A contía das pensións de xubilación nas cidades supera a media galega, pero con grandes diferenzas entre barrios

CC-BY pixnio

Ao igual que sucede cos datos da renda media, existen enormes diferenzas entre as pensións media de xubilación cobradas nunhas e noutras zonas de Galicia e mesmo entre os distintos barios das cidades galegas. É certo que as pensións medias nas zonas urbanas sitúanse moi por riba da media galega e mesmo na cidade con pensións máis reducidas (Ourense) percíbense contías superiores á media galega.

As pensións medias nas zonas urbanas sitúanse moi por riba do dato xeral do conxunto do país e mesmo na cidade con pensións máis reducidas (Ourense) percíbense contías superiores á media

Ferrol ten a pensión media máis elevada (especialmente pola elevada contía das recibidas polos homes), seguida da Coruña (coas pensións femininas máis altas), Vigo e Santiago, coa menor difefenza entre sexos.

Con todo, dentro de cada cidade prodúcense diferenzas moi grandes entre unhas e outras zonas, uns barrios e outros. De feito, as seccións censuais cunha pensión media máis elevada (situadas no Ensanche coruñés) sitúanse por riba dos 1.600 euros ao mes e máis que duplican ás áreas da cidade herculina coas pensións máis reducidas, por debaixo dos 800 euros. 

As seccións censuais cunha pensión media máis elevada (situadas no Ensanche coruñés) sitúanse por riba dos 1.600 euros ao mes e máis que duplican ás áreas da cidade herculina coas pensións máis reducidas, por debaixo dos 800 euros

Estas diferenzas, algo menores, reprodúcense nas outras seis cidades galegas, con moitas áreas por riba dos 1.500 euros mensuais de media, nomeadamente as situadas nos centros de cada unha das urbes, e moitas outras por debaixo dos 900 euros mensuais de media, especialmente as situadas nas contornas rurais ou en determinados barrios.

Hai tamén grandes diferenzas entre uns e outros barrios en canto á proporción de poboación 65 anos e máis que vive neles. Nalgunhas zonas de Ferrol esta porcentaxe achégase ao 50%. En cambio, en varios barrios da Coruña e de Compostela a porcentaxe de poboación de máis de 64 anos non chega ao 10%.

Vigo

Ao igual que sucede nas restantes cidades, as maiores pensións en Vigo cóbranse nos barrios máis centricos e litorais, fronte ás parroquias do interior, con contías inferiores. En cánto ao envellecemento de cada zona do concello, hai máis diversidade, con áreas do centro moi novas e outras cunha maior porcentaxe de poboación maior, e o mesmo nas zonas do interior. Destaca a reducida proporción de maiores de 65 anos no novo barrio de Navia.

A Coruña

Na Coruña, o Ensanche, Catro Camiños, Pescaría, Riazor e Zalaeta aparecen como as zonas con pensións máis elevadas, que contrastan enormemente con outras áreas, con contías moito máis reducidas, situadas especialmente nas escasas zonas rurais do concello pero tamén en barrios como Novo Mesoiro, Labañou, A Agra ou O Ventorrillo. Ao igual que en Vigo, as zonas máis envellecidas mestúranse coas máis novas, atopando seccións con altas porcentaxes de poboación maior en Monte Alto, Riazor, Ensanche ou Os Castros, pero tamén áreas máis novas situadas moi próximas

Ourense

En Ourense, de novo o centro urbano aparece como a zona con pensións máis elevadas. A medida que nos afastamos del cara a zonas cada vez máis rurais, as pensións medias tenden a reducirse. Sucede á inversa coa porcentaxe de poboación maior de 65 anos, máis elevada na periferia do concello, pero tamén nalgunhas áreas céntricas. E en cambio, porcentaxes reducidas en barrios como o Vinteún.

Lugo

En Lugo tamén os barrios máis céntricos, tanto dentro coma fóra da Muralla, teñen as pensións máis altas. En canto á porcentaxe de poboación de máis de 64 anos, podemos dividir a cidade en tres aneis concéntricos: o centro (especialmente no interior da Muralla) relativamente envellecido, un conxunto de barrios de poboación máis nova que o rodean (por exemplo na Ronda das Fontiñas ou Fingoi), e finalmente unha contorna rural coas maiores proporcións de poboación de idade avanzada.

Santiago

En Compostela repítese a análise do centro máis novo e con pensións máis elevadas e as zonas rurais con datos contrarios. Porén, mesmo nas zonas céntricas hai grandes diferenzas entre as áreas con pensións máis altas (Ensanche, algunhas rúas de Fontiñas) e as que teñen pensións máis reducidas. Tamén entre áreas céntricas con máis poboación maior (algúnas rúas da zona vella ou o barrio de Vite) e o resto.

Pontevedra

En Pontevedra, tamén o centro concentra as pensións máis elevadas. Pero neste caso tamén se sitúan aquí zonas con elevadas porcentaxes de poboación maior, próximas a outras zonas (O Gorgullón, O Burgo, Monte Porreiro...) con proporcións máis reducidas.

Ferrol

Ferrol é a cidade máis envellecida de Galicia e tamén a que ten as pensións máis elevadas, especialmente as masculinas, en boa medida procedentes das xubilacións e prexubilacións dos estaleiros. En calquera caso, as maiores contías concéntranse no centro: Madalena, Canido, Ensanches...  e as máis baixas en barrios como Recimil, Telleiras ou San Xoán. As áreas con máis poboación maior sitúanse na ampla zona rural do concello, pero tamén nun barrio como Caranza. As zonas con menos poboación maior de 65 anos están en Esteiro, pero tamén en Ferrol Vello.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.