Seis mil traballadoras a tempo parcial poden beneficiarse en Galicia da revisión retroactiva das súas pensións

Presentación da campaña de UGT-Galicia © UGT-Galicia

As traballadoras a tempo parcial vían recortadas as súas pensións por "dúas vías", a base reguladora da pensión e o cálculo do periodo cotizado, e esa dobre redución resultaba inxusta

O pasado mes de xullo o Tribunal Constitucional anulou o mecanismo para calcular as pensións das persoas que traballaran principalmente a tempo parcial. A decisión, adoptada por unanimidade, subliñaba que o calculo anterior prexudicaba a quen traballara a media xornada, especialmente ás mulleres, que constitúen o 75% dos empregos a tempo parcial. O tribunal, que seguía o fixado por unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, sinalou que anteriormente as traballadoras a tempo parcial vían recortadas as súas pensións por "dúas vías", a base reguladora da pensión e o cálculo do período cotizado, e que esa dobre redución resultaba inxusta.

Porén, en principio asumiuse que a sentenza só ía ter implicacións para as persoas que se xubilasen a partir de agora e para quen tivese algunha reclamación aberta por este motivo. Pero non é esa a interpretación que fan os sindicatos, que reclaman que a revisión á alza da pensión se aplique tamén de forma retroactiva, cando menos para as traballadoras e traballadores xubilados nos últimos anos.

Protesta por pensións dignas en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

UGT aposta por aplicar unha retroactividade de cando menos catro anos

Neste senso UGT-Galicia presentou hai uns días a campaña “Pensionista reclama. É de xustiza. É o teu dereito”, que busca que os e as pensionistas que no seu día traballaron a tempo parcial e que viron reducida a súa pensión pola aplicación dun coeficiente redutor (coeficiente de parcialidade) reclamen o incremento das contías que lles corresponden.

UGT aposta por aplicar unha retroactividade de cando menos catro anos, seguindo a doutrina do Tribunal de Xustiza da UE. Segundo as estimacións do sindicato, en Galicia poderían verse beneficiados da aplicación desta retroactividade unhas 6.000 pensionistas (120.000 en todo o Estado).

O sindicato subliña que "a parcialidade ten rostro de muller", lembrando que o 74,3% dos traballadores galegos a tempo parcial son mulleres

O sindicato subliña que "a parcialidade ten rostro de muller", lembrando que o 74,3% dos traballadores galegos a tempo parcial son mulleres. Engade que o 13,6% do total de traballadores do país ten un contrato a tempo parcial e, que no 52,8% dos casos é de forma involuntaria; isto é, gustaríalles traballar a xornada completa.

Para o sindicato, outra das grandes eivas da sentenza é que só considera inconstitucional a forma de 
calcular o período cotizado pero non se pronuncia sobre a base reguladora das pensións de xubilación das persoas a tempo parcial, que orixina tamén a redución da contía destas pensións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.