Os Orzamentos deste ano recollen que o complemento creado por Touriño e Quintana e estancado en 206 euros anuais por Feijóo hai unha década podería subir ata os 220,50 euros, pero agora Rueda decide deixalo en 218 euros
"Galicia foi pioneira neste complemento". Así se referiu este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao complemento das pensións non contributivas de 200 euros ao ano impulsado en 2008 polo daquela vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asumido non sen tensións polo presidente Emilio Pérez Touriño. En 2009, con Feijóo xa como presidente, o Goberno galego quixo eliminalo por consideralo “unha tirita”, pero a polémica que se xerou obrigouno a mantelo e un ano máis tarde mesmo subiuno un 3%, o que medrara o IPC, para fixalo así en 206 euros ao ano para 2011.
Nesa cifra quedou doce anos ata que este xoves o Consello da Xunta decidiu subilo este 2023 nun 6%, ata 218 euros, o que supón 12 euros máis ao ano, ou un euro máis ao mes. Un aumento inferior ao 7% que o Goberno galego consignou nos seus Orzamentos para este exercicio, que suporía levar o complemento a 220,50 euros anuais, cunha suba de 1,20 euros ao mes. Finalmente o Executivo de Rueda decidiu non esgotar esa posibilidade que el mesmo se dera.
As pensións non contributivas de xubilación ou invalidez son as que cobran ás persoas que non cotizaron o suficiente e que carecen, eles e as súas unidades de convivencia, de recursos para a súa subsistencia. Son pagadas polo Estado e xestionadas pola Xunta, e segundo esta cóbranas 37.000 galegos e galegas e sitúanse este 2023 entre os 121 e os 484 euros ao mes. Para complementar eses cartos en 2008 creouse o complemento autonómico de 200 euros ao ano, que tras tentar eliminalo Feijóo acabou subindo para 2011 a 206 euros.
Desde xaneiro de 2011 ata xaneiro deste ano, segundo as cifras oficiais do Instituto Nacional de Estatística, o IPC aumentou un 23,3%. Porén, o complemento galego das pensións non contributivas non volveu ser tocado.
Nos Orzamentos para este 2023 a Xunta consignou a primeira suba dese complemento en 12 anos, e así o publicitou. Na disposición adicional décimo terceira das contas públicas estableceu que neste ano as persoas perceptoras de pensións non contributivas “terán dereito á percepción dunha prestación única non superior a 220,50 euros, nas condicións que estableza o Consello da Xunta” a proposta da Consellería de Política Social.
Pero finalmente o decreto aprobado este xoves polo Consello da Xunta, segundo o publicitado polo Goberno galego e verbalizado polo propio presidente Rueda, é que o complemento non chegará a eses 220,50 euros senón que quedará en 118 euros. Isto é, un 6% máis, 12 euros máis ao ano, 1 euro máis ao mes. O pagamento deste complemento terá un custo para as arcas galegas este 2023 de 8 millóns de euros.
Tras criticar o PPdeG a medida desde a oposición e tentar retirala ao chegar á Xunta, este xoves Rueda gabouse de que "Galicia foi pioneira neste complemento"
Tras as críticas lanzadas desde o PPdeG na oposición e o intento de eliminalo cando chegou ao Goberno galego, este xoves Rueda mesmo gabouse da implantación da medida, sen indicar cando e quen a decidira. "Galicia foi pioneira neste complemento", dixo, para engadir que non é obrigatorio e que cada comunidade autónoma decide se o mantén. Ademais, dixo, este ano adiantarase o seu pagamento seis meses, para facelo xa no mes de abril.