0 Gardados para despois

Oito de cada dez pensionistas por viuvez en Galicia están por baixo do limiar da pobreza

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Case o 20% da poboación galega percibe ingresos que a sitúan en risco de pobreza e algo máis do 25%, en risco de pobreza ou exclusión. A diminución dos niveis medios da renda da poboación provocou, como xa detallou Praza.gal, que tras varios anos a descender estes indicadores volvesen incrementarse entre 2014 e 2015. No marco dos actos do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, que culminan o vindeiro 17 de outubro, a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galicia) recompila estes datos e, xunto ao resto de entidades de EAPN España, pon o foco nos sectores da poboación máis vulnerables. No caso galego, estes estudos fíxanse na situación "especialmente grave das mulleres viúvas", toda vez que oito de cada dez perciben ingresos baixo o limiar da pobreza.

Como xa avanzaron os datos do INE o pasado maio, a devandita cuarta parte da poboación en risco de pobreza ou exclusión implica que máis de 700.000 persoas teñen que desenvolver a súa vida diaria con dificultades económicas de grao diverso. Dentro delas contabilízanse unhas 132.000 que se atopan en situación de pobreza extrema, isto é, que "sobreviven con ingresos inferiores a 332 euros mensuais". Dentro delas, unha proporción relevante correspóndese con quen viven dunha pensión de viuvez, perfil que maioritariamente se corresponde con mulleres que xa traspasaron a idade de xubilación.

Unhas 132.000 persoas "sobreviven" en Galicia "con ingresos inferiores a 332 euros mensuais"

"Dado que os ingresos das persoas maiores -evidencia a EAPN- dependen na súa práctica totalidade das pensións que perciben, a súa situación de pobreza dependerá fundamentalmente do importe da pensión". Neste sentido, a desagregación das persoas perceptoras de pensións de viuvez segundo a súa contía amosa que unhas 55.000 persoas reciben prestacións que, atendendo aos estándares internacionais, teñen importes inferiores ao devandito limiar da pobreza extrema. Mentres, a cifra de pensionistas por viuvez cuxas prestacións non traspasan o limiar da pobreza -uns 667 euros mensuais- supera as 150.000 persoas dun total de algo menos de 187.000.

As viúvas son o grupo de pensionistas no que máis impacta o risco de pobreza, pero non o único. Nun contexto de soldos cronicamente baixos o importe das pensións abonadas en Galicia no seu conxunto -máis de 750.000 entre incapacidade permanente, viuvez, orfandade, favor familiar e, sobre todo, xubilación, que ascenden a case 470.000- fai que case o 63% das mesmas estea por baixo do limiar da pobreza. Isto, subliña a Rede Galega contra a Pobreza, supón que "473.985 persoas maiores estean en situación de pobreza ou exclusión social a causa das súas baixas pensións".

Máis do 60% do total de pensións galegas están por baixo do limiar da pobreza

Ao contrario do que sucede noutros indicadores, neste caso a comparación co resto do Estado non mellora o panorama. Non en van, o feito a proporción de pensións por baixo do limiar da pobreza en Galicia está moi por riba da media estatal, máis de dez puntos, e é a maior de todas as comunidades autónomas. A única que se achega ao 60% é Extremadura, mentres que a maioría roldan o 50% e só dúas, Euskadi e Madrid, baixan do 40%. 

Estes serán algúns dos datos que estarán sobre a mesa, o vindeiro día 17, no acto central do Día da Erradicación da Pobreza, cando EAPN Galicia presentará o seu informe xunto á Valedora do Pobo e representantes das forzas parlamentarias galegas. En xeral, avanzan, as conclusións que tiran dos datos é que "o incremento recente de certos indicadores macroeconómicos só consegue manter a desigualdade" e "non se traduce nunha mellora das condicións de vida da maioría das persoas". Isto, resaltan, "incumpre os obxectivos sociais previstos na Estratexia Europa 2020" e fomenta a fenda social na suposta saída da crise.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.