG -entre eles, Luís Villares en Santiago, Gonzalo Caballero en Vigo e numerosos dirixentes locais de ambas formacións nas diversas localidades- uníronse a manifestacións e concentracións nas que, non obstante, abondaban as pancartas feitas na casa con lemas e consignas diversos, dende o rexeitamento á suba máxima do 0,25% anual imposta pola última reforma do sistema ata retruques ás acusacións de manipulación partidaria do movemento: "estamos xubilados, non aparvados", rezaba un cartel en Santiago.
Un intre da concentración na Coruña / CC BY-SA Galiza Contrainfo
O fondo destas protestas é a preocupación polas pensións do futuro, pero tamén polo feito de que as actuais pensións de xubilación "non garanten unha vida digna para as persoas maiores", explican dende MODEPEN. En Galicia, resaltan, "o 63% das pensións están por baixo do limiar da pobreza, a maior porcentaxe de todas as comunidades autónomas e dez puntos por riba da media estatal". "As implicacións éticas de deixar as persoas maiores na pobreza sone videntes, pero como a algúns gobernantes non lles preocupan, sinalamos tamén os efectos económicos: reduce a autonomía" tras a xubilación e "incrementa a demanda de servizos sociosanitarios".
Participantes na manifestación en Vigo / Galiza Contrainfo
Para este colectivo a "historia do desmantelamento do sistema público de pensións" non hai que buscala unicamente no actual Goberno de España, porque "vén de moi atrás", cando menos "da primeira vez que o goberno de Aznar meteu a man na caixa da Seguridade Social", pero "viuse moi agravada pola crise económica e as reformas laborais de 2010 e 2012, que abaratan o despedimento e precarizan o emprego", así como por "outras medidas antisociais" como o incremento dos copagamentos farmacéuticos ou os atrancos para o acceso a coidados públicos para as persoas dependentes.
A manifestación a prol das pensións públicas, na Ronda da Muralla de Lugo / PSdeG
"Goberne quen goberne, as pensións non se venden", "que non nos rouben as pensións" ou "a pensión é un dereito, non unha esmola", foron algunhas das consignas reiteradas por toda Galicia para sintetizar en concentracións e manifestacións unha táboa reivindicativa que MODEPEN encabeza coa necesidade de "manter o poder adquisitivo das pensións pública" e para iso, resaltan, rachar co "ridículo 0,25% de suba". Cómpre tamén, salientan, "denunciar a entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2019 do chamado factor de sustentabilidade", o "aberrante recurso de adaptar a contía do cobro das pensións á esperanza de vida das persoas pensionistas".
Concentración a prol das pensións en Ferrol / EU Ferrol
"Tratar as pensións como dereito constitucional", "restablecer a xubilación ordinaria aos 65 anos", recuperar o subsidio para maiores de 52, poñer a lei de dependencia "en pleno funcionamento" ou establecer recursos para "eliminar a fenda de xénero nas pensións públicas" son outras das reivindicacións que, advirten, manterán no tempo porque "os xubilados non somos trapos". Mentres estas mobilizacións se desenvolvían o PP galego difundía a través das redes sociais as declaracións do ministro portavoz do Goberno central sobre as protestas, nas que ademais de defender a xestión do gabinete de Mariano Rajoy na materia, Íñigo Méndez de Vigo deu en insinuar que por tras desta convocatoria estaba a manipulación das forzas políticas da esquerda.
"Isto é un atraco, mans arriba" foi unha das consignas máis repetidas nas protestas / Praza Pública