O futuro do sistema público de pensións e a súa revalorización ata acadar niveis dignos están entre as cuestións que máis marcaron o debate político nos últimos anos, xerando unha importante mobilización sostida en Galicia por colectivos como Modepen (Movemento pola Defensa das Pensións Públicas) e polos sindicatos.
Unha parte importante das pensións de xubilación sitúanse en niveis moi baixos, por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional. A primeira medida do novo goberno foi a suba das pensións nun 0,9%, aínda que por debaixo do incremento do 1,6% que tivera lugar no 2019. E no acordo asinado entre PSOE e Unidas Podemos recóllese o obxectivo de "blindar" as pensións, asegurando "a sostibilidade do sistema público" e a súa "revalorización conforme ao custo da vida". Tamén se aposta polo aumento do poder adquisitivo das pensións mínimas e as non contributivas e a redución da actual fenda de xénero.
Este xoves CGT e CUT convocan manifestacións en defensa "do sistema público de pensións" e tamén a CIG se mobiliza esixindo a derrogación das reformas que nos últimos anos afectaron ás pensións
A mobilización segue na rúa, en calquera caso, e este xoves 30 de xaneiro CGT, CUT, Sindicato de Estudantes, e Sindicato Ferroviario convocan manifestacións na Coruña, Compostela e Vigo en defensa "do sistema público de pensións". As marchas partirán ás 19.30 horas e as organizacións convocantes sinalan que "se as promesas electorais non teñen na rúa unha resposta activa e permanente, convértense en cantos de serea e ilusionismo”.
De igual xeito, a CIG maniféstase en todas as comarcas galegas este xoves esixindo "cambios reais nas políticas que nos permitan recuperar os dereitos roubados e vivir e traballar dignamente na nosa Terra". As convocatorias do sindicato nacionalista inciden na derrogación das reformas laborais e tamén nas que afectaron ás pensións. "Hai que ir a unha supresión integral destas reformas que só serviron para empobrecer a clase traballadora" , sinala a central.
En Galicia hai ao redor de 767.634 pensionistas, case o 30% da poboación. O importe medio das pensións contributivas sitúase nos 961 euros mensuais, unha cifra que como todos os promedios agocha as desigualdades do seu interior.
O dato galego está moi lonxe da media española e converte o noso país no segundo territorio coas pensións máis reducidas, superando unicamente a Estremadura
Ademais, esta cantidade sitúase moi lonxe da media española (1.143,6 euros) e converte Galicia no segundo territorio coas pensións máis reducidas, superando unicamente a Estremadura. A diferenza de 180 euros coa media estatal, chega a ser de 200 euros con Cataluña e Aragón, de máis 300 con Navarra e Madrid e de máis de 400 con Asturias e País Vasco.
A fenda que sofren os e as pensionistas galegas mantense nas novas altas, é dicir, nas persoas que acaban de xubilarse e comezan a cobrar agora as súas pensións. O pasado ano 2019 o importe medio das novas pensións de xubliación situouse en Galicia nos 1.221 euros, fronte aos 1.334 da media española. Galicia é a cuarta comunidade autónoma con contías máis reducidas nas novas pensións, superando unicamente a Estremadura, Canarias e Murcia.
A metade dos e das pensionistas galegas non chegan a 706 euros mensuais, moi pouco por riba da Pensión Mínima Interprofesional (PMI)
Porén, hai un gran número de xubilados e xubiladas galegas que fican moi lonxe de acadar a devandita pensión media. De feito, segundo os datos correspondentes ao ano 2018, a metade dos e das pensionistas galegas non chegan a 706 euros mensuais, moi pouco por riba da Pensión Mínima Interprofesional (PMI), que estaba establecida en 2018 en 8.493,80 euros anuais, uns 639 euros mensuais en 14 pagas. Ademais, o 75% das pensións de xubilación galegas situábanse por debaixo dos 1.104 euros mensuais.
Entre o conxunto dos case 800.000 pensionistas galegos (379.620 homes e 403.395 mulleres) máis do 25% non chega a esa Pensión Mínima (639 euros mensuais) e a porcentaxe chega ata o 29% no caso das mulleres.
O 66% dos pensionistas (78% no caso das mulleres) recibe pensións por debaixo dos 959 euros mensuais
Se a ese colectivo lles sumamos os que cada mes ingresan entre 1 e 1,5 PMI, o continxente máis importante, obtemos que máis de 525.000 xubilados reciben en Galicia pensións inferiores aos 959 euros mensuais (12.741 euros anuais). Esa cifra representa o 66% do total, unha proporción que nas mulleres chega a ser do 78%, mentres que nos homes fica no 55%.
Existe unha gran fenda de xénero nas pensións, cunha diferenza de máis de catro mil euros anuais entre o que reciben os e as xubiladas galegas que, ademais, vaise facendo máis grande nos últimos anos. As pensións de viuvez están entre as máis baixas, situándose en 2019 nos 603 euros mensuais. Isto fai que en Galicia oito de cada dez pensionistas por viuvez estean por debaixo do limiar da pobreza
As pensións máis reducidas atópanse nas localidades máis rurais e envellecidas e, en xeral, nos concellos cunha maior porcentaxe de poboación dedicada ao sector agrogandeiro
Hai tamén importantes diferenzas territoriais. As pensións máis altas localízanse nas zonas urbanas e tamén en lugares cunha importante presenza industrial, como As Pontes, Cervo, Xove ou Carballeda de Valdeorras. E as máis reducidas atópanse nas localidades máis rurais e envellecidas e, en xeral, nos concellos cunha maior porcentaxe de poboación dedicada ao sector agrogandeiro.
As Pontes rexistra de feito a pensión media máis elevada, seguido de Fene, Cervo, Ferrol e Mugardos. As pensións máis reducidas corresponden a varios concellos ourensáns, pero tamén do interior da provincia da Coruña: Vimianzo, Val do Dubra, Tordoia, Sarreaus, Santa Comba, Baltar, Ramirás, O Irixo, Padrenda, Quintela de Leirado e Avión.